18 curiosidades das galiñas que non coñecías

Gallinas mirando a la cámara

Despois de máis de 25 anos de traballo, en Pazo de Vilane aínda nos seguimos a sorprender coas curiosidades das galiñas. Non paramos de descubrir cousas novas delas!

Pensabas que eran animais simples e que interactuaban pouco cos humanos? Todo o contrario: son listas, simpáticas, e moi curiosas, e podemos asegurarvos que nos devolven con de sobra todos os coidados que lles prodigamos.

Non só nos dan fermosos e nutritivos ovos a diario, tamén notamos as súas reaccións de aprecio e cariño cando abrimos as portas do galiñeiro, limpamos os niños ou, simplemente, cando pasamos tempo con elas e lles ensinamos a pacer.

Xa verás como o seu comportamento, costumes e a súa propia natureza tamén logran sorprenderte.

As galiñas, aínda que comen, non teñen estómago

Só teñen moega, un órgano común en todas as aves e que desempeña a función de moer ou esmiuzar o alimento, formado principalmente por grans.

Por iso, as galiñas criadas en liberdade, como as nosas, pican algunhas pedriñas de vez en cando, xa que lles axuda a mellorar a súa dixestión ao actuar como pequenas “rodas de muíño”.

Necesitan un descanso reparador

As galiñas non son festeiras, iso está claro. Precisan descansar unhas 6-8 horas diarias seguidas cada noite. Elas sábeno e en canto cae o sol, sen que ninguén teña que andar atrás delas ou chamalas, recóllense soas no galiñeiro.

As últimas en entrar adoitan ser as denominadas galiñas dominantes do lote ou manada. Son as máis valentes e tratan de establecer relacións de submisión sobre o resto. Non teñen présa en entrar porque saben que, aínda que entren en último lugar, faranse cun bo sitio para pasar a noite.

Polos no Pazo de Vilane ao anoitecer

Outra curiosidade: tamén poderás identificar ás dominantes cando pacen, xa que é frecuente que se separen do grupo para “investigar”.

Ás veces pelexan coas súas conxéneres

Se non están ben adestradas dende pequenas, ou se as condicións que as arrodean (temperatura, acceso a comida e bebida e un longo etc.) non son as axeitadas, poden volverse agresivas e polo tanto producirse pelexas no galiñeiro provocadas polas galiñas dominantes, que pagarán o seu mal humor coas submisas.

Agora ben, isto é perfectamente evitable se se lles proporcionan os coidados necesarios.

Pero tamén saben ser cariñosas

E moito. É algo que lle encanta a todos os que nos visitan en Pazo de Vilane.

As nosas galiñas déixanse coller en brazos sen problema durante un bo anaco, e en canto entramos nos prados nos que pacen, achéganse a nós en pequenas mandas a fisgar.

Ás veces, se levamos calzado con cordóns, pícano… Porque os confunden con vermes!

Galiña sedosa

Unha das razas máis dóciles de galiñas é a Sedosa do Xapón ou Silkie. Ademais de moi rechamante pola súa espectacular plumaxe, é tan nobre e fiel que se a crías no teu xardín seguirate alí a onde vaias.

Razas de galiñas: todo un mundo!

Falando de razas de galiñas, no mundo están rexistradas unhas 2.630 que se poden clasificar segundo diferentes criterios: por tamaño (xigantes, medianas ou lixeiras, pequenas e incluso ananas), propósito (poñedoras ou de dobre propósito, destas últimas aprovéitanse os seus ovos e a súa carne) segundo a súa procedencia -asiáticas, mediterráneas, norteamericanas ou atlánticas- ou atendendo á súa orixe (autóctonas ou híbridas).

Galiña Cochinchina

Aínda que gardan similitudes comúns (por exemplo, todas poñen ovos, se ben en diferente cantidade, cores e tamaños) tamén presentan diferenzas moi rechamantes.

E como mostra comparemos unha galiña Serama, tan pequena coma unha pomba, fronte á galiña Cochinchina, que acada con facilidade os nosos xeonllos.

Prefiren durmir nos altos

Unha curiosidade sobre as galiñas que che vai chamar moito a atención: se poden escoller, subiranse a un lugar alto para durmir, preferiblemente sobre un pau ou percha. Así, elevadas dentro do galiñeiro, é como se senten máis seguras fronte a depredadores.

