Antas de Ulla: o pobo de Pazo de Vilane

Antas de Ulla é o noso pobo, o lugar onde se empraza Pazo de Vilane e centro xeográfico de Galicia. Gústanos presumir de que é o corazón da nosa terra.

 E é que Antas teno todo: historia, lendas, tradicións, natureza, bo clima e estratéxica localización. Esaxeramos? Segue lendo e comprobarás que quedamos curtos, porque ademáis a amabilidade das nosas xentes é lexendaria.

Onde está Antas de Ulla

Entrada principal do Pazo de Vilane, cuxa construción se estima a principios do XVIII.

Como xa che adiantabamos, Antas de Ulla é un pequeno municipio que marca o centro xeográfico de Galicia. Está estratéxicamente situado no suroeste da provincia de Lugo, a un paso dos límites coas provincias da Coruña, Pontevedra e Ourense 

 Habítano algo máis de 1.900 habitantes repartidos nunhas 133 entidades de poboación, agrupadas, á súa vez, en 29 parroquias.

Case todos os seoaneses -xentilicio de Antas de Ulla- dedícanse a tarefas agrícolas ou gandeiras, ou ben a industrias derivadas destas dúas actividades, así como ao pequeno comercio, á hostalería, ou ao turismo rural. 

A Comarca da Ulloa, formada polos concellos de Antas de Ulla, Monterroso e Palas de Rei, é un territorio fértil, de gran riqueza cinexética e piscícola e de fermosos recursos naturais.

Historia e lendas de Antas de Ulla

A historia de Antas de Ulla é antiquísima, e a iso fai mención o seu topónimo. De feito, “anta” é a palabra galega para denominar un dolmen ou tumba neolítica; e é que os historiadores cren que a orixe da actual poboación é un importante asentamento megalítico. Así o testemuñan os restos arqueolóxicos que poden visitarse na zona, dende petróglifos a dolmens/dólmenes, ademáis de mámoas ( túmulos funerarios) pasando polos castros de época posterior.

Petroglifos do monte Farelo. Na zona clasificáronse e catalogáronse 53 máis, distribuídos entre os próximos Montes de Chaos, A Somoza, Bellós e Levesende.

Por outra banda, o apelido do noso municipio fai honra ao río Ulla, cuxo nacemento se sitúa nos Montes de Olveda (dentro así mesmo do concello de Antas de Ulla), e cuxo caudal enche de vida toda a comarca. 

Pero sigamos coa Historia de Antas… Co correr dos séculos, os romanos asentáronse na zona, pois era un lugar estratéxico a medio camiño entre as cidades de Lucus Augusti (Lugo) e Iria Flavia, porto importante por entón, situado no actual municipio de Padrón, sur da Coruña. 

Foi no século VI cando se constituíu o Condado de Ulliensis e Antas de Ulla converteuse nun próspero burgo, cun amplo patrimonio de arquitectura civil e relixiosa que perdurou.  

Máis tarde, na Idade Moderna, chegaron as pugnas entre grandes señores que se disputaban a hexemonía do territorio. Desa época (século XIII) son a Torre ou Fortaleza de Amarante (levantado sobre un castro pola familia Noguerol, condes de Amarante) ou o Pazo de Santa Mariña.

Recreación da Revolta dos Irmandiños, na que loitaron contra a alta nobreza xente do común, burgueses, fidalgos e baixo clero.

ntre 1467 e 1469 tivo lugar en Galicia a Gran Guerra ou revolta Irmandiña, considerada a maior guerra civil europea do século XV, e a Ulloa, lamentablemente, non se librou da traxedia.

Os irmandiños (campesiños, xentes dos burgos, baixa nobreza e membros do clero) aburados por pestes, fames e a necesidade de pagar impostos excesivos, rebeláronse contra os grandes señores, asaltando castelos e fortalezas. Debido aos estragos desta revolución, só nos chegou parte da Fortaleza ou Castro de Amarante. 

