Feira dos Santos, o evento do outono na Ulloa

Xa se están ultimando os preparativos para este venres un de novembro, no que tes cita na comarca da Ulloa, concretamente en Monterroso, moi preto de Pazo de Vilane. Tradición, gastronomía, música e festa é o que atoparemos na Feira dos Santos, cuxo orixe se remonta á Idade Media. Cada ano chegan miles de persoas que veñen gozar, mirar e comprar decenas de produtos artesanais e autóctonos.  

Foi declarada Festa de interese turístico galego en 2011 e se autodenomina como a Feira das Feiras en Galicia, pola súa dimensión e pola diversidade de produtos que ofrece. Chegou a converterse na máis importante e soada festa de Monterroso. A súa orixe remóntase a 1450, data da que se teñen probas documentadas, e hoxe en día segue mantendo a súa esencia. Está vinculado a un imposto sobre o sal cobrado na contorna da vila. O mercado deu orixe á vila, que se formou pola súa estratéxica situación como cruzamento de camiños de arrieiros, comunicando a costa galega con Castela e o resto da península. 

As últimas investigacións apuntan a que a feira pode ter unha antigüidade de 800 anos e no século XX xa estaba consolidada como a primeira feira de cabalos de Galicia. De aquí partían os animais de tiro que traballaban en terras en Castela antes da chegada da maquinaria. Como dato curioso sobre esta feira, trala Primeira Guerra Mundial, outras feiras deixaron de realizarse pola pandemia de gripe, menos a de Monterroso, que resistiu grazas aos postos e vendedores de  láudano e outros remedios contra a enfermidade.

Gastronomía, música e cabalos agárdante en Monterroso

As aldeas e parroquias que hai ao redor das terras da comarca da Ulloa atraen a seguidores, que aproveitan para facer turismo antes de ir á Feira dos Santos, onde contemplar fermosos templos, cruceiros, castros e pazos, como Pazo de Vilane. 

 A día de hoxe, segue reunindo a miles de persoas e para moitos converteuse nunha tradición para celebrar o día de Tódolos Santos. De interese nacional, hai que acudir aínda que só sexa unha vez para ver “a Feira das feiras”, que aínda conserva elementos propios como o mercado gandeiro, onde os  regateos seguen presentes nas negociacións.

Ademais de gandería, poderá gozar do “polbo a  feira” e un milleiro de postos de venda ambulante ofrecerán os mellores produtos de tempada como castañas ou mel. Centeo, doces, ovos campeiros, pan de Melide, viño de Chantada ou licor de augardente de Portomarín ou Rodeiro son só algúns dos produtos autóctonos que podes atopar. 

E se o xamón de Monterroso xa ten bastante prestixio, o queixo artesanal non queda atrás; desde 1993 celébrase a “Feira do Queixo da comarca da Ulloa” e converteuse noutro manxar que poderás atopar na feira. As rúas da vila serán habitadas por feirantes con produtos de campo, cestería, vimbias, xuncos, bixutería, flores, roupa e calzado acompañados de música, exhibicións de cabalos e degustacións gastronómicas.  

Sen dúbida a Feira dos Santos é o evento do outono e converteuse nun referente do gran mercado dos alimentos de tempada. Unha visita obrigada para os amantes da tradición e cultura galega. Esperámosvos a todos o día este un de novembro na comarca da Ulloa. 

 E como di o seu cantar popular:

“Se ti viras o que eu vin

 alá arriba en Monterroso;

viente e cinco xastres xustos, 

a cabalo dun raposo”.