Xa ven o apalpador!

En tempos de discusións entre os que prefiren a Papá Noel e os que se decantan polos Reis Magos, en Galicia estamos a recuperar a figura do Apalpador. Que sabedes da súa orixe?

O Apalpador, tamén chamado Apalpabarrigas ou Pandegueiro, é unha personaxe da mitoloxía galega que trae agasallos ás nenas e aos nenos galegos polo Nadal. Chega a noite do 24 ou do 31, segundo a zona, tócalles o ventre para ver se comeron abondo durante o ano, déixalles unha presada de castañas e deséxalles un ano cheo de felicidade e fartura.

Antes da súa chegada, os pais cantábanlles aos máis pequenos esta cantiga para calmalos.

Vaite logo, meu meniño
marcha agora para a camiña
que vai vir o Apalpador
a apalparche a barriguiña.

Xa chegou o día grande
día do noso Señor.
Xa chegou o día grande
e virá o Apalpador.

Mañá é dia de cachela,
que haberá gran nevarada
e há vir o Apalpador
cunha mega de castañas.

Por aquela cemba
xa ven relumbrando
o señor Apalpador
para darvos o aguinaldo.

Quen vai levar os regalos á vosa casa a partir de agora? Papá Noel? Os Reis Magos? Ou o Apalpador? Bo Nadal!