A casca do ovo: beneficios e utilidades

Huevos camperos en los pastos de Pazo de Vilane

O ovo é un dos alimentos máis completos que existen. As súas proteínas de alto valor biolóxico e a súa versatilidade convérteno nun elemento fundamental da nosa gastronomía. Habitualmente, asociamos o ovo á xema e a clara e non adoitamos conceder importancia á súa casca. 

Cal é a composición da casca do ovo?

No “Gran libro del huevo”  , publicado polo Instituto de Estudios del Huevo, podemos comprobar que a casca do ovo está formada principalmente por calcio. Con todo, na súa composición tamén podemos atopar sodio, magnesio, cinc, manganeso, ferro, cobre, aluminio e boro. Ademais de todos estes compoñentes, tamén existen diferentes concentracións de  pigmentos (principalmente  protoporfirina e  biliverdina) que serán responsables da cor do ovo .

Estruturalmente, a casca está composta por unha cutícula orgánica de proteínas e dúas membranas testáceas (interna e externa). Grazas a estas membranas, o interior do ovo está protexido fronte a posibles penetracións bacterianas. Recentemente, nun estudo internacional liderado por Marc  McKee, profesor na McGill University do Canadá, coa participación Alejandro B. Rodríguez Navarro, profesor da Universidade de Granada, confirmouse que a casca do ovo evoluciona durante a súa vida útil. Durante a investigación analizaron as nanoestructuras da casca do ovo e ratificaron que a casca modifica a súa dureza, a súa elasticidade e as súas propiedades co paso do tempo. Isto débese a que a casca ao principio debe protexer  férreamente o interior, pero debe ser fácil de romper no momento da eclosión.

Por que non se poden lavar os ovos?

A casca conta con numerosos poros para permitir o intercambio de gases entre o interior e o exterior. Se lavamos os ovos, as bacterias poderían penetrar no interior a través destes poros coa axuda da auga.

A lexislación establece que os ovos deben comercializarse coa casca limpa e intacta (Regulamento 589/2008 no seu artigo 2.1.a). A Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición ( AECOSAN) emitiu un informe no que confirma que a luz ultravioleta resulta eficaz para a redución da carga  microbiana da casca do ovo. Con todo, o método é limitado dado que algúns microorganismos resisten o tratamento. Por tanto é importante manipular con coidado os ovos e lavar as mans tras o seu uso para evitar a contaminación cruzada.

Pódese comer a casca do ovo?

Dende fai uns anos, saíron varias reportaxes nas que se anima a consumir cascas de ovo debido ao seu gran contido en calcio. Esta idea nace a partir dun estudo realizado en 2013  . Nel recóllese que se  trituramos a casca de ovo ata convertela en po e engadímola á pasta ou á masa de pizza, pódese tratar de paliar as deficiencias de calcio que existen na dieta. De todos os xeitos, ata o día de hoxe, non se profundou moito máis neste campo.

Polo momento, tan só é destacable unha publicación da University of  Sidney . Os investigadores trataron de atallar a desnutrición en África con suplementos alimenticios caseiros. Entre eles, un suplemento de calcio realizado a partir de casca de ovo. Aínda que neste caso propoñían ferver previamente as cascas 15 minutos para evitar posibles patóxenos, segue sen haber estudos que ratifiquen a seguridade deste método ao 100%. Ademais, é importante ter en conta que maila que a casca ten moito calcio, non é facilmente asimilable polo noso organismo.

Usos da casca de ovo

Máis aló de se as cascas poden ser comestibles ou non, é posible darlles unha segunda vida. Ademais das manualidades que podes facer coa casca do ovo /, é coñecido o seu uso como fertilizante en zonas con chans de gran acidez como Galicia, Zamora, León e Asturias. Ao aplicar casca de ovo ao chan como material encalante, lógrase elevar o pH do substrato sen necesidade de aplicar outros produtos químicos, sendo un aliado perfecto para a agricultura ecolóxica.

Nas industrias de cosmética e saúde tamén se están empezando a empregar as cascas de ovo. Eco- Shell é un proxecto da empresa navarra Eggovo financiado a través iniciativa europea ECO- INNOVATION. Eggovo presenta varias patentes de separación de casca e membranas sen aditivos químicos e xera produtos sostibles derivados do carbonato cálcico extraído dos ovos.

Os ovos  camperos de Pazo de  Vilane caracterízanse por ter unha casca resistente debido ás condicións de cría en liberdade das nosas galiñas e á súa alimentación equilibrada. Se queres profundar máis nas partes do ovo, no noso blogue atoparás moita máis información sobre a xema e a clara do ovo . Descúbreo!