O verán chega a Pazo de Vilane. Volven as reunións familiares e o reencontro con amigos. A natureza cambia de cores e as aves migratorias visítannos de novo. Descobre como viven as galiñas campeiras durante a estación estival e os cambios que se producen nas nosas colleitas ao longo deste período. Percorre a comarca da Ulloa e marabíllate cunha paisaxe única.
Herba máis fresca para as galiñas
O cambio de estación sempre trae novas rutinas e modifica algúns comportamentos dos animais. Para empezar, no verán os días son máis longos e tal e como comentamos cando falamos de cantos ovos pon unha galiña, este aumento de horas de luz (coñecido como fotoperiodo) é moi importante para a posta das galiñas campeiras. De feito, as investigadoras Alva Vasquez e Antonella Alexandra demostraron neste estudo que o maior número de horas de luz que hai no verán motiva que aumente a porcentaxe de produtividade das poñedeiras. Por este motivo os meses de primavera e verán presentan unha maior produción de ovos que no inverno.
Con todo, o aumento do fotoperiodo non é o único cambio que notan as galiñas de Pazo de Vilane durante esta época. A pesar do clima atlántico que goza a comarca da Ulloa, o aumento das temperaturas é evidente. Por ese motivo, durante esta estación é frecuente ver como as galiñas estenden as súas ás máis a miúdo buscando arrefriarse. Para nós o benestar das galiñas é prioritario, así que durante o verán vixiamos que os bebedoiros teñan auga fresca e que se atopen á sombra.
Ademais, durante estes meses, os prados onde as galiñas pasan as súas longas horas de recreo contan con herba fresca e brotes deliciosos. Esta maior dispoñibilidade de pastos frescos favorecen a produción de ovos campeiros de gran calidade.
O ciclo de arándanos e framboesas
Coa chegada do estío comeza a recollida do arándano. Ao contrario que as variedades temperás do sur de España, en Pazo de Vilane as campañas de recollida comezan a finais de xuño e prolóngase durante os meses estivais.
A madurez dos nosos arándanos e grosellas ecolóxicos empeza a colorear os arbustos e, tras ser guiados con estacas hai poucas semanas, atópanse en todo o seu esplendor. O aroma que desprenden ao pasear xunto a eles evoca os momentos felices de colleitas pasadas e confirman que a marmelada deste ano volverá ser moi saborosa.
Pola súa banda as framboesas aínda non están maduras, dado que a súa recollida é máis tardía. De feito, ata finais de agosto ou principios de setembro non chegará o momento no que podamos contar co outro ingrediente estrela das nosas marmeladas artesanais.
Esta época é a de maior trafego para a nosa horta. Os traballos realizados na primavera dan agora os seus froitos: É o momento da colleita de leitugas, pementos, espárragos, tomates e berenxenas. Ademais, todas as nosas árbores froiteiras están en flor aportando vistosos coloridos e doces aromas á nosa contorna.
O verán na comarca da Ulloa
Nos arredores do río Ulla comezan a florecer os xuncos, canas, salgueiros, freixos e fentos. Os roteiros de sendeirismo reciben aos primeiros camiñantes e na Peneda aparecen algúns peregrinos que percorren O Camiño francés.
As árbores plantadas nas anteriores edicións de “Unha idea, unha árbore” , comezaron a mostrar os seus primeiros brotes e dende o miradoiro O Farelo de Antas de Ulla pode apreciarse como a vexetación da comarca adoptou tonalidades cálidas e alegres.
O verán en Pazo de Vilane é unha época onde a natureza móstrase colorida e chea de vida. Animámosvos a coñecer a frondosa comarca da Ulloa así como a visitarnos se vos atopades pola zona. Gocemos xuntos destes días de temperaturas agradables e máis horas de luz.