Bosques de Galicia: onde os ollos atopan acougo

Bosque galego

Galicia é terra verde por excelencia: auga abondosa, brétemas e espectaculares paisaxes. Sen dúbida a natureza parouse especialmente nestas paraxes, de maneira moi especial nos bosques galegos, que teñen a capacidade de dar descanso á vista.

E é que os bosques autóctonos galegos non son só un dos principais atractivos de España, senón de toda Europa. De feito, moitos dos mellores bosques atlánticos do Continente está situados nestas terras.

Non nos resistimos aos encantos de Galicia, porque a levamos moi dentro. Por iso quixemos coñecer mellor o estado e características dos bosques galegos como primeiro paso para poñelos de novo en valor e para aprecialos como merecen.

Que son os bosques autóctonos galegos?

Os bosques autóctonos galegos, tamén denominados “fragas” son aqueles non que non interviu a man do home na súa formación.

Existen dende tempos inmemoriais, a súa antigüidade é case que incalculable e constitúen ecosistemas autónomos que se rexeneran por si mesmos e están dotados de gran biodiversidade.

Os ríos, anchos e caudalosos, son os grandes protagonistas do bosque galego, porque a abundancia de auga permite esa riqueza incalculable de fauna e flora.

Todo contribúe á formación de verdadeiras marabillas paisaxísticas: as fragas son sempre moi espesas porque as copas das árbores que as forman están cheas de ramallada; por iso a luz raras veces chega até o solo, manténdose así unha temperatura e humidade constantes no interior.

As brétemas e néboas, así como as abondosas choivas, fan o resto. Os solos son ricos en nutrientes, polo que xorden liques, musgos e fentos das máis diversas variedades que un se poida imaxinar.

O bosque autóctono de Galicia por excelencia é o atlántico, así que -dependendo sempre da altitude e das condicións do substrato- as especies predominantes adoitan ser o carballo, o castiñeiro, o acivro, o loureiro, o espiño e a sobreira.

A fauna é, así mesmo, moi rica e variada. Habitan nestes bosques unha gran diversidade de especies, como a marta, o raposo, o teixugo, a xineta, a martuxa, o furón, os gatos monteses, a donicela, e nos últimos anos o visón americano procedente das granxas. Este último ameaza con converterse en praga.

O eucalipto en Galicia

Conviven cos bosques galegos autóctonos outros de plantación humana, na súa meirande parte de especies pirófitas (eucaliptos) de rápido crecemento; trátase de explotacións de celulosa e madeireiras, nas súa maior parte.

As persoas que visitan por primeira vez o norte de España, e moi particularmente Galicia, quedan sempre impresionadas pola altura, porte e aroma que desprenden estas árbores aos que consideran parte da paisaxe, sen saber que teñen unha historia relativamente recente nestas terras.

En realidade, son froito principalmente de plantacións masivas nas décadas dos 50 e 60, que con posterioridade se foron mantendo con obxectivos económicos.

Estes bosques non autóctonos teñen sido obxecto de críticas, por arguméntase que as árbores introducidas son perniciosas para o resto de especies propias e ademais arden con maior facilidade, polo que poden atraer incendios forestais masivos.

Algúns dos bosques máis fermosos de Galicia

Fragas do Eume

Fragas do Eume

O Parque Natural das Fragas do Eume, situado no norte da provincia da Coruña, é unha marabilla medioambiental que percorre a beira do río Eume. Dentro del localízanse algunhas aldeas nas que viven no seu conxunto pouco máis de 500 persoas. Está considerado un dos mellores bosques atlánticos de toda Europa.

A maior parte das árbores das Fragas do Eume son carballos, aínda que tamén abondan os castiñeiros -que prosperaron no pasado grazas á explotación humana do seu froito- e o bidueiro. Pero debido ás sombras e á abondosa humidade, o verdadeiro rei desta fraga é o fento, do que se poden atopar máis de 20 especies diferentes.

No medio do bosque sitúanse tamén dous mosteiros de gran beleza, o de San Juan de Caaveiro e o de Santa María de Monfero, auténticas xoias do románico galego.

Bosque de Os Grobos

Bosque de Os Grobos

Se che gustan os labirintos vexetais, misteriosos, intricados e sombríos, namorarás do Bosque dos Grobos, localizado entre os municipios de Becerreá e As Nogais, en Lugo.

A súa orixinalidade reside en que está salpicado de enormes rochas calcarias -raras veces se poden ver en Galicia- talladas polo tempo, a humidade e a erosión provocada polo decorrer da auga. Ademais, non ten rutas establecidas de antemán, tal é a densidade da súa vexetación.

De feito, nesta enigmática fraga, chea de covas e pasadizos, é fácil perderse e non é sinxelo atopar o camiño de acceso, quizais sexa por iso que se conservou ao longo dos séculos.

Curiosamente, nel hai especies do bosque mediterráneo mesturadas en harmonía cos castiñeiros, gracias ao seu especial microclima.

Devesa da Rogueira

Devesa da Rogueira

Outra xoia natural situada en Folgoso do Courel (Lugo) e perfecto exemplo das devesas, bosques atlánticos orientados ao norte.

Na Devesa da Rogueira atoparás en perfecta harmonía abeleiras, carballos e arandeiras xunto a faias, acevos, freixos e bidueiros.

