Pazo de Vilane vaise de festival

O Festival Ribeira Sacra volveu un ano máis a encher de vida a Galicia interior. E este ano Pazo de Vilane estivo presente neste importante evento que mestura música, gastronomía e patrimonio. Os ovos campeiros de Pazo de Vilane foron actores principais nesta terceira edición do Festival Ribeira Sacra, dous proxectos sustentables que apostan polo coidado do medio ambiente, fomentar a gastronomía de calidade e a cultura na contorna rural.

A adega Regina Viarum serviu de escenario ao acto principal da xornada do venres na que Pazo de Vilane estivo presente a través dun showcooking no que o ovo campeiro foi o protagonista. O encargado da elaboración desta tapa, en total consonancia co concepto gastronómico de calidade, sustentabilidade e local, foi Carlos J. González. Trátase do xefe de cociña e responsable de Merenzao Restaurante –  Vinoteca, situada en Doade, en plena Ribeira Sacra, e que este ano foi nomeado ao prestixioso galardón Premio Cociñeiro 2019 que outorga o Fórum Gastronómico A Coruña.

O cociñeiro e o seu equipo foron os encargados de elaborar as máis de 900 tapas que se ofreceron gratuitamente nas adegas Regina  Viarum o venres 19 de xullo. A tapa consistía nunha base de champiñón Portobello sobre a que se colocaba unha crema realizada coa xema de ovo campeiro pasteurizada, proceso que permite manter o especial sabor do ovo Pazo de Vilane á vez que se garante a súa conservación. 

Remataba a presentación cunha escuma desde sifón da clara de ovo aderezada cun toque de trufa negra. O obxectivo desta deliciosa e vistosa tapa era presentar en esencia o ovo intensificando as súas propiedades e sabor. Esta actividade incluíase dentro da parte gastronómica do festival que, xunto co viño, a música e o patrimonio da Ribeira Sacra, son os puntos fundamentais que moven este evento.

O sol foi outro dos asistentes que non se quixo perder o evento. A xente chegaba entusiasmada á adega, un escenario de ilusión cunhas vistas únicas, e recibía encantada a invitación para degustar a tapa gratuíta dos ovos campeiros. Ademais, foron obsequiados con bolsas de tea de Pazo de Vilane para tódolos asistentes, unha forma de dar máis presenza á nosa marca. Tras o momento gastronómico púidose gozar dun directo espectacular á beira dos viñedos. O “autor que canta” Enric Montefusco interpretou os seus mellores temas nun potente directo que conseguiu enganchar aos asistentes.

Tras o concerto, os fogos artificiais puxeron o toque de luz a unha noite que seguiu coa música dun dj para os asistentes máis animados. Un Festival Ribeira Sacra que soubo dinamizar a zona e no que Pazo de Vilane quixo colaborar dentro das sinerxias que unen a ambas as marcas como dinamizadoras do interior.