Ovos e verán: como consumilos de forma segura

Huevos en cesta de mimbre

Se che preocupan os posibles riscos de comer ovos no verán, acabas de chegar ao lugar axeitado. Porque podemos aclarar todas as túas dúbidas e recomendarche as precaucións hixiénicas que debes seguir. Comer ovos no verán é seguro… se sabes como.

O consumo de ovos no verán adoita baixar lixeiramente porque aínda hai persoas que non teñen claro que é un alimento sometido a estritos controis sanitarios: tanto nas galiñas -dende o momento no que nacen até que rematan a súa vida- coma no propio ovo.

Así, en España están plenamente implantados dende fai anos os Programas Nacionais de Control (PNC), que se actualizan de xeito anual por parte do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, e que inclúen protocolos e controis obrigatorios para todo criador de galiñas poñedoras.

Por iso no noso país os brotes de salmonela -unha toxiinfección alimentaria que tamén se pode dar noutros alimentos, nó só nos ovos- son moi raros e, cando se producen, íllanse e neutralízanse moi rápido.

Precaucións que debes seguir para consumir ovos no verán

Ovos con cunca e pano de cociña

En primeiro lugar, trata de mercar os ovos o máis frescos posible. Isto é unha norma que deberas aplicar sempre, pero máis aínda nas épocas máis calorosas do ano.

Poderás atopar os ovos de Pazo de Vilane no teu punto de venda máis próximo moi frescos, con apenas 2 ou 3 días dende a súa data de posta, porque -a diferenza doutras marcas- non acumulamos stocks. Os ovos de Pazo parten ao seu destino o mesmo día ou ao día seguinte de ter sido postos polas nosas galiñas criadas en liberdade.

Así que revisa a data de posta no comercio, antes de adquirilos e tena sempre presente para consumilos antes de que caduquen.

En segundo lugar, é moi recomendable que te informes acerca de como conservar os ovos na casa.

En xeral, debes extremar a hixiene (lava as mans ao cociñar ou ao manipular os ovos, emprega panos limpos e mantén desinfectadas superficies e utensilios), e xusto ao chegar á casa garda os ovos na neveira, nunha das baldas -non na porta- e dentro do seu estoxo.

Ademais, ao chegar á casa tira ao lixo calquera ovo con fisuras, por pequenas que sexan. A casca é o mellor escudo protector natural contra enfermidades; se está rota o interior pode estar contaminado.

Como cociñar os ovos no verán para evitar riscos

Ovo frito con arándanos e aguacate

Sinxelo, cocíñaos até callalos perfectamente. Como diciamos antes, e se seguiches as pautas que che demos, o risco de salmonela é moi baixo, pero se ademais o ovo está cociñado a altas temperaturas, neutralízalo.

Non hai unha forma mellor ca outra de cociñar ovos no verán , sempre e cando acadaran unha temperatura axeitada. Así, son igual de seguros os ovos cocidos, cós cocotte (ao forno) ou fritidos.

Agora ben, se os fas en tortilla, pasados por auga ou cocidos sen casca, asegúrate de que estiveran a temperatura elevada o tempo suficiente.

Así mesmo, non deixes os ovos cociñados fóra da neveira durante máis dunha hora, de maneira especial se as temperaturas superan os 32º. Cando a calor aperta, as bacterias medran felices. Por tanto, faite cun recipiente especial isotérmico se queres trasladar (á montaña, á piscina…) os teus pratos con ovos.

Ademais, vixía a contaminación cruzada, é dicir, non empregues utensilios manchados de ovo cru para preparar outros ingredientes: lávaos ben con auga e xabón antes de utilizalos de novo.

Pola contra, os ovos non deben lavarse, como algunhas persoas cren erradamente.

A casca, grazas ás súas magníficas propiedades protectoras, resulta máis que suficiente para preservar o interior do ovo. Non obstante, se observas restos de feces ou plumas, podes lavalo, pero deberás consumilo no momento.

Outra medida de seguridade que moi pouca xente practica é a de cascar o ovo nun recipiente diferente ao que se vai empregar para cociñalo. É dicir, non o rompas no canto da tixola, senón nunha cunca ou prato aparte.

Frega moi ben -ou mellor, mete no lavalouza- os recipientes que tiveran ovo cru, e non separes as claras das xemas coa casca. Para facelo, emprega as mans ou unha pequena cunca.

Pratos con ovo para o verán

Como xa terás comprobado, non hai ningún motivo para privarte de consumir ovos no verán.

Sempre e cando os conserves e prepares nun ambiente de hixiene controlada, como é a túa casa, os merques nun comercio fiable, e a marca conte cun rexistro sanitario, non deberas ter ningún problema.

De feito, encántannos as receitas de verán con ovo, porque é un ingrediente dá moito de si en ensaladas, aperitivos ou sopas frías coma o salmorejo.

Recompilamos para ti seis receitas de verán que nos solucionan a vida nos días estivais, porque son sinxelas e rápidas, afórrannos moito tempo na cociña e ademais están deliciosas

Pero temos moitas máis suxestións de receitas fresquiñas, case tantas como días calorosos trae sempre o verán: como por exemplo a tortilla rechea mariñeira, a de espárragos, ou a de cabaciña e cebola, os ovos recheos con atún, a ensalada de aguacate, salmón e ovo campeiro, ou a sempre boísima ensalada rusa.

En resumo, xa comprobaches que os ovos e o verán poden ser unha combinación moi acaída sempre e cando sigas algunhas normas básicas moi sinxelas.

Lembra dúas das máis importantes: vixía a hixiene nas mans, utensilios, superficies e panos, e garda os ovos e pratos cociñados con eles na neveira. Feliz verán!

Gustouche este artigo? Pois ofrecémosche moito máis! Subscríbete ao noso boletín e recibirás un libro dixital gratuíto!