O Castelo de Pambre sitúase no municipio lucense de Palas de Rei. Este concello xunto con Monterroso e Antas de Ulla (o lugar no que está Pazo de Vilane) forman a comarca da Ulloa. Situada no centro da provincia de Lugo, esta zona foi moi estratéxica para o control de Galicia en séculos pasados e por iso é polo que este edificio considérese un dos máis emblemáticos da arquitectura militar de toda a comunidade.
Fai catro anos exactos, en setembro do ano 2016, o Castelo de Pambre volvía á vida grazas a unha reforma que permitiu a súa apertura ao público. A restauración correu a cargo da Xunta de Galicia que, unha vez finalizadas as obras, cedeu a titularidade ao concello de Palas de Rei. Esta era unha vella demanda que os veciños da zona levaban anos reclamando. Acompáñanos, que imos descubrir todo o que debes saber sobre o Castelo de Pambre
Un lugar con historia
Considerado Ben de Interese Cultural, esta fortaleza data do século XIV e foi mandada construír por Gonzalo Ozores de Ulloa nun alto rochoso e preto do río Pambre, para que serviran de defensas naturais. Considérase a única construción con carácter militar que sobreviviu ás Revoltas Irmandiñas de 1467. O Castelo de Pambre pasou por varias mans e familias ata caer no abandono e volver ser de titularidade pública no ano 2012, cando a Xunta a adquiriu dunha irmandade relixiosa á que fora doado.
O castelo ten planta cadrada, con catro torres en cada unha das súas esquinas e comunicadas por unha muralla e unha destacada no interior, coñecida como Torre da Homenaxe. Os muros son de cantería e sillería de granito. A impoñente torre central ten tamén planta cadrada, tres alturas e uns once metros. Desde a súa parte máis elevada pódese observar unha panorámica única da comarca da Ulloa.
Para entrar á zona do patio interior hai que atravesar un portalón feito directamente sobre a muralla que conserva o escudo de armas da familia Ulloa. Tamén destaca que no patio pódese atopar un hórreo de catro aires e a capela románica de San Pedro, levantada a finais do século XII.
Visita guiada
Trala restauración do Castelo de Pambre abríronse as visitas a todo aquel que quere achegarse ata terras da Ulloa. Na actualidade, permanece aberto no verán de 11 a 14 horas polas mañás e de 16 a 20 horas polas tardes. No inverno pódese visitar de 12 a 17:30 horas. O prezo para a visita é de 3 euros por persoa.
Cunha visita guiada a esta fortaleza poderemos descubrir un pouco máis sobre a historia da Galicia medieval. Nunha das salas rehabilitadas poñerannos un vídeo informativo para poñernos en contexto co percorrido e, a continuación, poderemos ver varios elementos propios da época. Tamén hai outra sala na que fan exposicións temporais. Xa no interior do castelo, poderemos sentir que viaxamos atrás no tempo.
Os canteiros de Pambre
Ademais do mencionado escudo labrado en pedra dos Ulloa, no Castelo de Pambre destacan as firmas dos canteiros que axudaron á súa construción. Se se observa con detemento, pódense distinguir todo tipo de marcas identificativas. Que credes que significan? A resposta é aínda un misterio. Mario Crecente foi o arquitecto que dirixiu a reforma do castelo no ano 2014. En La Voz de Galicia contaba que este é un exemplo de calidade construtiva, «difícil de atopar en España, coma se con esta obra quixésese aspirar á perfección». Merece a pena que o visitedes e xoguedes a descubrir as marcas presentes na pedra da fortaleza.
En Pazo de Vilane encántanos descubrirche recunchos que temos na nosa querida comarca da Ulloa. Ademais de facer este percorrido polo Castelo de Pambre, recomendámosche achegarche aos Torrentes de Mácara, coñecer Monterroso e os seus monumentos e dar un paseo polo noso municipio, Antas de Ulla.