Como pelar ovos cocidos… Sen morrer no intento!

Huevos cocidos para pelar

Unha das cousas que pon a proba a paciencia de calquera é pelar un ovo duro. E é que non sempre a casca sae á primeira e dunha vez. Ás veces resístese… e de que maneira!

O asunto pode pasar de anecdótico a verdadeiramente desesperante cando tes que pelar unha fonte grande de ovos cocidos para elaborar uns ovos recheos, ovos villaroy, ensalada César ou outras receitas semellantes, porque na cociña nunca nos sobra o tempo.

Por iso mesmo, e para facilitarche tan dificultosa tarefa, recompilamos todos os trucos que coñecemos para pelar ovos duros sen que se pegue a casca. Hainos tradicionais, orixinais, sinxelos ou máis elaborados, pero todos funcionan.

Agora ben, e sen tempo para facerche un spoiler, adiantámosche que o noso primeiro consello é algo tan aparentemente básico como cocer os ovos axeitadamente, a fin de poder pelalos ben despois.

Por outro lado, resultarache curioso comprobar que, só neste caso, a frescura dos ovos xoga na túa contra.

Os ovos moi frescos, como os de Pazo de Vilane, que chegan ao teu comercio con moi poucos días de posta, son máis difíciles de pelar. O motivo é que as membranas do ovo comezan a despegarse da clara a medida que pasan os días, porque o aire penetra pouco a pouco a través da casca, que é porosa.

Pasounos centos de veces no Pazo: cústanos moito máis pelar un ovo acabado de coller no galiñeiro… Pero merece a pena!

Así pois, non perdas de vista todas as nosas indicacións e trucos a este respecto, porque che facilitarán moito a tarefa cando te poñas “man á obra”. Xa verás que diferenza.

Comezamos!

Como cocer ovos para que a casca saia con facilidade

Avanzámoscho antes: é preciso poñer en práctica algúns consellos importantes previamente, durante e despois da cocción. Se os ovos están ben cocidos, pelalos será coser e cantar.

En primeiro lugar, saca os ovos do frigorífico, polo menos, con media hora de antelación, para que se atemperen e non estean tan fríos. Neste caso poderás comezar coa cocción con auga quente ou mesmo fervendo. Como o ovo non sufrirá un cambio brusco de temperatura, non gretará ao cocer.

Agora ben, se non tiveches tempo de sacalos antes, non os mergulles directamente na auga moi quente; moito mellor nela fría, así daraslle tempo a adecuarse pouco a pouco ás temperaturas de cocción e non romperá.

En calquera caso, é mellor asegurarse con dous pequenos trucos de todas a vida: botar sal e un chorro de vinagre axudarache a que os ovos se cozan sen que rompan.

Cascas de ovo

Así mesmo, é fundamental que a auga cubra os ovos por completo, para que fervan de maneira uniforme.

Se prefires botar os ovos nunha pota cando ferva, faino con moito coidado, dun en un, e inmediatamente dálles unhas voltas cunha culler de madeira: con este truco tan sinxelo as xemas quedaranche perfectamente centradas.

Déixaos cocer só 10 minutos, ben dende que rompan a ferver, ben dende que os botes na auga xa fervendo.

Unha vez que transcorra este tempo é moi importante cortar a cocción en auga moi fría, mellor se está un pouco xeada (podes engadir xeo).

Técnicas para pelar un ovo

Unha vez fríos chega a tarefa de pelalos. Para facelo propoñémosche varias técnicas; agora é cuestión de que practiques e escollas a que máis che guste.

Técnica do bote con auga

Mete o ovo nun bote de cristal con tapa, éncheo de auga até a metade, tápao ben e axita con suavidade. Ao golpear contra as paredes a casca gretará con uniformidade; despois non terás máis que tirar dun anaco: o resto, unido pola membrana, sairá detrás.

Técnica da cunca con auga

Mergulla os ovos nunha cunca con auga quentiña e pélaos dentro, coas mans. A auga axudarache a despegar a teaxe ou membrana da casca e a tarefa serache ben sinxela.

Técnica do golpe na base

Se prefires non empregar ningún utensilio, a forma máis eficaz de comezar a pelar un ovo duro é darlle un golpe seco contra o mesado, xusto na base do ovo (é dicir, a contraria á que ten forma de pico).

Como é nesta zona onde comeza a penetrar o aire a través da súa casca porosa, sempre queda un oco (máis ou menos grande, dependendo do fresco que estea).

Como apuntabamos antes, a maior frescura, menor será este oco ou marxe. Pero incluso se te “enfrontas” a un ovo moi fresco, é sen dúbida o mellor lugar para abordalo.

Despois retira os primeiros cachiños da base e continúa pelando en redondo, axudándote do teu dedo polgar e tratando de introducilo entre a membrana e o ovo. Tira con suavidade e arrastrará boa parte da casca.

Técnica da paleta ou culler de madeira

Apunta este outro truco: despois dos 10 minutos de rigor de cocción, retira a cazola do lume e cunha paleta ou unha culler de madeira, golpea con coidado os ovos, até rompelos (ollo, ten coidado coas posibles queimaduras). Deixa repousar uns minutos.

A auga case fervendo penetrará debaixo das membranas e, unha vez que arrefríe a auga, poderás pelalos con moita facilidade.

Até aquí contámosche tódolos trucos que coñecemos para pelar sen esforzo un ovo duro: unha tarefa en aparencia sinxela, pero que se pode complicar e facernos perder tempo de maneira inútil.

Agora só che falta que te enchas de inspiración -apuntámosche unha boa morea de receitas con ovos cocidos- e que cingas o mandil, para que poidas poñer en práctica todas as técnicas que acabamos de compartir. Xa nos contarás!

Gustouche este artigo? Pois ofrecémosche moito máis! Subscríbete ao noso boletín e recibirás un libro dixital gratuíto!