Ordenando a túa casa con Pazo de Vilane

 

Tal e como vos vimos contando nos últimos meses, estamos moi agradecidos e moi sorprendidos. Os motivos? As incribles ideas que nos mandastes para a última edición do concurso 1 idea, 1 árbore. Como cada ano, a idea principal era darlle unha nova vida á caixa de cartón reciclado na que se transportan os ovos campeiros das galiñas criadas en liberdade de Pazo de Vilane.

Máis de 400 propostas de reutilización chegaron neste 2019 e abarcaron todos os ámbitos posibles. Desde música ata xoguetes pasando por xardinería ou contos e mesmo ideas de alimentación para tódolos públicos. O mellor é que por cada unha destas novas ideas plantaremos unha árbore dunha especie autóctona nos terreos que conforman Pazo de  Vilane, contribuíndo a manter a biodiversidade na comarca da Ulloa.

Ao noso amigo Juan gústanlle moito os reloxos. E como podemos ver ten unha boa colección deles así que tivo que buscar un novo recipiente para poder ordenalos. A caixa da  galiña adaptouse á perfección como soporte dos reloxos. É máis, ata puido aproveitar a parte da caixa de ovos para acomodalos e separalos. Agora só nos queda por resolver unha dúbida, cantos máis reloxos terá? Faranlle falta moitas máis caixas para poder gardalos todos? 

O caso de  Mariu é outro dos que reutilizaron a caixa de ovos campeiros de Pazo de Vilane para servir de almacenamento no fogar. Ademais, sacou unha idea moi moi práctica e que podemos copiarlle en todos os fogares. Seguro que algunha vez fuches a tender a roupa e non tiñas as pinzas a man. Ou soamente tiñas unhas poucas. Pois ese problema xa non se repetirá máis se gardas todas as pinzas xuntas na nosa caixiña tal e como fixo ela. Simplemente recortou a parte da tapa para non ter que abrila e pechala cada vez e puxo un bonito letreiro identificador de pinzas.

Laura tamén tivo unha idea moi práctica perfecta para o fogar. Converteu a caixa de Pazo de Vilane nun bonito cofre para almacenar as pastillas da lavadora. Encantounos a nova decoración que lle deu, forrando toda a arca cun bonito papel decorativo e engadindo unha etiqueta na parte superior. A nosa caixa de cartón adáptase perfectamente ao tamaño das pastillas da lavadora así que soamente queda buscarlle o sitio adecuado para o resto da súa vida.

Que vos pareceron estas ideas? Seguro que xa estades a pensar en imitar algunha delas. Damos as grazas a todos por participar e por axudar a conservar a contorna natural galego. Lembrade que podedes consultar as ideas de reutilización da caixa de ovos campeiros de 1 idea, 1 árbore recibidas en 2014, 2015 , 2016 , 2017 , 2018 y 2019.