O futuro xa está aquí! Vale, aínda non hai coches voadores polas rúas e o do teletransporte está un pouco atrasado pero imos presentar uns utensilios de cociña tan tan modernos que ides pensar que estamos no século XXII. Bo, veña, igual non tanto. Pero a finais do XXI seguro que si. Os avances en cociña deixáronnos unha serie de instrumentos para cociñar ovos do máis sorprendentes. Hainos para darlles formas, para cocelos, con forma de animalitos, futuristas… O que está claro é que cando acabes de ler, quereralos todos!
O deseño de Peleg Design
Peleg Design é un estudo de deseño que busca que os seus artigos para a vida cotiá cumpran sempre tres requisitos: funcionalidade, humor e estética. Criterios que cumpre á perfección Yolkfish. Non nos confundimos nin tampouco escribimos mal unha palabra descoñecida. Trátase dun dos produtos estrela da casa relacionados cos ovos. Ten forma de peixe e permite separar a xema da clara dunha forma fácil e divertida mediante a absorción. Aquí o tedes en acción:
Fantástico, verdade? Pois tamén ten un parente chamado Yolkpig, que como o seu nome indica, ten forma de porquiño. Pero aínda hai máis. Os amantes da redes sociais seguro que xa coñecedes este invento que vos presentamos a continuación pero non sabiades que era de Peleg Design. Nos últimos meses fíxose viral un dispositivo con forma de pingüíns que serve para cocer e servir ovos cocidos. O seu nome é Egguins e encántanos.
A forma perfecta
Os ovos campeiros de Pazo de Vilane teñen unha forma perfecta pero hai veces nas que queremos darlles un toque diferente e transformalos pero sen que perdan o seu sabor. Para iso están estes divertidos moldes de silicona que se usan unha vez que o ovo foi cocido. Tan só hai que pelalos e metelos nos botes un bo intre. Se se introducen na neveira acelérase o proceso. Como resultado teremos un bonito ovo con forma de estrela, flor ou coelliño.
Tamén existen utensilios de cociña que nos permiten darlle unha nova vida aos ovos fritos. Son ideais tanto se tes nenos pequenos en casa coma se simplemente queres darlle un toque novo aos teus pratos. E un punto máis ao seu favor: son fáciles de usar.
Tamén podes atopar en calquera bazar tixolas ou moldes con diferentes formas para facer ovos fritos. Os de corazón e flor son dos máis vendidos aínda que nos últimos anos están a popularizarse e tamén os hai con palabras. Ollo, spoiler, os resultados non sempre saen perfectos cando as siluetas son complicadas. Máis dunha persoa devorou o seu prato sen saber se comeu un can, un gato ou un león.
Os utensilios máis prácticos
Xa te contamos que os ovos son un dos alimentos máis completos que existen. Por iso, cada vez están máis presentes en todas as cociñas do mundo e, en consecuencia, aparecen utensilios e aparellos para que cociñalos sexa aínda máis práctico.
Utensilio para cocer ovos
Un deles é un cocedor de ovos. Como o seu propio nome indica, este dispositivo serve para realizar a cocción do alimento sen ter que recorrer á forma tradicional de fervelos en auga nunha pota. Existen moitos modelos no mercado pero todos eles facilitan esta tarefa. Tan só tes que introducilos no aparello e esperar o tempo indicado.
Un cortador de ovos moi orixinal
Outro dos aparellos que tamén che facilitará a vida é o cortador de ovos. O seu funcionamento consist en meter o ovo xa cocido no aparato e sairache laminado cun simple movemento. É moi similar aos cortadores de froita e o seu funcionamento tamén. Adoitan traer diferentes formas para que poidas conseguir o tipo de corte que mellor se adapte ao que necesitas.
É fantástico, verdade? O mundo dos utensilios e aparellos de cociña para ovos é sorprendente. Cal che gustou máis? Nós non saberiamos con cal quedarnos pero si temos clara unha cousa. Os ovos que usariamos para probar todos eles sempre serán os de Pazo de Vilane. Porque achegan nutrientes esenciais para o organismo e ademais proveñen de galiñas campeiras que foron criadas en liberdade e con tódolos coidados en Galicia.