Lembrades os sementeiros elaborados coas nosas caixas? E as casiñas de xoguete co envase dos ovos campeiros? Pois esta semana mostrámosvos algúns dos orixinais expendedores de lambetadas que deseñaron os máis pequenos e que nos pareceron unha forma moi curiosa, útil e deliciosa de reutilizar as famosas caixas de cartón de Pazo de Vilane.
O concurso non só busca a diversión dos clientes máis novos senón que tamén ten como obxectivo fomentar a reciclaxe e inculcar aos máis pequenos a idea de que produtos como as nosas premiadas caixas de cartón reciclado poden ter tantas vidas como a súa imaxinación lles permita. Por iso, cada idea que recibimos vai conquistándonos máis.
A orixinal proposta de Laura e Lucía
Asombrados deixáronnos Laura e Lucía, do colexio San José de Lugo, coa súa orixinal e creativa proposta para ofrecer unha segunda vida ás nosas caixas de cartón. Unha forma perfecta de recibir a perfecta dose de lambetadas. E non se esqueceron de ningún detalle. Nun dos condutos, colocaron unha caixa de ovos de Pazo de Vilane para empregar con caramelos que dispoñan dunha forma esférica. No outro, elixiron un pescozo de botella e incorporaron tamén unha rampla de cartón destinada a caramelos ou lambetadas máis aplanadas. Para dispoñer dunha ración de caramelos, tan só é necesario tirar das pancas dispostas a cada lado da caixa para permitir que caian os caramelos ata a zona inferior.
O sistema está perfectamente deseñado e non se esqueceron tampouco de separar a caixa no seu interior para evitar que as gominolas se mesturen ao caer. Abrindo un pouco a base inferior de cada lado do envase é como Lucía e Laura idearon a parte de recollida dos doces. Non vos perdades o seu vídeo explicativo sobre os detalles da súa orixinal máquina expendedora. A proposta combina á perfección a tradición de Pazo de Vilane, o desenvolvemento sustentable da comarca da Ulloa e o irresistible sabor dos caramelos.
Concurso 1 idea, 1 árbore
Super orixinal! A que si? Pois o traballo de Laura e Lucía é só un dos moitos exemplos que recibimos no noso concurso 1 idea, 1 árbore e que nos demostraron un ano máis a infinita creatividade dos nosos seguidores. Desde logo, a súa creatividade conquistounos.
O obxectivo do noso concurso é avanzar no fomento das 3 R: reducir, reutilizar, reciclar. Por iso, animámosvos a que comecedes a pensar nos posibles usos que poderiades darlle á vosa caixa de Pazo de Vilane, así estaredes preparados cando abramos a próxima convocatoria. Estaredes a contribuír a un desenvolvemento sustentable do medio rural, un dos principios que rexen a nosa actividade diaria. Ademais, lembrade que por cada idea que nos enviedes, nós plantaremos unha árbore, de modo que non só estaredes a axudar ao medio ambiente ao non xerar residuos, senón que tamén contribuiredes á reforestación da comarca da Ulloa.
Se queredes, aquí podedes ver os traballos recibidos en edicións anteriores. Se non viches os orixinais sementeiros e as divertidas casiñas de xoguete, agora é o momento.