29 de xullo: Concerto de Esencia Sonora en Pazo de Vilane

Pazo de Vilane celebra o vindeiro sábado 29 de xullo ás 20 o III edición de Concertos no Pazo. O grupo de música Esencia Sonora interpretará Il Zabaione Musicale, unha comedia madrigalesca publicada por Adriano Banchieri en 1604 e composta para cinco voces con acompañamento instrumental.

A peza está ambientada nunha contorna pastoril chea de humor, amor e outros condimentos ao gusto do Renacemento tardío e primeiro Barroco. Cancións, danzas e madrigais cunha posta en escena alegre e instrumentos de época que nos transportan ao universo festivo da obra.

A comedia madrigalesca foi un xénero musical xurdido na prolífica e irrepetible Italia dos anos dacabalo entre o ‘cinquecento’ e o ‘seicento’. Este termo usouse para describir un entretemento musical e, nun sentido máis amplo, unha serie de pezas profanas unidas por un fío argumental máis ou menos definido. Oratio Vecchi realizou o primeiro intento de tratar esta música cunha unicidade cómica, en relación directa coa temática da comedia harmónica, na súa obra L’Amfiparnaso e o seu modelo foi secundado por outros autores, entre eles, Adriano Banchieri. No seu momento, a comedia madrigal foi considerada unha das precursoras da ópera, pero a maioría dos estudos máis modernos consideran hoxe un desenvolvemento separado, consecuencia do interese xeral na Italia de final do renacemento por crear novas formas musicais dramáticas.

 

 

Un dos alicerces fundamentais de Pazo de Vilane é a recuperación respectuosa do patrimonio histórico onde ten sede o proxecto e promover actividades sociais e culturais na Comarca da Ulloa.

Neste marco, Concertos no Pazo é unha actividade gratuíta que ten como obxectivo traer a música clásica ao medio rural e permitir que os habitantes da zona e quen se queira achegar ata Pazo de Vilane poidan gozar dunha velada de boa música.

A primeira edición tivo como protagonista ao Grupo Égloga (vídeo dispoñible en https://bit.ly/1pJ3hgH ) e a segunda a Angelicata Consort (vídeo dispoñible en https://bit.ly/20foUe1 )

Deste xeito, ademais de traballar na mellora das leiras e a súa contorna con actividades agrícolas e gandeiras sostibles e elaborar produtos de calidade, como o ovo campeiro ou as marmeladas artesanais, a empresa familiar dá sentido e actividade aos espazos arquitectónicos do Pazo.

Esencia Sonora

O grupo de música está integrado polo lucense Javier Gómez Jácome (tenor e frauta), Águeda Matute de Cárdenas (soprano e frauta); Ana María Narbona Fernández (soprano); Elena Sánchez Elordi (alto); Manuel Jiménez Roldán (director, baixo e frauta); Beatriz de la Banda (laúd renacentista) e Sofía Alegre (viola da gamba).

¡Esperámosvos o sábado 29 de xullo ás 20h no patio principal do Pazo de Vilane!

Aquí tendes as indicacións para chegar: