Tipos de tomates: as variedades máis consumidas en España

Os tomates son un dos alimentos preferidos en todo o mundo. Esta froita (si, non é unha verdura!) é a máis producida entre os alimentos cultivados, despois da pataca. Segundo a FAO, en 2018 cultiváronse preto de 180 millóns de toneladas de tomates.

De feito, e sen que sexas consciente, cada ano chegas a comer máis de 13 quilos desta delicia vermella chea de propiedades.

Por iso merece a pena que coñezas a fondo todos os tipos de tomate, a súa orixe e o uso máis atinado de cada un deles na cociña. Segue a ler, porque che imos desvelar todos os seus segredos.

Infografía Tipos de tomate

Breve historia do tomate

O tomate chegou a España dende América, nas primeiras viaxes de Colón e pouco a pouco estendeuse ao resto de Europa, en particular a Italia, con quen mantiñamos varias rutas comerciais.

Diversos autores sosteñen que é orixinario de México e que os aztecas xa o cultivaban, denominándoo “tomatl”, proba disto é que nunha crónica de 1519 o soldado de Hernán Cortés, Bernal Díaz del Castillo, describía os pratos do banquete que lles ofreceu como obsequio o emperador Moctezuma á súa chegada á capital, facendo clara referencia ao tomate como un dos manxares máis atractivos.

Aínda que ao comezo da súa chegada a España espertaba certa desconfianza (chegouse a pensar que era un froito tóxico, pola súa rechamante cor) pouco a pouco foise aceptando en toda a Península o seu cultivo e introducíndose en pratos moi populares, como o gazpacho, o salmorejo ou distintas ensaladas, como as pipirranas.

Ao longo da historia rexistráronse 10.000 tipos diferentes de tomate, aínda que hoxe en día non se cultivan todos. Con tanta variedade é fácil entender por que é preciso clasificar os tomates atendendo a distintos criterios, posto que isto axuda a unha mellor orde e control das tipoloxías.

Tipos de tomates segundo a súa variedade botánica

É dicir, segundo o tipo de prata da que proceden. Todas as variedades de tomate que se coñecen quedan clasificadas nestes 5 grandes grupos.

  • Vulgare
  • Cerasiforme
  • Pyriforme
  • Validum
  • Grandiflorum

Tipos de tomates segundo as normas de calidade europeas

Nesta clasificación podemos distinguir catro tipos comerciais:

  • Redondos lisos
  • Asucados
  • Oblongos
  • Cereixa

Tipos de tomate segundo o seu nome comercial

No mercado español podes atopar decenas de tipos de tomate atendendo á súa clase ou nome comercial. Algúns son híbridos, é dicir, obtidos a partires do cruce de variedades anteriores, e outros son de crianza tradicional, autóctonos, e danse nunha determinada zona.

Tomate Raf

Tomates Raf
Tomates Raf

O tomate raf, o tomate “pata negra” (como o coñecen os seus fans) é tamén de bo tamaño, asucado e de cor entre verdosa e avermellada, procedente dunha selección por parte dos labregos da Veiga de Almería de tomates que se cultivaban ao aire libre.

O seu nome é o acrónimo de “Resistente ao Fusarium”, pois precisamente esta resistencia ao fungo era o que nun inicio buscaban os horticultores.

É de forma irregular, achatado e ovalado, e ten verdadeiros adeptos polo seu delicioso sabor, moi doce. En cru, cunhas pingas de aceite de oliva e un chisco de sal, está espectacular.

Tomate Cherry ou Cereixa

Tomates Cherry
Tomates Cherry

Outra das ricas variedades “mini”. Os froitos Cherry miden uns 2 cm de diámetro e medran en plantas que poden chegar a dar varias decenas en forma de acio.

Os Cherry non son un híbrido tal e como moita xente cre de xeito errado; pola contra, datan, polo menos, do México Azteca do século XV, pero con probabilidade producíanse no Continente Americano dende tempos inmemoriais.

No momento no que os descubriron os españois, só se producían na súa variedade amarela. Máis tarde apareceron máis variantes (vermella e verde) e popularizáronse en Europa e EEUU a partires de comezos do XX.

Próbaos confeitados, están riquísimos!

