De seguro que te deches conta de que o prezo dos ovos campeiros é superior ao dos ovos de galiñas engaioladas ou ao dos procedentes de galiñas criadas no chan.
E aínda que a priori che poida parecer que estás pagando un pouco máis polo mesmo produto, queremos demostrarche que non é así, e que paga a pena cada céntimo que pagas.
O prezo final dun ovo campeiro está directamente relacionado co seu custo de produción: custa moito máis producir un ovo campeiro ca un de gaiola ou de chan; por iso teñen un prezo maior, posto que doutro xeito as granxas de campeiro non seriamos sostibles nin rendibles, nin polo tanto poderiamos manter o noso produto a longo prazo, nin o emprego que xeramos.
Ademais, adiantámosche que os protocolos exclusivos de coidados de galiñas en liberdade que aplicamos en Pazo de Vilane implican un meirande emprego de man de obra e das mellores materias primas; isto trae aparellado, en consecuencia, un custo máis elevado.
Coñezamos máis a fondo todos estes procesos, por que implican maiores custos e como repercuten no prezo da ducia de ovos campeiros
O custo de manter granxas pequenas eleva o prezo dos ovos campeiros
En Pazo de Vilane só temos galiñeiros pequenos, porque isto implica un maior control do comportamento das aves: podemos vixiar se todas acceden por igual ao alimento e á auga, ou se mostran algún síntoma incipiente de enfermidade ou malestar.
Tamén, o feito de que as nosas galiñas vivan en galiñeiros pequenos facilítanos “ter a raia” ás dominantes do grupo para que non se impoñan con pelexas ás máis submisas, algo moi habitual nestas aves.
Naturalmente, ter moitas granxas pequenas é máis caro ca ter unha única granxa grande: supón máis edificacións, máis coidadores ou granxeiros, maiores custos de electricidade, máis desprazamentos para a recollida dos ovos… O que finalmente incide no prezo dos nosos ovos campeiros.
Non esquezamos que neste apartado tamén temos que sumar a amortización das fincas ou terras nas que se asentan as granxas, así como o seu mantemento.
O pastoreo das galiñas é máis caro… pero merece a pena
Un dos custos máis elevados que asumimos as granxas de galiñas campeiras con respecto ás de galiñas engaioladas ou as de chan é o pastoreo, que é precisamente un dos factores máis importantes da calidade do noso ovo e o que o define.
As galiñas de Pazo de Vilane pacen a diario, todos os días do ano, nos prados sempre verdes das nosas fincas da Comarca da Ulloa en Galicia.
Cada galiña desfruta de máis de 4m2 de prados, un espazo máis que considerable para o desenvolvemento dos seus instintos naturais.
Nas extensas hectáreas de terreo verde do Pazo peteiran, baten as ás e corren, desfrutan do sol e do aire libre, buscan insectos, flores e herbas que engaden á súa dieta baseada no composto de cereais e leguminosas…
Todos estes nutrientes incorpóranse ao ovo, o que lle dá unha mellor consistencia e un sabor natural; por iso é un alimento de moita máis calidade.
Agora ben, estas fincas, e o seu uso diario, implican un custo engadido, o que repercute no prezo do ovo campeiro.
Ademais da súa amortización pola inversión inicial, os pastos esixen coidados constantes ao longo do ano: sementar a herba – as galiñas peteiran e hai que repoboar a herba para que non a esquilmen- segas periódicas, etc.
Por fortuna, en Galicia, e máis en concreto na Ulloa, comarca onde se sitúa o Pazo de Vilane, a auga non é un problema, posto que o clima é húmido e temperado, mesmo no verán, o que favorece a fertilidade das nosas terras e a cría das galiñas campeiras.
Por iso as nosas aves acceden a pasto fresco todo o ano e non perden o apetito debido ás altas temperaturas, a diferenza do que acontece noutras rexións españolas, onde a calor e a secura son un problema nos meses máis calorosos.
Por iso, os nosos ovos manteñen no verán todos os seus nutrientes. Pola contra, as galiñas que pasan calor beben máis auga e, en consecuencia, os seus ovos vólvense máis acuosos, con maior porcentaxe líquido.
Así mesmo, as nosas galiñas comen máis cantidade de penso nos meses máis fríos respecto ás galiñas de gaiola e as de chan, polo exercicio diario e porque precisan máis calorías para facer fronte ao contraste entre a calor do galiñeiro e o fresco exterior.
Isto tamén supón un meirande custo para Pazo de Vilane e incide no prezo da ducia de ovos campeiros, pero o feito de que desfruten da luz solar e do aire libre, factores do seu benestar animal, é para nós unha condición de crianza imprescindible.
