O estoxo máis reutilizable con Pazo de Vilane

O concurso 1 idea, 1 árbore chegou en 2019 á súa cuarta edición. O obxectivo era que nos enviásedes as vosas propostas para darlle unha nova vida á caixa de ovos campeiros de Pazo de Vilane. Desta maneira tanto vós como nós estamos a contribuír a coidar do noso planeta poñendo en marcha a regra das 3 R: reducir, reutilizar, reciclar. O coidado do medio ambiente é básico para todas as persoas que formamos parte de Pazo e por iso estamos tan orgullosos de cada idea que recibimos.

Tal e como nos comprometemos, por cada unha das propostas enviadas plantaremos unha árbore dunha especie autóctona na comarca da Ulloa para contribuír na reforestación dos espazos e leiras que se atopan próximos a Pazo de Vilane. Ademais, conseguimos con esta acción que as galiñas poidan gozar no futuro de parques arborizados para o seu acubillo durante os días de moito sol na primavera e no verán así como para protexerse das aves rapaces.

As propostas que hoxe vos traemos son moi prácticas par todos. Todas elas teñen algo en común; converteron a caixa de ovos campeiros nun cómodo estoxo para transportar material de oficina e material escolar. É o caso de Rosa, que a converteu na súa caixa predilecta para transportar a plastilina. Dentro almacena todos os anacos ademais das diferentes formas. Para que non caiba dúbida de a quen pertence, pegou un debuxo dun colorido castelo e tamén o seu nome en letras grandes. 

Tamén temos outro exemplo de como a caixa pode ser o estoxo perfecto coa proposta que nos enviou Shey. Sinxela e fácil de facer. Tan só tes que baleirar a caixa, limpala e meter no interior todo o contido que tes solto pola túa mesa ou pola túa habitación: bolígrafos, lapis, fluorescentes, tesoiras ou rotuladores. Todo ten cabida aquí dentro.

Os artistas tamén están de sorte coas propostas de Mónica e de Paloma para gardar dentro da caixa de cartón de Pazo de Vilane as súas pinturas. Paloma reutilizouna para meter no seu interior os óleos cos que realiza as súas obras. No caso de Mónica usouse para gardar os botes de pintura. Como ten moitos, meteunos en dúas caixas diferentes, cada unha delas co interior separado para albergar unha ducia de frascos. Case coma se fosen ovos! E para darlle un toque máis persoal pintou os bordos exteriores e nun deles debuxou o seu nome.

A idea de Gema sérvenos para agrupar todo o material de oficina que temos dispersado. Ela conseguiu aproveitar ata o soporte da caixa de ovos. No espazo que ocupaban cada un dos ovos colocou agora un obxecto diferente para almacenalos  ordenadiños. Temos un oco para as chinchetas, outro para os clips, para as gomas….o caso é atopar todo no seu sitio cando nos faga falta. Xenial!

Outra semana chea de fantásticas ideas do concurso 1 idea, 1 árbore. Moitas grazas a tódolos participantes desta semana por estas propostas tan útiles para todos. Lembramos que con cada unha delas estades a axudar a recuperar a biodiversidade da nosa comarca e de toda Galicia ao mesmo tempo que reciclamos a nosa icónica caixa. Podedes consultar as ideas das edicións anteriores: 2014, 2015, 2016, 2017, 2018 e 2019.