Cun pouco de sorte poderás topar con algúns dos simpáticos habitantes deste “bosque animado”: gatos monteses, leiróns, corzos, martas, donicelas, touróns, martuxas…

Devesa de Nimo

Devesa de Nimo

Á beira do río Tambre, ao pé de fervenzas, saltos e rápidos, transita a Devesa de Nimo, un bosque galego espectacular cheo de loureiros, carballos e salgueiros.

Ao longo deste precioso percorrido non so poderás avistar londras, algún picapeixe, e mesmo xabaríns ou raposos; a zona é idónea para a pesca de lampreas, así que é frecuente atopar aos amantes da pesca por alí.

Non perdas unha verdadeira marabilla arquitectónica: a central hidroeléctrica do Tambre, deseñada en 1924 polo arquitecto Antonio Palacios, o tamén artífice do Palacio de Correos e do Círculo de Belas Artes de Madrid. Está considerada por moitos como unha das mellores mostras do modernismo de Galicia.

Os bosques galegos na literatura

O galego concibe os seus bosques e a natureza verde e até algo salvaxe da súa terra como parte da súa propia vida, da súa mesma esencia.

Por iso, os grandes autores galegos da literatura (tanto se escribían en galego como en castelán) trataron aos seus bosques en moitas das súas obras, e mesmo nalgúns casos dende unha visión orixinal como personaxes principais, con vida e personalidade propias.

Rosalía de Castro foi unha das primeiras autoras en tratar o tema dos bosques e dos verdes campos galegos dentro da súa obra. Nos seus poemarios intimistas percorre a paisaxe de Galicia e intégraa como parte dun sentimento íntimo.

Así, a súa patria galega é un “todo” integrado pola lingua e o pobo, pero tamén por esa terra fresca, verde e mariñeira.

Outra gran autora, Emilia Pardo Bazán, reflicte nas súas obras ese mesmo amor por Galicia a través dos bosques e a paisaxe.

En “A nai natureza” a nosa principal representante do naturalismo demostra unha especial mestría na descrición dos bosques galegos, con profusión de vocabulario botánico.

Isto non é raro, pois a Pardo Bazán, como boa galega e defensora orgullosa da súa identidade, coñecía á perfección a natureza que a arrodeaba.

Pola súa parte, o gran Valle-Inclán fai un uso case que exhaustivo das descricións paisaxísticas misteriosas, case épicas. As húmidas devesas, os labirintos vexetais… insírense nas súas obras case sempre cun sentido enigmático ou mesmo simbólico.

Pero, sen dúbida, a obra galega na que o bosque cobra especial protagonismo é “O bosque animado” (1943) de Wenceslao Fernández Flórez.

Nesta novela as criaturas que habitan na fraga de Cecebre -animais, ánimas benditas, plantas…- teñen vida e sentimentos propios, e interactúan uns cos outros con total naturalidade.

Agora ben, o que importa non son tanto as historias de cada personaxe animado (ao fin teñen unha vida finita) senón a continuidade da fraga, que prevalece sobre a morte.

Os bosques e Pazo de Vilane

plantación forestal

Un dos valores fundacionais de Pazo de Vilane é o coidado do medioambiental e a protección de todo o incomparable patrimonio “verde” que nos arrodea na comarca da Ulloa.

Por iso dende a fundación da nosa empresa, en 1996, traballamos duro en frear o seu deterioro.

É máis, non so tratamos de preservar toda a flora e fauna que inicialmente habitaba as nosas fincas, tamén dende 2014 melloramos a paisaxe plantando novas árbores adaptadas ás características climáticas da zona, coa finalidade de que nun futuro se convertan en novos bosques dignos de ser admirados.

Ademais todos os nosos seguidores participaron e implicáronse nesta iniciativa medioambiental de plantación a través dun concurso anual de ideas de reutilización da nosa caixa de ovos de cartón, o xa coñecido 1 idea, 1 árbore.

Neste certame, todos gañamos, pois por cada idea de reutilización proposta plantamos unha árbore. Xa levamos nove edicións consecutivas, e moitas das primeiras árbores xa conseguiron enraizar e estender as súas copas.

Con especial ilusión plantamos no 2021 os Bosques 25 aniversario, dous arboredos conmemorativos dos 25 anos da nosa fundación e que agardamos poidan proporcionar sombra no futuro ás nosas queridas galiñas, así como acubillo a todas as aves dos arredores.

En conclusión, todo o que digamos sobre os bosques de Galicia queda curto para explicar a súa enigmática beleza e maxestosidade. Baste dicir que ao longo dos séculos foron inspiración de artistas e motivo de admiración e sustento para as persoas sinxelas.

Sen lugar a dúbidas, son patrimonio común, un legado que debemos traspasar engrandecido ás xeracións futuras. Por iso todos debemos respectar os bosques de Galicia e esforzarnos na súa conservación e prosperidade.

Gustouche este artigo? Pois ofrecémosche moito máis! Subscríbete ao noso boletín e recibirás un libro dixital gratuíto!

Fontes

https://www.guiategalicia.com/galicia-bosques-encantados/#:~:text=Los%20bosques%20o%20masas%20m%C3%A1s,femeninas%20y%20roble%20auriculado%2C%20debido 

https://www.escapadarural.com/que-hacer/folgoso-do-courel 

https://www.elconfidencial.com/medioambiente/naturaleza/2021-08-05/eucalipto-galicia-moratoria-plantaciones_2975880/