Tomate Corazón de boi

Tomates Corazón de Boi
Tomates Corazón de Boi

De entre todos os tipos de tomates chaman a atención “os xigantes” Corazón de boi: algúns chegan a pasar dos 400 g!

Son moi coñecidos pola súa miola carnosa e por ter moi poucas sementes. Son deliciosos, doces, con moito mollo e pel fina. Non precisan de moito adubo: apenas un pouco sal e aceite de oliva virxe e renderaste ao seu sabor.

Tomate Pera

Tomates Pera
Tomates Pera

É unha variedade híbrida oblonga que recibe o seu nome da súa coñecida forma alongada, semellante a unha pera. É o preferido da industria da conserva.

Grazas á súa carnosidade, dozura e pel fina, poderás empregalo en guisos moi ligados e doces. Tamén é dos máis apreciados para elaborar gazpachos e para untar pan.

Tomate Valenciano

Tomates Valencianos
Tomates Valencianos

Cultívase na horta valenciana -de aí o seu nome- e é de pel fina, polo que ao tacto parece brando. Sen embargo, é abundante en carne e ten moito mollo. Podes atopalo en tres subvariedades: Femella, Mascles, de El Perelló. É ideal para ensaladas de tomate, pistos ou gazpachos.

Tomate Canario

Tomates Canarios
Tomates Canarios

É un dos tipos de tomates máis antigos, pois moitos estudos históricos suxiren que os primeiros tomates americanos chegaron a Europa a través das Illas Canarias, con probabilidade a partir de finais do século XVI.

Nesta terra o cultivo adaptouse perfectamente, grazas ás abondosas horas de sol e ás temperaturas constantes das que desfruta todo o ano (entre 18º e 22º).

O excelente tomate canario fíxose famoso en todo o continente e no século XIX xa chegaba a máis de 30 portos de todo o Vello Continente.

Os tomates canarios son redondos, lisos, tersos, brillantes e regulares. De gran aroma e sabor, quedan moi ricos en ensaladas ou sopas frías.

Tomate Negro de Santiago

Tomates Negros de Santiago
Tomates Negros de Santiago

O tomate Negro de Santiago é unha variedade autóctona que estaba case desaparecida e que agora, por fortuna e con moito esforzo se está recuperando en terras coruñesas.

Esta variedade galega é coñecida como “Tomate Lambetada”, e con iso dicímolo todo: son doces, de sabor intenso, de tamaño medio e locen unha bonita cor que mestura o vermello e o verde. En ensalada están deliciosos.

De momento, só están dispoñibles nos mercados galegos e ben entrado o mes de xullo. Se tes ocasión, búscaos… verás que ricos!!

Tomate Bond

Tomate Bond
Tomate Bond

Os Bond son tomates grandes (mesmo moi grandes), de pel grosa e con sucos, moi vermellos e saborosos, con gran cantidade de mollo.

En gran parte de España plántanse entre marzo e abril, posto que non aguantan as xeadas, así que non os vas poder atopar até o mes de xullo. Pero nese momento desfrutaralos en sopas frías, como gazpacho e salmorejo, pistos, pipirranas…

Tomate Andine Cornue

Tomate Andine Cornue
Tomate Andine Cornue

Os Andine Cornue teñen unha forma semellante á variedade Pera, pero rematan en punta, tal e como fan os pementos. Tamén lembran aos cornos dunha vaca, de aí o seu nome “cornue”, ou corno en francés.

Distinguiralos rápido doutros tomates oblongos, porque son máis alongados e irregulares.

Importáronse a Europa dende os Andes, de onde tamén tomaron o seu primeiro nome. É unha planta adaptada en orixe ás alturas, así que resiste ben algunha xeada esporádica e temperaturas algo máis baixas ca outras tomateiras cando aínda non están moi desenvolvidas, aínda que é preferible que desfrute de moito sol e auga.

Son de moi bo sabor e conteñen moita miola, sólida e carnosa, con poucas sementes. Son ideais para conservas.

Tomate Cuarenteno

Tomate Cuarenteno

Cultívase no litoral sur de Valencia, porque as temperaturas benignas que se dan na beira do mar Mediterráneo protéxeno das xeadas.

É un tomate de cedo, moi saboroso, de bo sabor e aroma, e dos primeiros en chegar ao mercado dentro dos cultivados ao aire libre. Moi indicado para ensaladas e rustridos, aínda que tamén fai moi boas conservas.

