Unha galiña está choca cando sente por instinto que os seus ovos están fecundados e debe incubalos a fin de sacar adiante os seus pitiños. Agora ben, pode haber galiña choca sen galo?
Pois non é o habitual, pero tampouco é imposible.
Se unha das túas galiñas poñedoras, antes doce e simpática, se tornou en rosmona e irascible, tenta picarte cando te achegas e amosa un acusado apego polo seu niño, estás ante unha galiña choca “de libro”.
Que debes facer neste caso? Segue a ler e toma boa nota, porque dende Pazo de Vilane imos dar resposta a todas as túas dúbidas sobre as galiñas chocas.
Que quere dicir que unha galiña está choca?
Unha galiña está choca cando, seguindo o seu instinto animal, sente que está preparada para ser nai e comeza a incubar os seus ovos, á marxe de que tivera sido fecundada ou non por un galo, é dicir, con independencia de que os ovos sexan ou non sexan fértiles.
Cando sente esa chamada da natureza a galiña recóllese no niño, onde habitualmente pon os seus ovos, e séntase para incubalos durante uns 21 días, sen apenas descanso.
Como se nota que unha galiña vai chocar?
Os signos ou sinais de que unha galiña está choca son claros. De pronto ten a mirada como perdida e mostra un gran apego ao niño: pasa moito tempo enriba del ou nas súas inmediacións, levando e traendo pallas e plumas para facelo máis confortable…
Ao mesmo tempo, deixa de poñer, e ademais vólvese moi irritable. Se alguén se achega ao niño protéxeo ferozmente, erguendo as plumas e mesmo chegando a picar, aínda que sempre tivera sido de bo carácter.
De onde ven a palabra choca?
Con toda probabilidade é unha onomatopea do característico son que emite a galiña cando entra neste estado, algo parecido a un “cloc-cloc” do que derivaría o termo.
Os bos coidadores de galiñas coñecer ben ese ton tan peculiar, posto que non se asemella ao habitual cacarexo.
É contaxioso o instinto de chocar?
Non é contaxioso como tal, como podería ser un virus, pero si que é certo que nalgunhas razas de galiñas este instinto de chocar desenvólvese por imitación, de tal xeito que se unha ave do galiñeiro choca é moito máis probable que o resto tamén o faga.
Por que as galiñas poñedoras non chocan con facilidade?
Porque neste tipo de estirpes non é un carácter desexado dende o punto de vista xenético e, polo tanto, non se selecciona.
Por que chega a chocar unha galiña sen galo?
Como xa apuntabamos antes, os ovos sen recoller no niñeiro son parte do problema.
Cando a galiña se senta a poñer, os ovos acumulados doutras postas estimulan as plumas e a pel do peito, provocando que un conxunto de hormonas, como a luteizante (LH), os esteroides ováricos ou a prolactina se descompensen.
Debido a este desaxuste hormonal chega un sinal equivocado ao seu cerebro, a galiña sinte que foi fecundada e que, en consecuencia, debe incubar os seus ovos.
Interesa ou non interesa que a miña galiña choque?
Se crías galiñas e ademais polos, é moi positivo que a túa galiña choque, posto que iso significa que foi fecundada polo teu galo e que nun prazo aproximado de 21 días se vai ampliar a familia.
Aínda así, deberás vixiar que non tivera sido nai moi recentemente, posto que convén deixar un tempo para que se recupere.
Cada canto choca unha galiña?
Depende moito do tipo de raza. As galiñas poñedoras, como a nosa Lohmann, a estirpe que criamos en Pazo de Vilane, non é frecuente que choquen.
Con todo, outras moitas razas, como a Sedosa do Xapón ou Silkie, a Sussex ou a Brahma, teñen tendencia a chocar con facilidade.
En xeral -e exceptuando a Sedosa, que é de tamaño pequeno- as galiñas máis grandes, como a Cochinchina, adoitan chocar con facilidade.
Por outro lado, e dentro desta primeira criba que establece a propia raza, este instinto dáse máis en épocas cálidas, durante a primavera, o verán ou a comezos do outono.
Que acontece cando unha galiña choca está incubando ovos fértiles?
No momento en que comeza a chocar deixará de poñer ovos.
Se é unha boa nai (iso vai depender en gran medida da raza) só se retirará do niño para satisfacer as súas necesidades básicas: comer, beber e defecar.
Nada de paseos, empoleirar ou darse baños de area: nestes momentos as mamás galiñas están concentradas en sacar adiante os seus pitiños.
Se ves que ten demasiados ovos e que o seu corpo non abarca para cubrilos todos (algunhas chegan a estender as ás para protexelos) non o dubides e retíralle algúns.
Ademais, se outra das túas mamás galiñas é “díscola” e abandona con frecuencia os ovos, podes sen problema engadilos ao niño das máis “dedicadas” (sempre e cando teñan espazo); adoptaranos coma propios.
Aos 21 días nacerán os pitiños, e a nai seguiraos protexendo baixo o seu corpo e ás o tempo necesario até que poidan desenvolverse por si mesmos, unhas 6 semanas despois.
Durante todo este tempo -entre 12 e 14 semanas- non poñerá ovos. Cando remate este período volverao facer, pero paseniñamente.
Á vista de todo o anterior, poderás imaxinar que nunha granxa de ovos campeiros como Pazo de Vilane non é habitual tratar con galiñas chocas.
Recollemos tódolos días os nosos ovos, que chegan con moi poucos días de posta á túa tenda máis próxima, por iso é moi raro que este instinto natural esperte nas nosas poñedoras.
E é que na nosa longa experiencia de máis de 25 anos dedicados en exclusiva ás galiñas campeiras (Pazo de Vilane é a primeira granxa que introduciu ovos campeiros no mercado español) aprendemos a recoñecer calquera comportamento nas nosas benqueridas galiñas, por illado ou casual que sexa, e a evitalo se non segue os nosos criterios de benestar animal.
Fontes
Departamento de calidade de Pazo de Vilane.
Gustouche este artigo? Pois ofrecémosche moito máis! Subscríbete ao noso boletín e recibirás un libro dixital gratuíto!