Así mesmo, hai outros dous custos produtivos máis asociados ao pastoreo.
Por un lado, o do granxeiro que debe estar presente nos paseos das súas galiñas polos pastos, a fin de defendelas de raposos, aves rapaces e outros animais que poidan supoñer unha ameaza. Por outro, o do transporte interno da recollida dos ovos, que implica o combustible de varias furgonetas que fan unha ruta diaria por todas as nosas fincas.
Pola contra, nas grandes granxas de ovo de galiñas en gaiola ou de galiñas de chan, onde permanecen confinadas toda a súa vida, non xeran estes custos.
A alimentación: só o mellor composto
A alimentación das nosas galiñas, baseada nun penso especialmente formulado para Pazo de Vilane, supón un dos nosos maiores custos de produción. Pero non estamos dispostos a regatear na calidade do alimento que reciben as nosas aves.
As galiñas campeiras de Pazo de Vilane só reciben os mellores cereais e leguminosas que atopamos no mercado, tanto en calidade coma en cantidade, pois comen a demanda.
Ademais, variamos a composición do penso en función das semanas de idade que teñan as nosas galiñas (segundo sexan novas ou xa adultas) posto que teñen necesidades nutricionais diferentes.
E aínda que nos últimos tempos se dispararon os custos dos cereais e leguminosas, non imos rebaixar a súa calidade; seguiremos adquirindo o mellor composto. Isto tamén é un principio fundamental de Pazo de Vilane, porque a saúde das nosas galiñas é o primeiro.
Calidade alimentaria e sanitaria, un custo moi necesario
Como é lóxico, cumprimos de xeito exhaustivo os estritos controis que establece o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, recollidos nos Programas Nacionais de Control (PNC), que todo criador de galiñas poñedoras debe obrigatoriamente adoptar para evitar a salmonelose e outras enfermidades tóxico-alimentarias.
Pero ademais en Pazo de Vilane tratamos de melloralos con controis veterinarios e precaucións hixiénicas adicionais. Igualmente, estamos sometidos a dúas certificacións de calidade en seguridade alimentaria, a IFS, na que AENOR é quen realiza a auditoría e leva a cabo a certificación, e Galicia Calidade, marca de calidade da Xunta de Galicia.
Todo isto leva consigo un custo extra que asumimos con gusto porque merece a pena.
Os custos de clasificado e empaquetado tamén inciden no prezo dos ovos campeiros
Como xa dixemos con anterioridade, os nosos granxeiros recollen os ovos en cada finca e prepáranos para que os transportistas os recollan inmediatamente e os leven ao Almacén central.
Isto non acontece nas grandes granxas de galiñas de gaiola ou de chan, onde toda a produción é recollida e transportada de maneira automática a través de cintas mecanizadas, é dicir, apenas intervén a man humana.
Unha vez que chega a produción diaria á nosa Sala de clasificado e empaquetado, os operarios do Almacén de Pazo de Vilane clasifican os ovos (apartan os que teñen algunha pluma ou restos de sucidade, que se descartan para a venda ao público e van destinados á industria alimentaria) e vanos gardando nas nosas caixas de cartón da galiña de Pazo de Vilane, que teñen unha montaxe completamente manual.
Por suposto, isto leva canda si uns custos en persoal máis elevados, pero parécenos a mellor forma de cumprir cun dos obxectivos cos que naceu Pazo de Vilane: axudar a vertebrar económica e socialmente a Comarca da Ulloa, proporcionando traballo estable aos mozos da zona.
Na actualidade Pazo de Vilane dá emprego directo a máis de 40 persoas; pola contra, as grandes granxas, a pesares do seu tamaño, están moito máis mecanizadas, e non ofrecen tantos postos de traballo.
Tamén a nosa caixa de cartón, elaborada cun material moito máis respectuoso co medio ambiente có plástico, ten un custo máis elevado, o que incrementa o prezo da nosa ducia de ovos campeiros, pero asumímolo porque forma parte dos nosos valores: defensa do artesán, naturalidade, reutilización e coidado do medio ambiente, entre outros.
Como ves, son moitos os factores que inflúen á alza no prezo dos ovos campeiros. Con todo, cremos firmemente que merece a pena pagar un pouco máis por defender unha produción máis sostible, que garante o benestar animal das galiñas, e que procura un mellor futuro para todos, tanto no plano económico coma no social ou medioambiental.
Escollendo os nosos ovos campeiros e pagando ese pequeno extra contribúes a que academos ese mellor mañá para as xeracións futuras.
Gustouche este artigo? Pois ofrecémosche moito máis! Subscríbete ao noso boletín e recibirás un libro dixital gratuíto!