Coñecendo a Soncello Ensemble

O próximo 27 de xullo celebramos en Pazo de Vilane a quinta edición dos Concertos no Pazo. Nesta ocasión, contaremos coa actuación do conxunto Soncello Ensemble e as cantantes Cristina Suárez e María Rivera. Esta cita busca achegar cada ano a música clásica ao medio rural e enmárcase dentro das actividades que Pazo de Vilane pon en marcha para promover actividades de carácter cultural na comarca da Ulloa.

Nesta edición presentamos Cancións Galegas, un repertorio composto de dez cancións galegas harmonizadas para octecto de violoncellos e voz. Trátase dun proxecto conxunto de  Soncello Ensemble (Asociación de Violoncellistas de Galicia) e a Asociación Galega de Compositores cuxo obxectivo principal promover pezas inspiradas en poemas e cancións galegos.

Soncello Ensemble

Hoxe queremos darvos a coñecer un pouco máis sobre o grupo que nos acompañará o día 27.  Soncello Ensemble é un conxunto promovido por Carolina Landriscini que se presentou na reunión Soncello 2012 na Coruña. Ese ano tamén participou en actos en Ferrol e en Lugo, con gran acollida de público e crítica; e na Mostra de Teatro Cómico de Cangas, coincidindo co “Encontro de Verán” da Asociación de Violoncellistas de Galicia.

En 2013, o conxunto ofreceu concertos no Conservatorio Profesional de Música de Culleredo, no Círculo das Artes de Lugo e en Valencia. En 2014 o grupo  gravou o seu primeiro CD con obras de Antonio Vivaldi, Edvard Grieg,Joseph Haydn e Astor Piazzolla ofrecendo concertos con este repertorio por toda España. A partir de 2015 Soncello  Ensemble interpretou as Bachianas Brasileiras de Villalobos, obra emblemática para conxunto de violoncellos, colaborando en varias ocasións coa soprano Cristina Suárez, e percorrendo boa parte da xeografía española con gran éxito en cada actuación.

Carolina  Landriscini

Nace en Buenos Aires. En 2015 conseguiu o grao de Doutora pola Universidade da Coruña coa tese “Achegas de David  Popper no ensino de violoncello”. É ademais titulada Superior de Violoncello e Música de Cámara e foi gañadora en 1995 da prestixiosa Bolsa Nicanor Zabaleta da Deputación de Guipúscoa. Participou en Clases Maxistrais con profesores como Sebok, Greenhouse, Claret, Gulyas, Helmerson, Rados ou Hofman, e en Festivais de Música: Prades, Manchester, Kronberg (Alemaña), Lenk (Suíza), Les  Arcs (Francia), Siena (Italia). Ofrece recitais de violoncello e piano en festivais como a Quincena Musical de San Sebastián, Martes Musicais de Vitoria, Sociedade Filharmónica de Bilbao, Fundación Juan March e Centro Conde Duque en Madrid, Festival de Segovia, e outras salas e auditorios en Galicia e España. No campo da música antiga, ofrece concertos nos Festivais Vía Stellae 2008, 2009 e 2010, Festival  Musiquem Lleida e Museo de Belas Artes, gozando do privilexio de tocar un instrumento G. B. Grancino de 1697.

Isabel Figueroa Lorenzo

Empeza os seus estudos de piano e violoncello en Vigo para continualos no Conservatorio de Santiago de Compostela. Nesta institución obtén o título Profesional de Piano e Superior de Violoncello e de Música de Cámara co profesor  Dalibor Sebéstik. Colabora habitualmente coa Orquestra Barroca da Universidade de Salamanca, Orquestra Barroca da Esmae (Portugal) e con Gli Incogniti (Amandine Beyer). Ademais, é fundadora do Cuarteto Ephimere e violoncelista principal nas diversas formacións do proxecto Vigo 430. Na actualidade, compaxina o seu traballo no Conservatorio Profesional de Vigo coa actividade artística como intérprete en diversas agrupacións de música de cámara e música antiga.

Criptana Angulo Manzaneque

Obtén o Título Superior de Violoncello no Conservatorio Superior de Música de Salamanca en 1998 e o Título Superior de Música de Cámara en Madrid en 2001. Posteriormente obtén o “Diploma de Perfeccionamento” no Conservatorio Superior de Xenebra. Membro de diversos grupos de cámara, formou parte da  J.O. N.D.E., da Orquestra Xove Iberoamericana e a Orquestra Sinfónica de Estremadura, e ademais colaborou coa Orquestra de RTVE, a Orquestra Sinfónica da Comunidade de Madrid, a Orchestra da Suisse Romande e a Orquestra Real Filharmonía de Galicia.