Aínda que a “Comarca da Ulloa” conserva no Municipio de Palas de Rei o Castelo Fortaleza de Pambre que foi a única que resistiu os estragos das revoltas irmandiñas. 

Pazo de Vilane entrou a formar parte da historia de Antas de Ulla máis tarde, a partir do século XVIII (aínda que hai quen asegura que é anterior). Non era a mansión duns grandes señores, senón un pazo agrícola típico da Galicia interior que congregaba a actividade de campesiños, gandeiros e aldeáns da zona. 

Pero que sería Galicia sen as súas míticas lendas? En Antas de Ulla son tan variadas e misteriosas como no resto da rexión. Así, dende tempos inmemoriais fálase dun suposto pasadizo secreto construído por escravos –e nunca achado- que conectaría o Castro de Amarante e o Monte Farelo.. 

Tamén conta a lenda que, baixo a Igrexa do Castro, en tempos da dominación árabe, había tres minas: unha de ouro, outra de prata e unha terceira de alcatrán. Os máis anciáns advertían a posibles aventureiros: moito coidado se algunha vez ousaban extraer os metais preciosos, pois o alcatrán prenderíase e calcinaría a igrexa e todos os arredores.

Outro mito facía referencia a unhas meigas protectoras do amor sincero, que castigaban de formas diversas aos mozos que albergaban malas intencións con algunha rapariga. Por iso elas coidábanse de citarse cos seus namorados nas inmediacións do Castro, a fin de contar con fieis testemuñas. 

Tradicións e festas de Antas de Ulla

O pan típico de Antas, feito coma antes, con fariñas locais e cociñado lentamente nun forno de leña.

Cunha historia tal, é lóxico que Antas de Ulla atesoure fondas tradicións. Aquí hai moito que ver… e moito por probar!, pois a gastronomía aldeá goza de gran arraigamento. Así, é famoso o pan de Antas, elaborado con fariñas de trigo do país (galegas) e cocido lentamente en forno de leña. Garantido: con só probar un anaquiño chegarás ao ceo.  

Idéntica fama merecen os queixos da D.Ou. Arzúa-Ulloa, de extraordinario sabor: podes elixir entre o queixo picante de Antas, os de teto, os cremosos ou os máis curados. 

Por outra banda, os ovos camperos de Pazo de Vilane, unha auténtica delicia, recuperan directamente a tradición perdida dos ovos de casa, aqueles que as paisanas de Antas criaban para o consumo dos seus fogares. A clave da calidade dos nosos ovos é a crianza das galiñas en liberdade e o pastoreo diario polos verdes pastos do Pazo, tal como se facía entón.

Ovos campeiros de galiña de Pazo de Vilane, recén recollidos; máis fresco, imposible.

En canto ás festas populares, destaca a celebración da noite máxica de San Juan. Nela o lume é o absoluto protagonista. Primeiro ásanse na fogueira sardiñas ou unha churrascada con todo tipo de carnes, para terminar saltando sobre as ascuas, sempre un número impar de veces. A festa adoita rematar coa queima de cousas vellas: xeralmente as máis odiadas ou as que representan un recordo triste.

Outra celebración popular e estival de Antas de Ulla son as Foliadas de Seoane. Foliada significa “tolemia”, pero neste caso ven denominar un encontro campestre no que familiares e amigos reúnense para tocar, cantar e bailar cantigas tradicionais galegas.

O plan comeza coa recollida dos veciños en carromatos, ata chegar ao campo. Unha vez alí soan as gaitas, pandeiretas, tambores e outros instrumentos de percusión… mentres o corpo aguante. Todo iso acompañado de boa comida e xogos tradicionais. 

Que ver en Antas de Ulla

O río Ulla

Como unha especie de rei Midas, o río Ulloa é un símbolo de vida e riqueza na rexión. Todas as terras que toca gozan dun verdor perpetuo.

O río Ulla o río que dá nome ao noso municipio é dunha beleza inigualable. Caudaloso e extenso (é un dos grandes ríos galegos, só por detrás do Miño en superficie de conca e o terceiro en lonxitude) regala vida e verdor a todo o territorio que atravesa.

