O Entroido de Casa de Naia

Imaxe extraída do libro O entroido de Casa de Naia, de Antonio Gato Soengas.

O Entroido tivo dende sempre unha grande relevancia no Concello de Antas de Ulla. Especial repercusión tiña o Entroido de Casa de Naia, parroquia situada no sudeste do concello, no que participaban moi activamente toda a veciñanza.

É difícil precisar a orixe deste entroido, que se seguiu celebrando durante a ditadura a pesar de estar prohibidas as ruadas e entroidos, ata 1950. Na súa organización traballaba toda a parroquia, dende a mocidade ata a xente maior. Asociados a este entroido hai personaxes de gran sona na comarca, como Pepe do Cruceiro, Antonio do Carneiro, Antonio de Dourado ou Ramón de Bispo.

No Entroido de Casa de Naia amosábase un micro-mundo, unha sociedade reducida á súa mínima expresión, na que se representaban unha grande cantidade de oficios de diferente consideración dende o punto de vista social. Esta particularidade facía a esta entroidada moi permeable para incorporar gustos e modas propias e estranxeiras, como a intervención dunha compañía de fusileiros de infantería, reflexo das vivencias militares da época, ou os danzantes, que amosaban unha parodia daqueles aos que a fortuna acompañaba na emigración e volvían renegando da súa fala, costumes, e incluso da súa vestimenta. Tamén eran moi curiosas as coplas de cego, moitas delas de contido criollo.

A última celebración do Entroido de Casa de Naia foi en 1950, coa festa no seu máximo esplendor, que contaba cada ano con máis de cen persoas tanto da propia parroquia como doutras parroquias veciñas. Ao parecer, o ánimo das autoridades gubernamentais e eclesíásticas de acabar coa festa, engadido á sangría producida pola emigración entre a xente nova, foron as causas da desaparición dunha das entroidadas máis nomeadas da Galicia do interior e un grande exemplo de traballo e colaboración parroquial.

 

Bibliografía: O entroido de Casa de Naia, Antonio Gato Soengas.