Ovos Villaroy

Os ovos de Villaroy son un aperitivo ideal para sorprender aos teus convidados. Aprende a facer esta deliciosa receita de forma rápida e sinxela

35 minutos 4 comensales

Presentámosche estes exquisitos Ovos Villaroy que podes levar á túa mesa como un segundo prato impoñente ou mesmo como un aperitivo espectacular nunha cea de petiscar.

Os Ovos Villaroy son deses pratos que en Pazo de Vilane denominamos “valor seguro”: gustan a todo o mundo e voan da fonte tan pronto como os sacas da mesa.

Non esquezas facer unha boa remesa deles cando os prepares. Podes conxelalos (rebozados, pero sen frixir) e sacalos sempre que te atopes nun apuro: uns convidados inesperados ou uns nenos con fame que chegan do parque á hora de cear. Devoraranos!

Tamén, se fas moitos e che sobran, podes gardalos nun recipiente hermético na neveira. Aguantan moi ben até tres días.

Para requentalos xa frixidos, deixa que temperen e vólveos pasar só uns intres polo aceite ben quente. Verás como están igual de suculentos có primeiro día.

Huevos Villaroy

Variacións e acompañamentos dos ovos villaroy

  • Esta versión que che propoñemos é a máis sinxela, pero está para chupar os dedos: baséase unicamente nunha salsa de bechamel espesa e nun empanado lixeiro.
  • Se che apetece darlle un toque especial, podes remitirte ás orixes desta receita e introducir unha redución de champiñóns.
  • Tritúraos ben finos e fainos a lume lento en manteiga, cun chorro mínimo de viño branco.
  • Engádeos ao bechamel cando teñan soltado todo o seu mollo e estean ben reducidos.
  • Outro truco: acompaña estes ricos ovos Villaroy cunha salsa de tomate caseira ou cunha española... Non te arrepentirás.
  • Como se trata dunha receita “contundente” (e moi celebrada polos máis pequenos da casa, por certo) unhas verduriñas ou unha boa ensalada será suficiente para que teñas un prato moi completo.
  Huevos Villaroy

Ingredientes

  • 8 ovos campeiros Pazo de Vilane
  • Para a bechamel: 1/2 litro de leite enteiro
  • 40 g de manteiga
  • 40 g de fariña de trigo
  • 1 belisco de sal
  • 1 belisco de noz moscada
  • 1 belisco de pementa
  • Para o rebozado 150-200 g de pan relado
  • 1 ovo campeiro Pazo de Vilane
  • 1 chorriño de aceite de oliva ou xirasol para frixir

Elaboración

  1. Para elaborar o bechamel, funde a manteiga a lume lento-medio nunha pota e engade a fariña de golpe. Remove cunha batedeira ou culler de pau e deixa que colla cor sen queimarse.
  2. Engade o leite e o sal, a pementa e a noz moscada. Remexe sen parar (vixía o lume para que non se pegue) e deixa cocer até que estea ben ligado.
  3. Retira e deixa repousar até que o bechamel estea totalmente frío.
  4. Mentres, coce os ovos. Retira aos 5 minutos a partir da primeira fervura, para que a xema quede bastante líquida. En caso de que che gusten máis callados, déixaos máis tempo, até 10 minutos.
  5. Sácaos, arrefríaos (mergullándoos en auga) e pélaos.
  6. Nunha bandexa forrada de papel de forno e cun pouco de aceite -para que che sexa máis fácil manexalos- vai poñendo culleradas de bechamel. Coloca un ovo en cada montón e despois tápaos cunha nova capa da salsa ben espesa.
  7. Dá aos ovos forma lixeiramente cunha culler e lévaos á neveira unha hora ou dúas, para que endurezan. Así serache máis fácil manipulalos despois.
  8. Para o empanado, bate un ovo nun prato amplo e quenta un chorro xeneroso de aceite para frixir.
  9. Bota tamén pan relado (mellor se é caseiro) nun prato ou fonte, até formar unha capa uniforme.
  10. Mergulla cada ovo villaroy en ovo e despois no pan. Dálle dúas pasadas se o ves necesario, até que teñas un empanado ben compacto.
  11. Vai frixindo aos poucos, vixiando moi ben a temperatura para que non se che queime o empanado. Deben quedar crocantes por fóra e melosos por dentro.
  12. Colócaos sobre unha fonte con papel absorbente para que escorran. Sírveos quentes.
Subscríbete ao noso boletín
Mantente informado de todo o que acontece no Pazo de Vilane e goza das nosas actividades, sorteos, premios...
Información básica 1ª CAPA sobre Protección de Datos: Responsable: Pazo de Vilane | Finalidade: Contestar ás solicitudes de información do interesado, establecemento ou mantemento de Relacións Comerciais e posiblemente para o envío de publicidade. | Lexitimación: Consentimento do interesado e interese lexítimo no desenvolvemento da relación comercial | Destinatarios: Non se cede a información | Dereitos: Acceso, rectificación, supresión, limitación, oposición e portabilidade | Información adicional: Política de privacidade