Receitas de verán: fáciles, ricas e refrescantes

Ingredientes para recetas de verano

O calor xa está aquí, e con el, as marabillas que nos ofrece a natureza: o mar, a montaña, o campo, as lagoas e ríos… É hora de planificar os teus menús, porque no verán agradecerás ter a man receitas de verán nutritivas, saudables e rápidas para pasar menos tempo na cociña e desfrutar de máis tempo cos teus.

Apunta todas as ideas que che trouxemos, porque estes pratos de verán son a solución perfecta. Bota man sempre deles cando teñas pouco tempo e un montón de bocas famentas ás que alimentar.

Consellos para organizar as túas receitas de verán

  • O verán está para desfrutalo, así que… Non te compliques! Escolle pratos moi sinxelos, que poidas preparar con antelación, e que estean igual de ricos fríos, coma estes que che propoñemos.
  • Se cociñas dunha vez -unha vez cada poucos días, ou polo menos unha vez cada xornada- aforrarás tempo, e non só na elaboración, senón ao recoller a cociña. Parácheste a pensar na cantidade de tempo que lle adicas a esta tarefa?
  • Outra vantaxe da planificación previa é que che obriga a organizar a lista da compra. Isto só trae vantaxes: novo aforro de tempo e moito menos desperdicio de alimentos.
  • Conserva as túas receitas de verán en recipientes tapados de cristal (moito mellor que de plástico) ben ordenados e na neveira para evitar contaminacións.

Salmorejo

salmorejo

É un dos reis das receitas de verán e converteuse, ademais, nunha das receitas máis de moda nos restaurantes de luxo. Quen llo ía dicir aos humildes labregos cordobeses que reparaban forzas con tan rico prato?

A receita do salmorejo é moi fácil de elaborar e sempre queda ben. Só precisarás o pan do día anterior, uns tomates apropiados (hai moitos tipos de tomates, así que infórmate primeiro sobre os mellores para este prato), allo, e aceite de oliva. Unha pouca maña… e listo. Os ovos campeiros do Pazo, picadiños por enriba, son imprescindibles, claro.

Ovos cocotte con tomate

Ovos cocotte en tomate

Unha receita nada calórica pero moi rica e moi sofisticada. A nosa receita de ovos cocotte con tomates é moi orixinal e rechamante, así que perfectamente a vas poder servir como primeiro prato se tes convidados na túa terraza ou no xardín.

Só vas precisar uns minutos previos para preparar os poucos ingredientes do recheo, algúns máis de forno… e á mesa. Verás que éxito!

Mousse de iogur e marmelada de tomate

Mousse de iogur con marmelada de tomate

Outro “pratazo” que non pode faltar nas túas ceas de celebración estivais. Quedarache de chupar os dedos se o acompañas con torradas de pan caseiro.

Na nosa receita de mousse de iogur empregamos a marmelada de tomate caseira de Pazo de Vilane.

Podes usala con total tranquilidade, porque é igualiña á que fas na casa: está cociñada con tomates ben vermellos e aromáticos, a lume lento e con agarimo. Atoparala na nosa tenda online ou en moitos puntos de venda preto da túa casa.

E respecto á menta, recomendámosche que sexa acabada de cortar. Por que non aproveitas para facerte agora coa túa propia maceta? É unha planta moi agradecida e fácil de cultivar que desprende un arrecendo moi refrescante.

Ensalada de aguacate, salmón e ovo campeiro

Ensalada de aguacate e ovo campeiro

Sóbranche 10 minutos? Pois xa tes unha receita de verán memorable, perfecta para a túa mellor festa.

Os protagonistas desta incrible receita de ensalada de aguacate son -ademais desta froita tan sa e versátil- os ovos campeiros de Pazo de Vilane, o salmón afumado, o mango e os froitos secos picados.

Ocórreseche algo máis delicioso e sinxelo de facer? Próbaa xa, que esta ensalada de aguacate vaise converter nun dos teus pratos fixos nos teus menús de verán.

Ensalada de pasta

Ensalada de pasta Pazo de Vilane

Un auténtico clásico do verán. A pasta fría combina con todo e é perfecta para pratos de “tuper”, eses que che dan a vida cando os degustas en excursións ao campo ou ao mar. Por que quedar nun simple bocadillo?

Ademais, aos nenos encántalles, e como leva ingredientes nutritivos e moi sans, esta receita de ensalada de pasta é un prato único ideal, porque nun so prato tes todos os nutrientes: non precisas nada máis.

Un truquiño moi Pazo de Vilane: se escolles queixo parmesano acabado de cortar e unhas follas de albáfega picadas na vinagreta daraslle un toque italiano delicioso.

Tortilla campeira

Tortilla campeira

Lévao até no nome: esta receita de tortilla campeira naceu para acompañarte nos teus días de campo. Escolle unha boa sombra á beira dun río, unha novela emocionante e non esquezas un viño branco ben fresquiño e unha cadeira cómoda, porque esta tortilla é merecente de toda esa liturxia de verán.

No Pazo facémola con chourizo afumado da terra, e con pementos acabados de coller da horta, que lle dan un toque inesquecible.

Agora ben, a clave está nos ovos: cando son bos, campeiros, de galiñas que pacen en liberdade nos prados galegos, como as nosas, as tortillas saen espectaculares.

Próbaa, e xa nos dis.

Pois ben, xa tes a lista das 6 receitas de verán máis fáciles, nutritivas e efectivas que puidemos atopar. Como terás comprobado, todas elas se fan nun momento, sen manchar moito a cociña e con técnicas ben sinxelas.

Ademais, moitas delas melloran co repouso, por iso son perfectas para cociñar, gardar e degustar cando chegue o momento.

Ten estas receitas ben a man, libérate un pouco da cociña… e desfruta do tempo libre, as boas temperaturas e da familia e amigos. Feliz verán!