Xogos sen fin coa caixa de Pazo de Vilane

 

É un avión, un galo, un robot? Non! É unha caixa de ovos campeiros de Pazo de Vilane. Que formas máis creativas de darlle unha segunda vida ás nosas caixas. Moitas veces parece que a imaxinación dos pequenos da casa non ten fin e con todas as ideas que vos traemos hoxe, ides sorprendervos gratamente.

Cada ano aumenta a cantidade de persoas que vos animades a participar na campaña 1 idea, 1 árbore. A idea é transmitir os valores do lema reducir, reciclar e reutilizar. Cada acción cotiá ten consecuencias na saúde do medio ambiente e hábitos tan básicos na nosa vida diaria como separar á hora de tirar o lixo poden facer máis do que cremos.

Por todos estes motivos, alegrámonos dobremente cando recibimos ideas que chegan dos nenos e nenas. Eles son o futuro e hoxe traémosvos algunhas das súas ideas máis creativas.

O galo de Nieves

A idea de Nieves non pode ir máis acorde con todo o que engloba Pazo de Vilane. Aínda que nós temos galiñas en liberdade, ela decidiu crear un bonito galo coa nosa caixa de ovos  campeiros. A forma do animal quedoulle moi lograda. Como podedes ver, non lle falta a cabeciña coa crista e o pico. Tamén engadiu os ollos cun rotulador para que estea todo completo. Para facer a parte da cola aproveitou tamén parte da nosa caixa. E como non falta detalle neste bonito galo, as patiñas tamén están elaboradas con cartón e coloreadas a posteriori. Encántanos!

Un boneco para Laura

A pequena Laura púxose ao choio para darlle unha nova vida á nosa caixa e o resultado foi do máis enxeñoso. Para crear este boneco utilizou a caixa grande de Pazo de Vilane xunto con outros materiais como goma eva, botóns, adhesivos de cores ou rolos de papel hixiénico. Mentres que a nosa caixa serve de tronco para este especial boneco, os rolos de cartón fan de axustadas pernas e os brazos elabóranse con goma Eva. Despois xa é a quenda de engadir tódolos detalles para dotar do maior realismo posible ao xoguete. Un pouco de arte para debuxar a cabeza sobre un folio e unha caixa, adhesivos para darlle colorido e a xogar.

A voar con Alicia

Con esta idea podemos chegar ata o infinito e máis aló. Alicia creou o seu propio avión  Antonov. Trátase dun dos modelos máis populares de aeronaves, de orixe ucraína e aos que a nena lle saca todo o partido. A través dun bo recorte, a parte superior da caixa transfórmase nunhas ás e con outro anaquiño xa temos a parte alta. Soamente nos queda facernos cun folio para recrear a parte dianteira do avión, decorala cos detalles e facer un pouco de maxia. O pegamento é básico para que todo quede perfecto. E despois xa soamente queda elixir destino e a voar!

Podes consultar todas as ideas que recibimos nas edicións anteriores do concurso 1 idea, 1 árbore de Pazo de  Vilane aquí: 2014, 2015 , 2016 , 2017 e 2018.