Magosto: a festa das castañas que une a xeracións enteiras

O magosto é unha festa popular de ámbito rural que conmemora a colleita anual das castañas e que conta cunha longa tradición en distintas zonas do noroeste de España, como Galicia, Cantabria, Asturias, Castela-León e o norte de Estremadura, así como parte de Canarias.

Aínda que se celebra de forma semellante, recibe diferentes nomes dependendo do ámbito xeográfico. Así, en Portugal é coñecido como magusto e no País Vasco como Gaztainerre; en Estremadura toma o nome de Chaquetía e en Cantabria coñécese como magosta ou magestu.

Se ben non ten unha data específica de celebración, é dicir, esténdese ao longo de dúas ou tres semanas, dende primeiros de novembro até ben avanzado o mes, en Galicia considérase que o día 11, San Martiño, é a súa data central.

Castañas nun balde para o Magosto

O magosto encántanos porque reúne en torno a si costumes inveteradas relacionadas co desfrute do bosque, os amigos e a familia, o viño novo, a sidra ou a augardente -en Galicia non falta a queimada- alimentos da matanza, coma o chourizo ou a morcilla e, sobre todo, as castañas e as fogueiras.

Porque o magosto vai disto: de asar castañas nunha fogueira e compartilas co viño novo obtido trala recente vendima con veciños ou familiares, nenos, adultos ou maiores (a idade é o de menos). Algo ben simple… pero moi especial!

Orixe do magosto

O magosto afunde as súas raíces nas épocas pre románicas, concretamente na cultura dos pobos celtas que habitaban o norte de España. Ao igual que a festa do Samaín, que se celebraba -e aínda hoxe ten lugar- en datas moi próximas, o lume era un elemento imprescindible, pero as castañas ocupaban o papel estelar.

Como o Samaín estaba aínda moi presente, o lume da casa deixábase toda a noite aceso e os alimentos dispoñíanse arredor do lume por se os defuntos da familia volvían aos seus fogares a repoñer forzas e quentarse.

Nos seus comezos o magosto tamén se relacionaba coa fertilidade e a fecundación da terra, se ben, ao cristianizarse vinculouse aos santos e defuntos de cada familia: así, cada castaña simbolizaba unha alma liberada do Purgatorio.

Na actualidade, o magosto é un banquete campestre no que non faltan as castañas e os viños da terra. Amigos e familiares cítanse en plena natureza para pasar un día agradable, celebrar o fin dunha nova colleita e comer, beber, escoitar música e bailar xuntos arredor das fogueiras.

Afortunadamente, en zonas do interior de Lugo (onde se sitúa Pazo de Vilane) e en toda a provincia de Ourense séguese mantendo moi viva esta bonita tradición. Todo o mundo celebra o magosto dunha forma ou doutra, e aínda que a máis popular é subir ao monte cun grupo de amigos e familiares, tamén as adegas das casas son escenario perfecto para as reunións festivas en torno ao lume.

Os castiñeiros en Galicia

Os castiñeiros e o seu froito, a castaña, forman parte de Galicia dende fai séculos. Moitos deles son árbores centenarias de extraordinario valor histórico; de feito, en Manzaneda (Ourense) consérvase un exemplar de mil anos de idade.

castiñeiros

Moito antes do Descubrimento de América e da introdución en Europa de novos cultivos coma o millo ou a pataca -que tanta importancia terían en séculos posteriores- as castañas foron o sustento de millóns de persoas en todo o Continente e moi particularmente na nosa rexión.

Naqueles tempos, dos castiñeiros aproveitábase todo. En primeiro termo, os seus froitos, coñecidos como o “pan dos pobres”, posto que con eles aboábanse as rendas ou incluso se pagaba o xornal dos agricultores; pero tamén a súa madeira, de gran calidade, era moi apreciada para elaborar mobles ou mesmo instrumentos.

Coas castañas non só se cociñaban pan ou pasteis, tamén daban sabor a guisos como lentellas, sopas ou mesmo se empregaban para destilar xaropes para tose ou outras doenzas.

A diversificación de cultivos trouxo canda si certo alivio aos campesiños, posto que foron sendo menores os riscos por malas colleitas, sen embargo, non por iso deixou a castaña de ter a súa importancia en terras galegas.

Porque, dende logo, Galicia é a rexión “castañeira” por excelencia, cunhas 50.000 hectáreas de castiñeiro. Non é de estrañar que por iso sexa a comunidade autónoma española que máis castañas produce e exporta, uns 20 millóns de quilos de gran calidade.

Así, a variedade Castanea Sativa, unha das máis apreciadas, conta até coa súa propia marca de calidade, a Indicación Xeográfica Protexida IXP Castaña de Galicia, recentemente creada co obxectivo de revalorizar un froito que aporta moito valor económico e cultural á rexión.

A castaña, un alimento por descubrir

As castañas son moito máis versátiles na cociña do que poderiamos pensar a simple vista: poden comerse crúas, asadas, cocidas, en sopas, en fariña (para a elaboración de masas) en marmelada ou en salsa… Ademais, ofrecen abondosos nutrientes e aportan poucas graxas.

Dentro dos froitos secos é un dos máis axeitados para dietas de adelgazamento ou incluso para aquelas baixas en hidratos, porque presentan unha cantidade moi reducida de azucres.

Por se isto fora pouco, aportan moita fibra e contan con propiedades antiinflamatorias; en consecuencia, son ideais para aliviar os problemas de estrinximento.

A todo o anterior súmase o que as castañas son ricas en vitaminas, sobre todo a E e do Grupo B (tamén ácido fólico) así como en minerais: calcio, potasio, magnesio, ferro, sodio, fósforo, selenio, iodo, zinc…

En definitiva, o magosto é unha festa perfecta para conxugar varios hábitos moi saudables: respirar aire puro, rir e desfrutar dos amigos e comer castañas. Tamén é un momento ideal para celebrar a vida e lembrar aos que se foron, unindo xuventude e tradición.

Así que, se aínda non tiveches a oportunidade de vivir un magosto, faite coas túas castañas galegas e convoca aos teus amigos arredor dunha boa fogueira; iso si, pedímosche que nunca fagas lume fóra das áreas habilitadas para elo e sen tomar tódalas precaucións que che indiquen as autoridades. Os bosques galegos son un dos mellores legados que recibimos e o noso deber é coidalos e acrecentalos.

Gustouche este artigo? Pois ofrecémosche moito máis! Subscríbete ao noso boletín e recibirás un libro dixital gratuíto!