As ideas que vos traemos hoxe encantaranvos. Desde dúas enxeñosas formas de almacenar panos ata unha que creou un soporte con dúas caixas da galiniña. Non as perdas!
Un novo ano está en marcha. E non podemos empezalo sen que as vosas marabillosas ideas de reutilización da caixa de ovos campeiros de Pazo de Vilane fagan a súa aparición. E é que, aínda que cambiásemos de década, queremos seguir transmitindo a vosa imaxinación á hora de darlle unha nova vida á caixa por medio do concurso 1 idea, 1 árbore.
Todos os anos convocamos este concurso pensando en fomentar as 3 R entre os nosos clientes: reducir, reciclar e reutilizar. Ademais, por cada idea que nos enviades comprometémonos a plantar unha árbore dunha especie autóctona na comarca da Ulloa, o lugar no que se atopa Pazo de Vilane. Contribuímos así de dobre maneira a coidar o medio ambiente, reciclando e aumentando a biodiversidade da zona.
O dispensador de Yolanda
Yolanda é lista. Sabe que cando chega esta época do ano é difícil que non fagan a súa aparición. En maiores e en pequenos. Ninguén se libra deles. Si, estamos a falar dos ditosos mocos que aparecen cada inverno. Para facernos máis amena a súa presenza creou un bonito dispensador introducindo un paquete de panos deses que basta con tirar para facernos cunha unidade dentro da caixa de ovos. A cuberta da caixa de Pazo decorouna por completo. Cunhas bonitas cores e a cara dun elefante pegada en cartón, o noso envase parece sacado dun conto. Xenial!
Os panos de Fátima
Aquí temos a outra desas persoas que saben do que estabamos a falar un pouco máis arriba. Coa baixada das temperaturas aparecen os catarros e os mocos, eses compañeiros inseparables. No caso de Fátima estamos a falar dunha persoa que é máis de paquetes de panos e na nosa caixa de ovos campeiros atopou o lugar ideal para almacenalos. Ademais, podemos ver que ten diferentes modelos. Tamén lle deu un toque diferente a todo o exterior cun precioso papel de bolboretas co que forrou todo.
O soporte de Pepe
Neste caso temos outra magnífica idea que pode resultar útil para todo tipo de escritorios. Pepe decidiu transformar a caixa da galiniña nun soporte multifuncional. Ou, máis ben, as caixas. Porque para crear este espazo utilizou dúas. Dándolle a volta ás tapas e pegándoas pola parte da lapela, consegue este efecto altar que nos pode servir a modo de alzado. Podemos poñer na parte superior o material de oficina (ou a cunca) que consideremos e mantelo separado do da parte oca que queda no medio. Práctico, verdade?
Lembra que podes consultar as ideas de anos anteriores aquí: 2014, 2015, 2016, 2017, 2018 e 2019.