Un clásico da Semana Santa que podemos facer todo o ano. Os bolos de vento de bacallau levan séculos preparándose e séguennos encantando. Ademais, son unha boa forma de que os nenos tamén coman este peixe. Son moi sinxelos de preparar e, aínda que o de fritir sempre é un pouco tedioso, o resultado merecerá a pena.
En canto estean listos os bolos de vento sírveos porque é como máis ricos están, moi zumarentos por dentro e crocantes por fóra. Anímaste a cociñalos? Aquí tes todo o necesario.
Ingredientes
- 3 ovos campeiros de Pazo de Vilane
- 300 g de migas bacallau
- Unha ceboleta
- Perexil
- 130 g de fariña
- 150 ml de auga
- 2 culleradas de fermento
- Aceite
- Sal
Elaboración
- Collemos o bacallau e limpámolo, repasando por se hai algunha pequena espiña. Cortamos en anacos pequeniños.
- Picamos a ceboliña e botámola nunha tixola co aceite quente para que se poche. Engadimos o bacallau en migas e dámoslle unhas voltas.
- Nun cunco fondo bota a fariña tamizada e o fermento e mestura. Engade os ovos de Pazo e a auga e mestura ata que che quede unha masa sen grumos.
- Agora é o momento de unir o bacallau e a ceboliña cun chisco de sal e volver remover todo. Deixamos repousar 15 minutos.
- Collemos unha tixola con abundante aceite e, cando estea quente, botamos o primeiro bolo de vento dándolle forma coa axuda de dúas culleres. Deixámolos uns segundos ata que se douren e retiramos a unha bandexa con papel absorbente.