Tomate Pometa

Tomate Pometa
Tomate Pometa

Trátase dun tomate redondo, vermello intenso, moi aromático e de sabor exquisito. Os froitos son cheos, máis ben pequenos e de textura carnosa. Son moi típicos da zona do Maresme. Moi ricos tanto en ensaladas como en salas.

Tomate Bodar

Tomates Bodar
Tomates Bodar

Os Bodar son unha das variedades máis comúns. Veralos en moitos mercados catalogados baixo o nome xenérico de “tomates para ensalada” ou “tomates bola”.

É unha variedade híbrida moi produtiva, por iso é tan fácil de atopar. Ten unha cor intensa e unha forma redondeada moi bonita; se ben na mesa pode ser superado en sabor por outras variedades.

Tomate Carolina

Tomates Carolina
Tomates Carolina

Os tomates Carolina entran dentro da categoría de “benxamíns”. Son pequenos, moi parecidos aos Cherries, pero en forma de pera, moi saborosos, con moito mollo e vermellos e de pel fina.

En ensaladas é como mellor se distingue o seu sabor, pero en marmeladas, salsas ou chutneys están tamén deliciosos.

Que variedade de tomates empregamos na marmelada de Pazo de Vilane?

Moitos de vós facédesnos con frecuencia esa pregunta, así que hoxe ímoslle dar resposta: os nosos tomates son de produción ecolóxica, cultivados por agricultores galegos, e de dous tipos: Caramba e Montecarlo.

O tomate Caramba é carnoso, moi grande e con moito sabor. É un froito moi versátil, pois loce ben tanto en ensaladas como en guisos, pasando por marmeladas ou salsas doces, por suposto. Adáptase ben ao clima húmido e temperado do Norte, de aí a nosa elección.

O tomate Montecarlo, pola súa parte, é outra variedade “gourmet” de intenso sabor. É redondo e moi vermello e dáse de xeito principal en climas húmidos e temperados, polo que o verán galego resulta perfecto para o seu cultivo.

Infografía tipos de tomate de la Mermelada Pazo de VIlane

Elaboramos a nosa marmelada de tomate á maneira tradicional. Primeiro escollemos os tomates no seu punto exacto de maduración, como norma xeral, ben avanzado o verán. A continuación escaldámolos e triturámolos, xa pelados.

Cocemos os tomates a lume lento, xunto co ágar, o azucre de cana e o vinagre de mazá. O delicioso sabor agridoce procede da mestura de azucre, da propia dozura do tomate e do vinagre. Ese é o noso segredo!

A marmelada de tomate Pazo de Vilane ten a textura dun chutney ou salsa doce, así que cha recomendamos como acompañamento en táboas de queixos, rulos de cabra, patés, follados salgados…

Gústanos moito como contrapunto a crocantes de pasta filo recheos do que máis che guste: verduras, cogomelos, carne picada…

Tamén serve para dar un toque especial a tortas con queixos fundidos e froitos secos. E coas quiches esta marmelada queda sinxelamente estupenda.

Podes mercar na nosa tenda online, a calquera hora do día, a nosa marmelada caseira de tomates galegos, tan rica como a que fas na casa. Palabra!

En definitiva, como poderías comprobar, e tal e como che avanzamos ao comezo, existen infinidade de tipos de tomates. Aquí só recollemos uns cantos, os máis abundantes ou os que máis fácil podes atopar en España.

Así é todo, tivemos que deixar no tinteiro moitísimos tipos ou variedades de tomates autóctonos de gran riqueza organoléptica.

Invitámoste a buscalos en mercados e comercios de proximidade, non só para que os desfrutes coa túa familia, senón para apoiar aos pequenos agricultores que os producen e salvagardan para xeracións posteriores.

Fontes

https://www.frutas-hortalizas.com/Hortalizas/Tipos-variedades-Tomate.html

https://conecte.es/index.php/es/variedades/84-tomate-cuarenteno/descripcion

https://www.biohuerto.es/horticolas/8203-tomate-pometa-ecologico.htmlhttps://www.lovevalencia.com/tomates-valencianos.html

https://eltomate.info/tomate-andine-cornue/

Gustouche este artigo? Pois ofrecémosche moito máis! Subscríbete ao noso boletín e recibirás un libro dixital gratuíto!