Galiña Piñeira: galega polos catro costados

Gallina piñeira

Se en ocasións anteriores falamos da galiña de Mos, unha raza autóctona galega, hoxe centrarémonos na galiña piñeira, outra preciosa ave de excelente carne e notable poñedora de ovos, tan galeguiña coma a anterior.

Despois de décadas en perigo de extinción, a “galiña piñeira” está experimentando nos últimos anos un afortunado rexurdir da man dun grupo de criadores galegos, localizados arredor da zona de Arzúa (A Coruña) que na actualidade demandan o seu recoñecemento como raza autóctona por parte da Administración.

Galiña piñeira

A recuperación da raza comezouna o veterinario Jesús García Rodríguez, quen recolleu pola comarca os poucos exemplares que puido atopar para comezar a cruzalos entre si. Pouco a pouco aumentaron os criadores de Piñeiras, sempre de carácter pequeno e local.

Características da galiña piñeira

A galiña Piñeira diferénciase da galiña de Mos en que é lixeira -a outra é máis pesada- e silvestre, é dicir, conservou os xenes orixinarios que determinan un comportamento máis “salvaxe” ou agreste.

Por exemplo, é unha galiña que é capaz de voar durante máis tempo e máis lonxe ca outras máis pesadas, incapaces de levantar o voo tan sequera uns poucos metros. E prefiren subir a unha árbore (se a teñen a man) ca recollerse pola noite no galiñeiro. Cuestión de instintos.

A Piñeira é unha galiña de dobre propósito -da que se aproveitan tanto a súa carne coma os seus ovos- rústica e moi resistente fronte ás inclemencias, perfecta para ser criada en liberdade ou en produción campeira.

Pon bastantes ovos, entre 180 e 200 ou máis ao ano, o que supón unha cifra interesante para a súa condición de dobre propósito. Os ovos adoitan presentar un tamaño entre pequeno e mediano, que oscilan entre os 55 e os 65 gramos.

Tipos de galiña piñeira

Segundo detalla AGALPI (Asociación Galega para a Recuperación, Defensa, Produción e Promoción da Galiña Piñeira) existen tres variedades de galiñas piñeiras:

  • Aperdizada dourada ancestral (antes chamada asalmonada)
  • Aperdizada dourada silvestre
  • Branca

Das tres, a galiña piñeira branca é a máis poñedora.

Galos espectaculares e femias “camufladas”

Machos e femias son moi diferentes e distínguense a primeira vista, é dicir, é unha raza que se caracteriza polo seu dimorfismo sexual. Os machos son moi rechamantes, con librea moi vistosa ou preciosa plumaxe de cores variadas.

Crista de Gallina Piñeira

Os galos presentan peito pouco prominente, negro, ao igual que o ventre, con reflexos irisados. O pescozo é cor burdeos ou intenso viño tinto, a capa loce alaranxada, mentres a cola, despregada é moi fermosa, é tan negra coma o abdome. A crista é en forma de lingua, sen picos, e pequena en relación co queixelo.

A galiña, pola súa banda, conta cunha crista mínima, e nas variedades ancestral e silvestre mostra unha plumaxe “de camuflaxe” froito da orixe antiga e silvestre desta raza. En tempos nos que as galiñas non vivían domesticadas, senón que en completa liberdade (moitísimos séculos atrás) eran abundantes os depredadores e poucas as posibilidades de defensa, así que a súa mellor opción era esconderse, de aí que a plumaxe se imitara ao ambiente.

Galiña piñeira: unha carne exquisita

En todas as variedades da galiña Piñeira a carne é “un espectáculo”, como aseguran dende a asociación. Poderiamos definir o seu sabor como unha exquisita mestura entre a do polo e a da caza, aínda que na cociña tamén ten as súas similitude coa do xamón, escura e saborosa.

Ao criarse en liberdade, nun entorno privilexiado (o do rural galego) esta galiña non produce case graxa, de aí a especial natureza da súa carne, magra e delicada.

Nestes momentos, AGALPI está centrada en manter a pureza da raza Piñeira e en evitar que se mesture con outras para conservar estás características organolépticas únicas da súa carne.

Por fortuna, van medrando os restaurantes galegos de calidade que serven pratos con esta carne, o que supón unha interesante promoción para a consolidación e futuro da raza. Non obstante, o recoñecemento como raza autóctona por parte da Administración suporía o respaldo definitivo.