Devolver á vida a un pazo que permaneceu vinte anos abandonado para convertelo nun motor de dinamización rural e económica foi un dos obxectivos que levou ao empresario Juan Varela-Portas e Pardo ao fundar Pazo de Vilane nos anos 90. Desde entón, a empresa familiar converteuse non só en referente da produción de ovos campeiros e marmeladas artesanais, senón tamén en exemplo de recuperación do patrimonio arquitectónico do mundo rural.
Desde que o proxecto botou a andar, en Pazo de Vilane leváronse a cabo distintas reformas e rehabilitacións para dar unha segunda oportunidade a construcións que levaban décadas sen ser utilizadas, e que se integran na leira de 37 hectáreas. Así, a cuadra onde se gardaban os animais, o almacén (A Palleira) ou a vivenda onde residía a familia encargada do coidado do pazo ( A casa dos caseiros), son hoxe construcións recuperadas e destinadas a diferentes actividades da empresa familiar.
Como comentaba a historiadora Sandra González Sousa nun estudo sobre o rexurdir dos pazos galegos, a recuperación do pazo axuda a dinamizar a contorna que lle rodea, como xa o facía na súa época de esplendor -séculos XVI, XVII e XVIII-. E esa aposta polo mundo rural é unha das estratexias que define a Pazo de Vilane.
Novos usos para unha segunda vida
A clave desta recuperación do patrimonio arquitectónico reside en atopar un obxectivo para ese patrimonio, é dicir, en dar un novo uso a construcións pensadas para unha función que en moitos casos xa non é necesaria. Un exemplo é a palleira de Pazo de Vilane. Nela adoitaba almacenarse a palla coa que se alimentaban os animais, que á súa vez durmían na planta inferior. Agora é un espazo onde se celebran concertos, eventos, talleres ou reunións de empresa dinamizando a contorna e servindo á actividade da empresa.
O mesmo ocorre coa denominada “Casa dos Caseiros” a vivenda onde residían as persoas responsables do coidado da leira. Desde o ano 1931 permanecía baleira pero, tras a súa rehabilitación, pode destinarse a actividades como talleres, cursos e conferencias.
Estrutura e material
Todas estas restauracións leváronse a cabo respectando a estrutura orixinal dos edificios. A proba máis clara podemos vela nos teitos, que conservan as grandes vigas de madeira que sempre os soportaron.
Os materiais seleccionados para as reformas son os mesmos utilizados orixinariamente na súa construción nun afán de respectar o patrimonio e a súa contorna.
A recuperación do patrimonio arquitectónico de Pazo de Vilane abre unha nova etapa nunha contorna de gran riqueza que durante décadas foi esquecido.