Mila García Fuentes

Inicia os seus estudos musicais no Conservatorio Profesional de Música de Lalín (Pontevedra) cos profesores Iliá Keilin e Tatiana Cucerenco, e consegue o Premio Fin de Grao á súa finalización. Posteriormente trasládase ao Conservatorio Superior de Música de Aragón e realiza o “Master of Arts in Music Performance” no Conservatorio della Svizzera Italiana (Lugano, Suíza). Foi membro da Orquestra Xove da Sinfónica de Galicia, Nova Orquestra Nacional de España (JONDE) e academista da Real Filharmonía de Galicia. En 2013 foi gañadora do “Premio USC- Soncello” para novos violonchelistas.

Isabel Font Belmonte

Realiza os seus estudos de violoncello no Conservatorio Profesional de Música de Palencia. Cursa os seus estudos superiores no Conservatorio Superior de Música de Salamanca e na Escola Superior de Música de Cataluña (ESMUC). En 2007 foi admitida na Escola de Altos Estudos Musicais de Santiago de Compostela, onde estuda con Bárbara Switalska. Posteriormente realiza estudos de perfeccionamento e complementa a súa formación asistindo a numerosos cursos e festivais. Forma parte de diversos grupos de cámara. Na actualidade desenvolve o seu labor pedagóxico, impartindo clases de violoncello no conservatorio profesional de Ponferrada.

Thomas Pel

Nace en Colonia e comeza os seus estudos musicais no conservatorio da súa cidade. Posteriormente realiza un curso de posgrao coa profesora Ksenija Jankovich e recibe tamén clases de Yvan Chiffloleau, Siegfried Palm e Thomas Demenga. Desde 2001 é membro da Orquestra Real Filharmonía de Galicia e profesor na escola de música  Berenguela en Santiago de Compostela. O seu labor pedagóxico comprende tamén colaboracións coa Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia e o curso de verán Música en Compostela. O seu interese polos grandes violoncellistas do pasado levárono a ofrecer recitais e conferencias sobre Gaspar Cassadó e Pau Casals. Os seus próximos proxectos son homenaxes a Enrico Mainardi, Sigfried Palm e Paul Tortelier.

Millán Abeledo

De Silleda (Pontevedra), empeza os seus estudos de violoncello con Tatiana Cucerenco e Beira Kolar. Recibiu diferentes premios ao longo da súa carreira: I premio no Concurso Nacional de Violoncello (Carcaixent), I premio Fundación, Accésit I premio Concurso  Ruperto Chapí (Villena) e I premio Concurso Santa Cecilia 2014 (Portugal). Fundador de Bambú Ensemble e Dúo Gamma, foi membro da JONDE e colaborou con diferentes orquestras. Foi bolseiro da Fundación BBVA e da Fundación Segundo Gil Dávila. Desde 2014 forma parte da Orquestra Real Filharmonía de Galicia e imparte clases na escola de música Berenguela.

Emma Urango

Nace en Barcelona. Inicia os seus estudos en Cuenca con Itziar Atutxa. Entre os os seus mestres atópanse Elías Arizcuren, Alexander Fedorchenco e Edita  Artemieva. Obtén o Título Superior de Violoncello en Oviedo con Viguen Sarkissov, coas máximas cualificacións, e Matrícula de Honra Fin de Grao Superior en Música de Cámara. Exerce a docencia como profesora de violoncello en diversos conservatorios de Galicia desde 1998. Colaborou con varias orquestras e grupos de música de cámara, realizando concertos en diversos países. Foi convidada ao III Festival Internacional de Música en Batna (Alxeria) e colaborou en gravacións con Xiao Berlai, Orquestra de Cámara Galega, e Música x Siria, proxecto humanitario promovido por Intermón Oxfam.

Agora que xa os coñecedes, lembrade que vos esperamos en Pazo de Vilane o sábado, 27 de xullo para presenciar en directo a actuación de Soncello Ensemble con Cancións  Galegas. A entrada é libre ata completar aforo. Esperámosvos!