Patas de galiña pousadas

Lamentablemente, unha galiña encerrada nunha gaiola, e máis se ocupa un lugar baixo ou dorme sobre o chan, non terá este privilexio e sufrirá de estrés.

Recoñecen ao seu coidador, e non lles gustan os cambios

En Pazo de Vilane témolo comprobado dende fai anos. As galiñas dun lote determinado (as que conviven xuntas nun galiñeiro) recoñecen ao seu coidador e non lles fan ningunha gracia os cambios.

Coidadores de galiñas

Se por algún motivo o granxeiro falta á súa cita diaria coas súas “raparigas” o cacarexo vólvese intranquilo e denota moito máis nerviosismo que habitualmente, aínda que lles proporcionen idénticos coidados.

Non todas teñen crista

Esta é unha das curiosidades das galiñas que máis chaman a atención. Non é que non a teñan, senón que máis ben é moi pequena ou case imperceptible, como por exemplo a galiña de Mos, que ten unha cabeza que ofrece un aspecto de plumas curtas moi peiteadas.

Galiña polaca

Pola contra, as galiñas “moñudas”, como as paduanas ou as polacas, locen uns penachos de plumas “estilo punk” moi graciosos que a agochan.

Son “caprichosas” para comer

Poderiamos dicir que moi “cucas”, e escollen primeiro as partes do composto que máis lles gustan, desbotando outros nutrientes menos saborosos pero que tamén precisan.

Por iso, os granxeiros de Pazo de Vilane se esforzan en ofrecerlles o alimento -unha mestura de cereais, leguminosas e calcio, etc.- moído de maneira axeitada, deixando máis grandes as partes que menos lles gustan, para que as atopen con maior facilidade, Desta maneira comen todo!

Unha das curiosidades máis rechamantes das galiñas: poñen ovos de cores variadas

En xeral, as galiñas de plumas escuras poñen ovos marróns ou crema claro; as galiñas de plumas brancas ou claras, ovos brancos.

Cesta con ovos brancos e marróns

Pero existen razas que producen ovos de cores máis exóticas, como a  Araucana (azuis) ou a galiña Marans (chocolate).

A boa educación é moi necesaria

Parte do importante traballo que desempeñan os nosos granxeiros en Pazo de Vilane é educar ou adestrar ás galiñas: cando son noviñas deben aprender a poñer só nos niñeiros, non no chan do galiñeiro ou en calquera outro lugar que lles apeteza, porque isto favorece a hixiene.

Granxeira con galiñas

Ademais, tamén grazas á observación e á acción do granxeiro evítanse pelexas, separando ás máis conflitivas ou protexendo ás máis submisas.

Sempre van existir pequenos conflitos entre galiñas, posto que a súa natureza animal é así, seguen unha orde xerárquica que comeza a establecerse cando só teñen unha semana de vida e que estará totalmente establecido ás sete.

A súa “vida social” xira arredor dun pequeno grupo ao que sempre permanecen unidas, e o seu instinto lévaas a moverse xuntas en busca de alimento nos pastos -aínda que teñan o penso garantido no galiñeiro- e a recollerse, tamén dentro deses pequenos grupos, cando chega a noite.

Comida en abundancia e bos coidados… Man de santo!

As pelexas comezan en canto perciben que se lles restrinxe a comida e a bebida. Así que, se crías galiñas na casa, dálles de comer a demanda, e non lles limites o acceso ao campo para que poidan escoller por si mesmas herbas, flores, sementes e insectos que completen a súa dieta.

Desta maneira, non só estarán mellor alimentadas, senón que tamén máis entretidas (e xa se sabe que a ociosidade é a nai de todos “os vicios”).

As galiñas desfrutan duns sentidos moi desenvolvidos

Un dos sentidos máis importantes das galiñas é o tacto, que se localiza especialmente no pico e na lingua. Grazas ao conxunto de terminacións nerviosas desa zona poden analizar de maneira concienciuda o alimento: o seu aspecto, dureza, textura, temperatura…

As plumas son tamén moi sensibles, e proporciónanlles moi boa información sobre o medio que as arrodea: frío, calor, humidade ambiente…

Por iso desfrutan especialmente dos seus baños de area (isto só está ao alcance das galiñas campeiras, non das galiñas engaioladas nin das de chan, tamén chamadas “libres de gaiola”) posto que para elas é unha especie de masaxe moi relaxante.

A vista das galiñas é especialmente sensible á luz, de maneira especial nas horas de descanso. Por iso é unha práctica moi cruel sometelas a un exceso de luz eléctrica para que poñan máis -como se fai aínda hoxe en día en moitas explotacións avícolas- posto que as molesta moito máis que a un humano.

