Día Mundial da Alimentación: Poden as galiñas axudar a paliar a fame?

Gallina comiendo trigo

Cada 16 de outubro celébrase a nivel internacional o Día Mundial da Alilmentación, unha conmemoración impulsada pola FAO (Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación) que ten como propósito diminuír a fame no mundo, todo isto encadrado na Axenda 2030, na súa meta “fame cero”.

A xornada estableceuse para lembrarnos que millóns de persoas non poden adoptar unha alimentación sostible e, o que é máis, están en risco de inseguridade alimentaria e desnutrición severa. Mentres tanto, non deixa de ser un paradoxo que se produzan alimentos suficientes no planeta como para abastecer a todos os seus habitantes.

Con todo, seguen a darse inxustizas no acceso aos alimentos motivadas polos conflitos ou guerras, tensións e especulacións nos mercados internacionais, a pandemia de Covid-19, as subas de prezos, as mudanzas e inestabilidades climáticas…

O Día Mundial da Alimentación fíxonos reflexionar en Pazo de Vilane sobre a importancia que teñen os pequenos animais de granxa, como as nosas galiñas campeiras, para acadar a meta dunha alimentación sa e equilibrada dos habitantes dos países en vías de desenvolvemento.

Fixémonos en que os expertos da FAO apuntan a que é necesaria “unha mellor produción de alimentos”, o que nos levaría a “unha mellor nutrición, mellor medio ambiente e a unha vida mellor”.

As producións familiares extensivas de galiñas campeiras son sen dúbida un exemplo desa “mellor produción de alimentos” que persegue a FAO e probablemente podería ser unha parte da solución deste problema de magnitudes mundiais.

Por que galiñas e non outros animais de granxa?

Pois porque, aínda que este ano a FAO poña o acento nas guerras ou na pandemia de COVID-19 como causas directas da deficiente alimentación mundial, existen outros factores estruturais que non axudan ao desenvolvemento das persoas nos países máis empobrecidos, como o escaso acceso á terra para o cultivo ou a gandería porcina ou bovina por parte das familias.

Sen dubida, as galiñas requiren menos inversión e espazo ca outro tipo de explotación gandeira.

A cría de galiñas campeiras nos países en vías de desenvolvemento

Numerosas ONGs e organizacións que traballan en países en vías de desenvolvemento destacan a importancia das pequenas producións familiares de galiñas campeiras para o desenvolvemento e a prosperidade das comunidades.

Existen numerosas evidencias arqueolóxicas de que as galiñas domésticas xurdiron na China fai 8000 anos e despois e que despois se expandiron cara Europa Occidental, quizais a través de Rusia. Ao mesmo tempo, a domesticación acadouse na India e de aí exportouse a todo o continente asiático.

As galiñas tamén levan en África varios séculos e hoxe en día constitúen un elemento fundamental da cultura africana. De feito, o galo é un dos signos ou emblemas máis frecuentes dos seus partidos políticos.

En conclusión, as galiñas son aves estendidas por todo o planeta dende fai séculos, polo que están perfectamente adaptadas a todos os climas e condicións de crianza. De feito, é curioso comprobar como en cada rexión, segundo as súas particularidades (humidade extrema, ausencia de choivas ou choivas torrenciais) fóronse desenvolvendo as razas, aclimatándose ao caso concreto.

Ademais, case calquera cultura ten experiencia sobrada no seu manexo e é un animal pequeno que non require moito espazo nin cantidades grandes de forraxe para o seu mantemento.

Por suposto, estamos falando de pequenas comunidades locais en desenvolvemento onde as galiñas adoitan vivir en liberdade e as propias aves procúranse parte do alimento nos seus paseos (insectos, herbas…) posto que os granxeiros non sempre llelo poden proporcionar -sería o ideal-.

Hai varias reflexións interesantes que podemos facer sobre o papel das galiñas no Terceiro Mundo con motivo do Día Mundial da Alimentación.

