Chega outra semana chea de creatividade con 1 idea, 1 árbore onde vos ensinamos todas as fabulosas ideas que nos enviastes. Estamos entusiasmadas vendo como gozades das nosas caixas de ovos campeiros. Como xa sabedes, en Pazo de Vilane lanzamos un reto cunha dobre intención: aprender a reciclar, reducir e reutilizar e contribuír á reforestación na comarca da Ulloa. Como? Con ideas creativas feitas por vós, dándolle unha segunda vida ás nosas caixas de ovos campeiros.
Por cada idea que nos enviarades comprometémonos a plantar árbores durante o inverno de 2020. E chegáronnos máis de 400 ideas! orgullosas da vosa creatividade e compromiso, non podemos parar de ensinarvos ata onde chega a vosa imaxinación. Hoxe ímosvos a mostrar como reciclar as túas pilas e telas ordenadas grazas á caixa de ovos campeiros de Pazo de Vilane.
Seguramente teñas moitos obxectos que necesitan pilas, que hai que estar a cambiar cada certo tempo e o caixón da túa casa desordénase. Beatriz tráenos esta brillante idea para ter un caixón ordenado con todas as túas pilas localizadas. Só tes que coller a caixa de ovos, cortar a tapa e con ese mesmo cartón cortalo en dous anacos, facer unha cruz e separar a caixa en catro espazos. Así poderás clasificar as pilas por tipo e tamaño sen que se mesturen. Non é xenial?
Cando se gastan as pilas hai que levalas a un contedor de reciclaxe, pero en ocasións non tes como transportalas. Nese caso, podes crear un reciclador de pilas na túa casa. Sabes que necesitas? Exacto! só unha caixa de ovos campeiros. E é tan fácil como nos ensina Eulalia. Só tes que coller a caixa, poñela en vertical e facerlle un buraco nun dos extremos do tamaño suficiente para que entren a pilas. Así será máis fácil transportar as túas pilas ao contedor.
Mercedes tráenos outro reciclador de pilas, pero esta vez cun sistema máis entretido e didáctico para que sexa aínda máis divertido reciclar. A caixa nesta ocasión estará en posición horizontal e uns caracois serán os encargados de que metas as pilas, no lugar da cuncha, hai uns buracos para meter pilas de todos os tamaños. Como sempre, damos liberdade creativa a customizar todas estas ideas ao gusto de cada un.
Unha vez máis temos que darvos as grazas por todas as vosas marabillosas ideas e axudarnos a contribuír a mellorar o medio ambiente facendo que Pazo de Vilane sexa un sitio único. Lembrade que podedes consultar as ideas de reutilización da caixa de ovos campeiros de 1 idea, 1 árbore recibidas en 2014, 2015, 2016, 2017, 2018 e 2019.