Non só percorre a comarca da Ulloa, tamén ao longo de boa parte do seu 132 km marca o límite natural entre as provincias da Coruña e Pontevedra. Os expertos téñeno claro: o clima privilexiado da Ulloa e a riqueza de nutrientes das súas terras proceden do río. É o que otorga equilibrio a todo o ecosistema. 

Percorrelo é unha verdadeira sorpresa: todo na súa conca é a mesma expresión da natureza galega máis salvaxe. Remansos bellísimos, illas fluviais, recodos, meandros, fervenzas memorables altérnanse coa artística acción do home en pontes e pasos históricos. 

En ambas as beiras crecen frondosos bosques de carballos, nogueiras, sobreiras ou piñeiros galegos que acubillan a máis rica variedade faunística que poida imaxinarse. Píntegas, londras, aves acuáticas, patos, raposos, armiños, coellos ou ourizos crecen entre a espesura, mentres que salmóns, troitas, anguías ou lampreas poboan as súas augas.

Tampouco o río carece de lenda propia… Sabías que a tradición cristiá asegura que os discípulos do apóstolo Santiago cargaron o seu corpo desde Palestina e remontaron o Ulla en barca ata darlle sepultura na cidade do mesmo nome? Probablemente, iniciaron camiño na Ría de Arousa ata o porto romano de Iría Flavia, e de aí continuaron en procesión ata Compostela. 

Fortaleza do Castro de Amarante

Fortaleza de Amarante, co Pazo dos Noguerol á esquerda e a estrutura oval á dereita da imaxe.

Xa che falamos desta fortaleza na historia de Antas de Ulla. E aínda que da construción orixinal só quedan algúns restos, seguro que che merecerá a pena unha visita. Aínda se conserva unha gran estrutura oval (que puido ser unha torre central) á que se accede por unha porta oxival. De séculos posteriores é xa o Pazo encostado dos Noguerol. Tamén se mantén un hórreo sobre o portalón da entrada, o que indica que, co paso dos séculos, pasou de fortaleza medieval a casa de labranza.

Monte Farelo

Se visitas A Ulloa, unha das túas paradas obrigatorias debería ser o miradoiro do monte Farelo. Dende alí terás unha panorámica espectacular.

No seu lateral atópanse os petróglifos neolíticos do Monte Farelo, que tamén mencionábamos antes. Situados preto da aldea de San Fiz, forman unha das concentracións de gravados máis importantes de Galicia; posiblemente remóntanse á Idade de Bronce.

Ah! E non esquezas subir ao miradoiro do Farelo, a 950 metros; desde alí dominarás a mellor vista de toda a comarca.

Balneario de augas de Frádegas 

As propiedades das augas do río Ulla eran ben coñecidas: o Balneario Frádegas recibiu a visita de centos de turistas que aproveitaron para “tomar os baños”.

Tristemente abandonado a finais dos anos 20, o Balneario de augas de Frádegas inaugurouse finalizando o XIX a beiras do río Ulla para aproveitar as súas augas sulfurosas. Os restos da construción novecentista e a fermosa decadencia do conxunto namoraranche. Aínda poderás ver parte da capela ou o muíño. 

O románico de Antas de Ulla

Detalle da igrexa de Amoexa, unha das xoias románicas da comarca da Ulloa.

E se o teu é o Románico, non deixes de visitar a Igrexa de Santa María de Arcos -coa súa esplendorosa ventá na ábsida- a igrexa de Amoexa, que conta cun peculiar alpendre ao carón da súa nave central, ou o pórtico de San Martiño de Amarante.

Detente tamén na fachada e porta da Igrexa de San Salvador de Vilanuñe; encantaranche os seus arcos de medio punto ornamentados.

Como ves, Antas de Ulla e os seus arredores son lugares míticos… case máxicos. A natureza máis abafadora fúndese cunha historia e unhas tradicións ancestrais. E é que en Antas gústannos as cousas ben feitas, amodo e con alma, por iso perduran. Non dubides en visitarnos… Aquí te esperamos!