Crea un botiquín coa caixa de ovos de Pazo de Vilane

Despois de ver xogos, contos, utensilios de cociña, instrumentos de música… pensaredes que xa non hai moitas máis cousas que se poidan facer coas nosas caixas de ovos  campeiros. Pois non! Aínda temos abundantes ideas creativas e útiles por mostrarvos. Hoxe ímosvos a ensinar dúas ideas moi prácticas e que poden axudarche nas túas viaxes e acampadas.

Baixo o noso lema de coidar o medio ambiente lanzamos 1 idea, 1 árbore, un reto que consiste en crear coas nosas caixas de ovos campeiros divertidas e creativas ideas co obxectivo de fomentar a reciclaxe. Por cada unha que nos enviarades, comprometiámonos a plantar unha árbore este inverno e así reforestar a comarca da Ulloa preservando a súa  biosfera.

E mandástesnos ideas tan brillantes como a de Margarita, que nos envía unha orixinal caixa de primeiros auxilios. Coa nosa caixa decorada podes levar todos os teus utensilios indispensables para ir de viaxe ou para ir de acampada coa familia. Porque máis dunha vez necesitamos un medicamento de última hora, bandas adhesivas ou tesoiras e que mellor que levar unha caixiña de ovos campeiros de Pazo de Vilane con todas as túas necesidades gardadas nela. Podes usar tres anacos de cartón e dividir o interior en pequenos compartimentos para separar os utensilios ou usar a propia caixa de ovos. Deixámolo á imaxinación de cada un. 

Estrella envíanos outra idea curiosa que tamén podes levar ás túas acampadas ou usalo en casa, a gusto do consumidor. Cuns sinxelos pasos podes crear un  dispensador de papel hixiénico. Primeiro collemos o rolo e quitámoslle o tubo de cartón do seu interior, tiramos do extremo interior do papel e sacámolo polo buraco. 

Polo outro lado collemos a caixa de ovos campeiros e facémoslle un rectángulo estreito nun dos seus laterais. Metemos o rolo de papel dentro da caixa e o papel do que tiramos metémolo polo corte e pechamos a caixa. E así teriamos un marabilloso dispensador de papel. Ideal para ir de cámping, levalo contigo no coche ou deixalo no teu baño.

Como nos gusta ensinarvos todas as cousas que podes facer cunha caixa e moita imaxinación. Lembrade que podedes consultar as ideas de reutilización da caixa de ovos  camperos recibidas en 2014, 2015 , 2016 , 2017 e 2018.