A noite do 31 de outubro, iníciase o camiño de reencontro cos mortos, un roteiro que culmina o 1 de novembro, o Día de tódolos Santos. En diferentes países celébrase esta data con ansia, como en México que é unha das festas tradicionais máis representativas ou o famoso Halloween en Estados Unidos.
Desde hai anos, e baixo a influencia estadounidense, comercios, discotecas, festas e eventos acolleron a festa de Halloween. Enchendo as rúas de sustos e cabazas, sen ser conscientes de que a súa orixe provén dun rito celta que está presente na nosa cultura galega desde hai séculos: o Samaín. Hoxe en Pazo de Vilane imos contarche 10 datos curiosos sobre esta festa e como segue presente a día de hoxe.
- Orixe de Samaín. É de orixe celta, celebraban o final da época das colleitas e o bo tempo coincidindo co inicio do período da escuridade e o frío, sendo considerado como o ano novo celta.
- As almas dos mortos regresaban ás súas casas na noite de Samaín. Críase que esa noite os espíritos viñan ver ás súas familias e aproveitaban para buscar alimento e quentarse co lume. Era costume deixar o lume aceso toda a noite e non varrer a cociña para non espantar ás almas dos mortos. Algunhas familias deixaban unha cadeira baleira con bebida e comida para que acompañasen na cea.
- Noite dos mortos. A celebración evolucionou mesturando lendas e mitos acerca de espíritos que aproveitaban esa noite e época de escuridade para regresar e mesturarse entre os vivos convertendo á morte na protagonista desta festa. Críase que os mortos se infiltraban cos vivos coa intención de levar almas. Unha das solucións que atoparon os celtas era disfrazarse de espíritos e dedicar ofrendas.
- Disfrazarse en Samaín, antes que en Halloween. Agora é popular disfrazarse de personaxes populares de terror, pero os celtas xa o facían. Collían peles e cabezas de animais, así crían que podían espantar aos malos espíritos.
- De caveiras a cabazas. Outra forma de espantar espíritos, era colocar sobre muros ou nos ocos das paredes caveiras dos seus inimigos cunha vela acesa, para que os espíritos non se achegasen aos castros nin ás casas. A tradición foi substituída posteriormente polo baleirado de nabos de gran tamaño ou cabazas, que representaban caras, e aos que se lles metía dentro unha vela.
- Truco ou trato. Unha tradición feita para nenos que segue sendo popular en Halloween e tamén ten a súa orixe no Samaín. É un costume que consistía en colocar doces nas entradas das vivendas para manter contentos aos espíritos que visitaban os seus fogares.
- Extensión da tradición. Esta tradición estendeuse por gran parte de Centro Europa, as illas Británicas, en especial Gales e Irlanda, ata unha boa parte do norte da Península Ibérica, sobre todo a Galicia e Asturias. O Samaín chegou aos Estados Unidos durante os séculos XVII e XIX polos numerosos emigrantes escoceses e irlandeses, que levaron con eles a súa cultura e tradicións.
- Samaín en Galicia. Rafael López, mestre de escola de Cedeira, foi responsable de redescubrir esta tradición e comprobar que existía por toda Galicia. Aquí xa se realizaban moitas de todos os costumes típicos do Samaín, como deixar doces ou castañas e deixar sen recoller a mesa por se as almas dos espíritos ían visitarlles esa noite.
- A importancia do lume en Samaín. Os druídas amontoaban ramas sacras e acendían á tardiña fogueiras en diferentes puntos do poboado, para escorrentar aos malos espíritos e guiar aos defuntos. A tradición do lume conservouse nas aldeas galegas, durante esa noite acendíanse fogueiras con ramas de tezo ou de serbal e comían castañas, permitindo que os defuntos entrasen en calor e comesen con eles.
- A Santa Compaña. É unha das lendas máis populares de Galicia e cobra forza a noite de San Xoan e a de Samaín. A comitiva de defuntos vai dirixido por unha persoa viva, que camiña en silencio con longos cirios que iluminan os lugares polos que pasan. Durante a noite hai que gardarse para non atoparse coa procesión. O condenado que guía só se verá libre cando lle pase a testemuña de tal desgraza a outro.
Curiosamente, as tradicións que coñecemos hoxe en día en Halloween comezaron en Samaín e en lugares como Galicia aínda podemos gozalas. Celebre esta noite de cabazas, meigas, fogueiras e castañas con emoción en pobos como Cedeira, Quiroga ou Ribadavia onde se vive con espectáculos e eventos esta noite meiga.