Os ovos de dobre xema ou os XL son unha excepción

E non a regra! O normal é que as galiñas, sexa cal sexa a súa raza, poñan ovos dunha única xema e de tamaño normal (M ou L).

Tanto os ovos moi grandes (XL) coma os de dúas xemas aparecen só moi de vez en cando na vida dunha ave (ou ás veces, nunca).

Sería algo parecido á posibilidade dunha muller de ter xemelgos: pode acontecer, pero non é o habitual.

Con gran forza dende pequenas

Sorprende a forza coa que poden peteirar as galiñas, sobre todo cando observamos como o fan cando nacen, rompendo o ovo dende o seu interior.

Pito rompendo a cuncha

Iso ten unha explicación: ao tempo que o embrión vai medrando dentro do ovo, o calcio da casca despréndese da súa cara interna, alimentando ao pitiño nos seus últimos días.

Así, non só está máis forte, senón que a casca vaise debilitando, facilitando que roma.

A crista: un órgano cheo de segredos

A crista é un dos órganos máis curiosos das galiñas, posto que nos indica como vai o crecemento e desenvolvemento sexual da galiña, así como o seu estado de saúde en xeral.

Ademais, grazas á (boa ou mala) cor da crista dunha galiña un granxeiro experto pode saber facilmente se esta pace ou permanece encerrada, é dicir, se respira aire puro ou se recibe as raiolas do sol.

Cresta da galiña

É un órgano moi vascularizado, regado polo sangue da galiña. Por iso, xusto despois de poñer un ovo a crista sempre está máis pálida durante uns minutos, dado que se concentrou o sangue na cloaca da ave polo esforzo da expulsión.

Os primeiros ovos: pequenos e escasos

A posta do primeiro ovo para unha galiña podería compararse ao momento no que a unha nena lle vén a primeira regra. É a primeira ovulación para ambas as dúas.

Por iso as galiñas non precisan de ningún galo para poñer ovos; de feito, en Pazo de Vilane non os hai (nin os haberá).

No caso da galiña, e como acontece ás veces nas mulleres novas, as primeiras postas de ovos serán erráticas, até que a ave madure de todo e se estabilice, até que chegue a poñer regularmente (dependendo da súa raza e outras moitas máis condicións)

Así mesmo, os ovos das primeiras postas son máis pequenos, pero teñen un mellor sabor cós posteriores. Son unha auténtica delicia!

Caixa de ovos primeira posta Pazo de Vilane

En Pazo de Vilane, cando entran pitiñas novas nas nosas fincas e contamos coa produción suficiente lanzamos edicións moi especiais e limitadas destes ovos; poderás recoñecelos pola súa caixa negra.

Memoria… de galiña?

As galiñas poden presumir de certos trazos de memoria episódica, isto é, a relacionada con sucesos autobiográficos.

En diversas probas comprobouse que as adultas lembran onde agocharon un obxecto (por exemplo, unha lambetada) e os pitiños poden distinguir a imaxe da súa nai ás 24-36 horas despois de nacer. En Pazo de Vilane damos fe desta memoria; por exemplo: lembran e recoñecen o son da furgoneta na que acode o seu coidador ao galiñeiro cada mañá (e non o doutro vehículo que aparque nas inmediacións á mesma hora). En canto o oen, póñense a cacarexar de ledicia.

Por certo, tamén intúen a hora, aínda que non teñan reloxo. A medida que se achega o momento de abrirlles as portas para saír ao campo (sobre as 10-11 da mañá) póñense máis excitadas.

Como ves, resumimos unha morea de curiosidades das galiñas que te terán sorprendido ou incluso marabillado. A natureza parouse especialmente con estes animais, que nos favorecen cos seus sans ovos, dun valor nutricional extraordinario, e aos que debemos estar moi agradecidos. Por iso en Pazo de Vilane a nosa prioridade é a de proporcionarlles os mellores coidados, con criterios máximos de benestar animal.

Animámoste a que busques os nosos ovos moi preto da túa casa: ti beneficiaraste do seu incrible sabor a campo, e nos poderemos seguir mantendo a nosa granxa extensiva sostible.

Fontes:

Pazo de Vilane

Gustouche este artigo? Pois ofrecémosche moito máis! Subscríbete ao noso boletín e recibirás un libro dixital gratuíto!