Achéganse as festas de Pascua e, con elas, as tradicións gastronómicas destas datas, especialmente as que teñen que ver cos doces.
En Galicia, os ovos e as roscas que os padriños regalan aos seus afillados pola Pascua son toda unha tradición, un clásico dos escaparates das pastelerías, panaderías e outras tendas especializadas dende semanas antes destas datas.
Aínda que a orixe desta celebración é relixiosa, como adoita ocorrer coa maioría destas festividades o sagrado acábase mesturando co profano, pois ao parecer a orixe dos ovos de Pascua é pagá. Cóntase que no Imperio Romano as persoas regalaban ovos durante o equinoccio de primavera como desexo de boa sorte. Esta costume foi continuada polos cristiáns, que regalaban ovos como símbolo de fecundidade, vida e resurrección. O certo é que o primeiro ovo de chocolate do que se ten constancia foi o que envou Napoleón II a Eugenia de Montijo, e a crenza da lebre de Pascua que regala ovos remóntase ao século XVII.
En canto á rosca, a súa orixe parece situarse na cidade italiana de Bolonia, onde os pasteleiros crearon un simple pan leudado a base de leite, ovos e fariña, con forma circular e que levaba ovos duros no seu interior, cousa que tamén se segue a facer na actualidade.
Tamén existe a historia de que no ano 476, un pasteleiro preparou un postre con forma de pomba, símbolo de paz e amor, para a Pascua e regaloullo ao rei bárbaro que situara a cidade. O monarca quedou tan conmovido co doce que liberou a cidade. Co paso do tempo, o postre foi cambiando de forma ata chegar á forma circular actual.
Cada ano por estas datas, os obradoiros traballan a reo para satisfacer a demanda de milleiros de roscas e ovos, con diferentes formas e decoracións. Produtos tradicionais nos que, e nisto coinciden todos os artesáns, a calidade das materias primas marca a diferenza. Probastes a facer unha rosca con ovos campeiros de Pazo de Vilane?