Coñeces a Soncello Ensemble? Trátase dunha agrupación que une instrumentistas con traxectorias distintas pero cunha paixón en común: o violoncello. É unha dos principais acenos de identidade da Asociación de Violoncellistas de Galicia, impulsada por Carolina Landriscini, profesora de violoncello no Conservatorio Superior de Música da Coruña, e onde tratan de resumir voz, música e identidade nun só termo: Soncello.
Xa son cen persoas quen integra esta asociación que busca promover actividades que reforcen a cultura e o recoñecemento do violoncello en Galicia. Entre elas destacan a Xuntaza Soncello, xornadas nas que os asociados poden compartir en directo a súa paixón co instrumento. Concursos enfocados a estudantes en conservatorios, escolas e academias de música de Galicia. E cursos e masterclasses enfocados ao instrumento e á interpretación con docentes. A maiores organizan conferencias e cursos de materias relacionadas que complementan a formación do violoncellista, como relaxación, medo escénico ou a preparación física.
Soncello Ensemble fai a súa primeira presentación en 2012 na Coruña. Ese mesmo ano presentáronse en Ferrol e no Círculo de Artes de Lugo nun concerto xunto aos prestixiosos violoncellistas suízos Thomas e Patrick Demenga, dentro do Festival “Semana da música do Corpus de Lugo” con resultados positivos entre o público e a crítica.
Foron numerosos os eventos e concertos que realizaron ao longo destes anos e chegaron a gravar un CD con obras de Vivaldi, Grieg Haydn e Piazzolla. Tamén interpretaron Bachianas Brasileiras de Villalobos, colaborando coa soprano Cristina Suárez e participando no festival Curso Internacional de Música en Compostela.
En 2018, co obxectivo de ensinar aos público compositores galegos actuais polo Día das Letras Galegas, contactaron coa Asociación Galega de Compositores pensando en realizar un concerto de diferentes pezas con voz e instrumentos inspirados en cancións e poemas tradicionais galegos: Cancións Galegas. Contaron con dez pezas e oito compositores, conseguiron material de María Mendoza, composicións de Ermidas García Ríos e propostas de Octavio Vázquez.
Algunhas destas devanditas pezas son:
“ Na montaña”, de P.Pereiro, “Octofonía”, de S. Oriana, “Vos teus ollos”, de X. Comesahna, “ Meus amores”, de M.Viso, “De Ruada”, de X.A.Vázquez, “A miña burriña”, de M. Mendoza, “Negra sombra”, de J.Durán, Valse de lumière, de M. Mendoza, “Quen ten amores”, de P.Pereiro, “Suite”, de J.Montero.
Previamente, a asociación de Violoncellistas de Galicia organizou un encontro lúdico-musical para todos os seus asociados nas rúas de Santiago. Con obxectivo de dinamizar o ambiente e motivar ao público interesado para acudir ao concerto de Soncello Ensemble, que celebraron na sede da SGAE. A idea deste programa cultural é repetilo en diversos lugares do Camiño de Santiago.
Estrea de Cancións Galegas en Pazo de Vilane
Con esta traxectoria non vos podedes perder o concerto que presentan este sábado 27 de xullo no marco de Concertos no pazo, unha actividade gratuíta cuxo propósito é traer música ao medio rural e permitir que os habitantes da zona e quen se queira achegar ata o Pazo poidan gozar dunha velada con boa música.
Este ano é a V edición de Concertos no pazo e Soncello Ensemble e a Asociación Galega de Compositores traen Cancións Galegas, cun repertorio composto de dez cancións galegas harmonizadas por un octeto de violoncellos e voz. O evento celébrase este sábado 27 de xullo ás 20:00 h no Pazo de Vilane, na comarca da Ulloa. A entrada é libre ata completar aforo. Esperámoste!