Conxelar ovos: trucos para facelo ben

Yema de huevo

Pódense conxelar ovos? Velaí unha boa pregunta para a que temos a seguinte resposta, tan ambigua como galega: si… pero non.

E non estamos facendo unha homenaxe ao curioso proceder da terra galega, nin queremos saír pola tanxente, senón que sabemos que existen moitos trucos para conxelar ovos con seguridade, pero tamén un único argumento na contra de por que non facelo: apesáranos que un produto de tan alta calidade perda deste modo parte das súas propiedades.

Si que se poden conxelar ovos e poderalos usar unha vez desconxelados sen maiores problemas nos teus pratos, pero a súa calidade organoléptica e textura xa non será a mesma. E diante deste inconveniente de peso, dende Pazo de Vilane aconsellámosche non facelo.

O certo é que o ovo é un dos poucos alimentos que conta cunha estrutura natural ideal para a súa conservación. A casca do ovo, dura e porosa, unida ás membranas, elástica e adaptable, forman unha barreira defensiva física e química moi poderosas (están reforzadas por substancias que repelen os microorganismos) que protexe con gran eficacia a clara e a xema.

De aí que os ovos campeiros se conserven frescos sen necesidade de frío -a temperatura estable e afastados do calor, dentro do seu estoxo- varias semanas (ten en conta que se estima en 28 días a data de consumo preferente dende o día de posta). Máis aínda se se conservan dentro da neveira.

É dicir, o ideal non sería conxelar ovos, senón mercalos con moi poucos días dende a súa posta no teu comercio de confianza e tratar de conservalos sen cociñar e en bo estado o máximo tempo posible.

Agora ben, dito isto, e se non che queda máis remedio que conxelar os ovos (porque tes moitos e temes que se estraguen) e como “aquí non se tira nada”, dicían moi sabiamente as nosas nais e avoas, apuntámosche algúns trucos para facelo correctamente.

Trucos para conxelar e desconxelar ovos

Non conxeles ovos dentro da súa casca

Nunca metas un ovo directamente ao conxelador… ou provocarás un pequeno desastre.

Ao conxelarse, a clara expandirase e romperá a casca, estoupando o ovo enteiro. Se algunha vez che pasou isto con algún outro alimento ou bebida saberás o tipo de estrago do que estamos a falar.

Se queres conxelar un ovo enteiro, mellor batido

É a mellor forma de facelo. Se o conxelas tal e como sae da casca (coa xema no centro da clara) non che quedará de todo ben.

Así que báteo cun belisco de sal (ou de azucre, segundo prefiras) e méteo nun recipiente de cristal, ben pechado.

Xemas e claras, por separado

E sempre en envases de cristal (non plástico, para evitar que se absorban aromas e sabores) perfectamente esterilizados.

Se ademais utilizas de novo todos os botes de cristal das legumes, verduras, de conservas en escabeche… (chegará con que os laves no lavalouza) estarás colaborando coa sustentabilidade.

Realiza a operación cos botes acabados de hixienizar. Separa moi ben as xemas e as claras e vérteas, por separado, en dous recipientes o suficientemente grandes, para que se poidan expandir sen problemas.

Despois, pecha coa súa tapa, pero coloca no medio unha lámina de plástico de cociña, para que o frío do conxelador non queime o contido.

As xemas, batidas, nunca tal cal

Ou quedaranche con textura “como de goma” e non as poderás volver bater. Mellor, báteas e inmediatamente vérteas a un tarro de cristal esterilizado. Cerra con plástico, como diciamos antes, e ao conxelador directamente.

Non conxeles ovos cocidos

Contrariamente ao que moita xente cre, os ovos cocidos non duran máis cós frescos. É dicir, non alongarás a vida dun ovo a punto de caducar se o coces.

Pero tampouco conxeles directamente un ovo duro: unha vez desconxelado notarás de seguida que non foi boa idea. A clara terá unha textura desagradable, parecida a unha goma de mascar.

Á hora de desconxelar…

Faino con calma e método. Primeiro pasa os ovos á neveira, máis tarde ao mesado, pero sempre dentro do seu recipiente. Non uses o forno de microondas, correrás o perigo de que o ovo altere a súa textura ou que mesmo se cociñe parcialmente.

Emprégaos en canto estean desconxelados e cocíñaos sempre a altas temperaturas (non os engadas a maionesas ou preparacións en cru).

Canto tempo aguantan conxelados?

Aínda que hai cociñeiros e especialistas en nutrición que aconsellan conservalos até 8 meses ou incluso 12, nós non os deixariamos máis de 6; no caso contrario correrás o risco de que perdan a súa textura e propiedades culinarias iniciais.

Xa sabes que en Pazo de Vilane non somos partidarios da conxelación de ovos e só che aconsellariamos esta práctica se temes que se che poidan estragar.

Pero se non che queda máis remedio, faino moito antes de que deixen de estar frescos e con tódalas precaucións de limpeza ao manipulalos, lembra que os deixarás sen a súa natural barreira protectora, a casca e as membranas.

Sobre todo, aconsellámosche manter unha boa planificación da túa compra de alimentos: adquire só os que vaias consumir, planificando con anterioridade os teus menús para evitar gastos innecesarios. Todas estas prácticas forman parte dun comportamento sostible co que todos gañamos, tamén o planeta.

Gustouche este artigo? Pois ofrecémosche moito máis! Subscríbete ao noso boletín e recibirás un libro dixital gratuíto!