Monterroso é un dos tres concellos que, xunto con Antas de Ulla e Palas de Rei, forman a comarca galega da Ulloa. Desde esta zona que corazón de Galicia e centro xeografico, na provincia de Lugo, é o sitio desde o que saen ao resto de España os ovos campeiros de Pazo de Vilane. Hoxe imos centrarnos no municipio que é veciño do noso: Monterroso.
Esta localidade está formada por 30 parroquias que se dividen nun centenar de núcleos de poboación. A poboación de Monterroso achégase ás 3.600 persoas e crese que o asentamento de xente na zona da vila data xa do século XII, aínda que se ten coñecemento de que na época romana xa pasaban por aquí varias vías. O río Ulla é o principal accidente xeográfica do municipio xunto cos seus afluentes, o Parteme e o Lavandelo. Hoxe ímonos a centrar nos principais monumentos a visitar.
Ligonde e o Camiño de Santiago
A parroquia de Ligonde é unha das máis importantes debido a que pasa por ela un tramo do Camiño Francés. Trátase do percorrido máis coñecido e do máis empregado polos peregrinos para chegar ata Santiago de Compostela. Aínda que o tramo que atravesa terras monterrosinas é de pouco máis de 5 quilómetros, conta con varios puntos imprescindibles que non podemos perder.
Antes de chegar ao pobo atopámonos co Cruceiro de Lameiros, datado do ano 1670 e que debemos parar a ver. En cada un dos catro lados da base podemos atopar elementos como unha escaleira, cravos e espiñas ou unha caveira que fan referencia ao calvario e morte de Xesús. A parte superior coróana por unha banda unha figura de Cristo crucificado e, polo outro, unha Virxe María cun neno Xesús en brazos. Na actualidade converteuse no que se denomina un amilladoiro, un lugar no que os peregrinos deixan pedras ou estampas ao seu paso ao mesmo tempo que aproveitan para descansar aos seus pés e aos duns carballos centenarios.
Continuamos co camiño ata chegar ao propio pobo de Ligonde, no seu momento una das paradas máis destacadas do Camiño Francés xa que albergaba un hospital e un cemiterio de peregrinos. Na actualidade hai un albergue. Aquí atópase tamén a coñecida como Casa do Carneiro, fundada polos Ulloa e que acolleu a varios reis. A súa peculiaridade está en que do século XVI e ata o XVIII concedéuselle dereito de asilo. É dicir, os perseguidos que conseguisen atravesar a porta conseguían automaticamente a liberdade.
Patrimonio arquitectónico e cultural
Ademais destas paradas que non che podes perder ao teu paso por Monterroso hai outras que che encantarán. Este municipio é coñecido por ser terra señorial xa que alberga varios pazos e caseróns. Destacamos a Torre ou Pazo de San Miguel de Pena, no pobo de Esporiz, o Pazo de Laxe, a Casa Grande de Mourente ou o Pazo de Podente. Todos eles son unha boa mostra do estilo civil galego.
O paso do Camiño de Santiago tamén conseguiu que proliferasen as igrexas por todo o territorio. Pódese facer un roteiro polos seus máis de 20 igrexas de estilo románico. Son de destacar pola súa especial beleza a igrexa de Novelúa, unha xoia do románico galego asentada sobre un antigo castro, a de Bidouredo, San Martiño de Cumbraos ou a de San Lourenzo, do século XII, a máis antiga de Monterroso.
Dentro das opcións turísticas que podemos ver neste territorio non podemos deixar pasar os numerosos restos arqueolóxicos. Nas parroquias de Fente, Pol e Vilanova atopamos sartegos antropoides e na de Fufín tamén insculturas, gravados rupestres feitos en laxas na Idade de Bronce. Pero, sen dúbida, son os castros os elementos máis numerosos e mellor conservados de Monterroso. Hai un total de 13 castros identificados aínda que se cre que no seu momento puido haber moitos máis. Se entras na web municipal, poderás descubrir un roteiro por todos eles.
Como podes ver, son numerosos os monumentos que tes que ver durante a túa vista en Monterroso. Permanecede atentos, proximamente falaremos sobre o patrimonio natural que aquí se esconde. E lembrade que moi preto está Pazo de Vilane, o lugar de orixe dos nosos deliciosos ovos campeiros de galiñas en liberdade.