Letras Galegas 2018, adicado a María Victoria Moreno Márquez

Extremeña de nacemento, chegou a Galicia con 22 anos para traballar como mestra. Destacou no eido da literatura infantil e xuvenil. Sobre Galicia e o seu idioma dicía: “A miña relación con Galicia e a miña opción pola súa lingua é simplemente unha historia de amor”. O seu primeiro libro en galego é Mar adiante (Edicións do Castro, 1973). Anagnórise (Galaxia, 1989) está considerado un dos maiores éxitos da literatura xuvenil da nosa lingua. Aínda que o seu libro preferido era Leonardo e os fontaneiros (Galaxia, 1986). En Pazo de Vilane quedámonos, como é lóxico, co libro O Cataventos reeditado recentemente por Urco Editora. Por culpa do fachendoso galo Don Pío, as galiñas e os paxariños son as únicas criaturas que non poden vivir en liberdade na aldea. A envexa e a ambición levarano á soidade máis absoluta. Por esta narración María Victoria Moreno gañou o premio de contos infantís O Facho en 1975.