  • A primeira de todas é que estas aves proporcionan case a diario unha proteína de calidade que se conserva sen necesidade de frío durante moitos días e que pode ser empregada en multitude de pratos.
  • As galiñas son prolíficas e poden chegar a criar na mesma niñada até 10-12 pitiños, varias veces ao ano. Os polos machos que nacen nas camadas forman partes doutros pequenos negocios paralelos destinados á cría de carne.
  • Non esquezamos que a galiña nos agasalla coa súa carne como alimento unha vez rematada a súa vida produtiva.
  • Os ovos, en moitas comunidades locais de países en vías de desenvolvemento, empréganse como moeda de cambio, e poden cambiarse por outros alimentos, vestidos ou incluso ferramentas.
  • En ocasións, e ao dispoñer as mulleres dunha produción constante dun ingrediente moi apreciado pola súa versatilidade, comezan de maneira espontánea pequenos negocios de comidas para tomar nas súas propias casas (como improvisados restaurantes) ou para vender no exterior.
  • Por iso, a galiña, especialmente as de dobre propósito (aquelas das que se pode aproveitar tanto a carne coma os ovos) é un animal ideal para comezar unha senda de crecemento e autosuficiencia en países empobrecidos.

Particularidades da cría de galiñas en países en vías de desenvolvemento

Non obstante, aínda queda moito por facer nestas comunidades para chegar a ese obxectivo de “fame 0”.

Segundo os datos da FAO, as galiñas son as aves de cría maioritarias en África, os patos en Asia e os pavos en Sudamérica e Centroamérica. O tamaño das granxas familiares pode variar moito. Así, adoitan ser de entre 3 e 100 aves no continente africano, de 10 e 30 en Sudamérica e de entre 50 e 2000 en Asia.

A produtividade de ovos e carne á moito menor nos sistemas familiares, o que supón o principal atranco.

Isto é debido a que unha galiña que se alimenta por si mesma, só peteirando en liberdade (sen que o granxeiro lle proporcione un bo composto, base da súa alimentación), produce só entre 30 e 50 ovos por ano.

Estas cifras poderían mellorar moito se os criadores tiveran acceso a un composto rico en hidratos de carbono e proteínas vexetais (a través de cereais e leguminosas de calidade) para elevar ao triplo ou mesmo cuadriplicar esa cifra de posta de ovos.

Así mesmo, a avicultura familiar no só constitúe unha fonte de ingresos imprescindible para moitas comunidades, como nos lembra o Día Mundial da Alimentación da FAO, tamén actúan como protección e prevención fronte a pragas (é impagable a función das galiñas como exterminadoras de pragas de insectos) e proporcionan esterco que enriquece a terra.

Aínda hai máis; as aves significan culturalmente moito máis que o mero sustento nas comunidades locais en desenvolvemento.

Galiñas en produción local

En moitos países asiáticos as galiñas ou patos non só se empregan en comidas de importancia, para agasallar aos convidados, tamén estes reciben unha ave viva ao finalizar como mostra de respecto. Isto mellora a autoestima das familias, ao poder permitirse este pequeno luxo.

No sur de Bután, as aves forman parte do culto das deusas locais, en forma de ofrenda e en moitos países africanos están presentes nos ritos iniciáticos.

En definitiva, a día de hoxe sería necesaria unha maior extensión destas pequenas explotacións avícolas familiares en comunidades locais e mellorar a súa produtividade, así como controlar as enfermidades e o benestar das aves, a través duns medicamentos e/ou suplementos naturais mínimos e un composto axeitado, entre outros moitos factores.

Tamén o desenvolvemento de estratexias para a comercialización dos ovos e outros subprodutos das galiñas podería ser unha vía moi interesante de crecemento para mellorar a alimentación de todo o mundo.

Dende Pazo de Vilane esperamos que iniciativas como o Día Mundial da Alimentación nos sirvan para concienciarnos do papel dos animais de granxa na nutrición de todos os habitantes do planeta, moi especialmente das galiñas campeiras. Son moi necesarias, e de ningunha maneira deben desaparecer.

Por iso, é xusto recoñecer a súa función insubstituíble e mostrarnos agradecidos e respectuosos con elas, precisamente por todo o que nos dan cada día e o que aínda nos poden dar noutras partes do mundo se as coidamos axeitadamente.

Fontes:

https://www.fao.org/world-food-day/es

https://www.fao.org/3/y5114s/y5114s02.htm#TopOfPage 

Pazo de Vilane

Gustouche este artigo? Pois ofrecémosche moito máis! Subscríbete ao noso boletín e recibirás un libro dixital gratuíto!