fbpx

Patrimonio ao redor de Pazo de Vilane: as firmas dos canteiros de Pambre

Unha das nosas preocupacións, empezando por nós mesmos, é a da posta en valor e a protección do noso patrimonio arquitectónico e histórico.

Pazo de Vilane xira ao redor do pazo familiar ao que decidimos volver e dar vida nos anos 90, cando nace o noso proxecto. Pero tamén nos gusta saír de Pazo de Vilane, visitar outros representantes do noso patrimonio e compartilo con vós. Hoxe detémonos no Castelo de Pambre.

Jorge Rouco Collazo publicaba no ano 2017 un estudo sobre as funcións desta fortaleza. Emprazada no corazón da comarca da Ulloa, trátase dunha das fortificacións máis emblemáticas de Galicia. Por que? As razóns son o seu bo estado de conservación, a súa situación xunto ao Camiño de Santiago e a lenda popular de ser un dos poucos que resistiu ás revoltas irmandiñas. Aínda son visibles os escudos labrados en pedra da familia Ulloa (un das principais liñaxes nobres da Baixa Idade Media galega), ou as firmas dos canteiros que axudaron á súa construción. Este feito chámanos especialmente a atención. Se observades con detemento, pódense distinguir todo tipo de marcas identificativas. Que creedes que significan? A resposta é aínda un misterio.

Mario Crecente foi o arquitecto que dirixiu a reforma do castelo no ano 2014. En La Voz de Galicia contaba que este é un exemplo de calidade construtiva, “difícil de atopar en España, coma se con esta obra se quixese aspirar á perfección”. A información recolle que foi o nobre Gonzalo Ozores de Ulloa quen encargou a construción da fortaleza no século XIV. Existe a hipótese de que ideou a obra estando preso en Francia, que poida que fose alí onde tivese acceso a algún tratado de arquitectura ou planos que lle levasen a desenvolver esa idea.

Merece a pena que o visitedes e xoguedes a descubrir as marcas presentes na pedra da fortaleza. Trátase dunha obra que pasou de pais a fillos; Gonzalo Ozores de Ulloa encargouse da torre da homenaxe, o seu fillo Lope do primeiro recinto e o seu neto do segundo. E en cada lugar as firmas dos canteiros cambian.

Se sabedes algo que nós non saibamos, contádenolo. En Vilane seguiremos coidando e poñendo en valor a nosa contorna. O futuro do rural galego pasa por valorar a súa riqueza e aproveitar os seus recursos.

< Volver

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies