Presentámosche a galiña Paduana, unha ave italiana cun curioso “moño” ou copete, de bo porte e carácter tranquilo. É unha das galiñas máis vistosas e tamén das máis antigas de Europa.
Segue a ler, que cho imos contar todo sobre esta pitiña paduana ou padovana, como tamén é coñecida.
Orixe e historia da galiña paduana
A galiña Paduana ou Padovana é unha das máis simpáticas e orixinais. Leva por nome o xentilicio de Padua, cidade do norte de Italia, pero aínda hoxe non se ten claro de todo a súa orixe histórica.
Por un lado, asegúrase que procede dunha mestura de razas polacas e holandesas, mentres que outras fontes afirman que foi o nobre paduano Giovanni Dondi dell´Orologio (médico, astrónomo, enxeñeiro e alquimista) quen as introduciu na súa cidade procedentes de Polonia cara o ano 1300.
Non obstante, como en moitas fontes do século XVI se fala dunha raza de polos de Padua moi produtiva e resistente, e a raza Paduana de penacho grande xa se describe e se ilustra no século XVII na obra Ornithologiae de Ulisse Aldovrandi, admítese polo xeral que a raza é orixinaria de Italia.
Ao igual ca moitas razas autóctonas non especialmente indicadas para as grandes producións avícolas, estivo a piques de desaparecer nos anos 60; sen embargo, e por fortuna, un grupo de produtores agrupáronse na Asociación “Pro Avibus Nostris”, enmarcada no Instituto Profesional de Agricultura “San Benedetto de Norcia” de Padua.
Como é a galiña paduana?
A Paduana é unha galiña que se encadra nas razas ornamentais, aínda que se podería dicir que é unha galiña de dobre propósito, que proporciona un número razoable de ovos e ademais ofrece unha carne magra, fina e de delicado sabor.
O primeiro que chama a atención delas é que son moñudas, cun enorme copete de plumas soltas e lixeiras. É unha ave elegante, moi esperta, pero de carácter tranquilo e confiado.
Nas femias a madurez chega sobre os 5-6 meses, que é cando comezan a dar ovos. Estes soen ser de bo tamaño (50 e 60 gramos) e brancos.
É de tamaño mediano, sen crista (que substitúe polo seu rechamante “toucado”, e con patillas destacadas. Non ten barbas, ou apenas se aprecian, pois están tapadas pola abondosa plumaxe.
As galiñas adoitan pesar entre 1,5 qg e 2 qg, mentres que os galos poden acadar entre os 1,8 e 2,3 qg.
Non é complexo distinguir aos galos das galiñas Paduanas, a pesares da ausencia de crista. Deixando a un lado o maior tamaño dos machos, as plumas da cabeza dos galos son máis caídas e máis aguzadas. Nas galiñas o penacho é tamén esférico e moi denso, pero as plumas non colgan.
É frecuente que os ollos sexan pardos, redondos, grandes e moi vivos. O pico é moi forte, e algo curvado.
A plumaxe da galiña Paduana -que ten a particularidade de que poida ser rizada ou lisa- oscila entre varias cores: dourado, prateado, con toque de negro ou marrón.
En canto á súa postura, é señorial, ergueita, acentuada polo seu tronco alongado.
Existe unha curiosa variedade anana da galiña Paduana, idéntica á orixinal salvo polo peso: os capóns raras veces superan 1 qg, mentres que as galiñas oscilan entre os 700 e os 900 gramos.
As galiñas Paduanas ou Padovanas poden chegar a poñer entre 120 e 150 ovos brancos ao ano duns 50 ou 60 g. Sen embargo, non son boas nais e non soen querer incubar, polo que sacar adiante novos exemplares é todo un reto para o criador.
Coidados e localización ideal da túa galiña paduana
Se estás decidido a criar galiñas paduanas, é preciso que dispoñas dun lugar ao aire libre que sexa amplo dabondo para que paseen, escaravellen, peteiren e rebusquen na herba.
De feito, é unha galiña omnívora á que lle encanta alimentarse de cereais e grans -presentes nos seus compostos- pero tamén de insectos, pequenos vermes ou larvas cos que se atopan nos seus paseos campestres. Dado o tamaño da Paduana, precisará uns 135 g de penso diario.
Esta galiña sofre en climas húmidos, debido á abondosa plumaxe que arrodea os seus ollos e orellas; o feito de ter de maneira constante as plumas molladas pode provocar enfermidades nesas zonas tan delicadas.
Neste sentido, é bo facerlle recortes ao penacho de cando en vez para que as plumas non caian sobre os ollos. Tamén hai que procurar resgardalas no galiñeiro cando chove e proporcionarlles un bebedoiro de tipo “biberón” (non un prato) para evitar que se mollen.
Así mesmo, procura que a Paduana non viva soa, porque as galiñas son aves de comportamentos gregarios e séntense mellor en grupos onde exista unha xerarquía.
Con todos estes coidados as túas galiñas paduanas vivirán felices e ti desfrutarán dos seus ovos, o seu bo carácter e aspecto vistoso.
Gustouche este artigo? Pois ofrecémosche moito máis! Subscríbete ao noso boletín e recibirás un libro dixital gratuíto!