Lendas sobre o Castro de Amarante de Antas de Ulla

Neste lugar está situada a fortaleza medieval de Castro de Amarante, construída no século XIII sobre un poboado castrexo, que foi derrubado e construído en varias ocasións, e sobre o que tamén existe outra lenda que xa vos contaramos sobre un pasadizo que comunica esta construción co Monte Farelo. Conta esta lenda que baixo a igrexa do Castro de Amarante, construída sobre un poboado castrexo, nos tempos dos mouros había tres minas: unha de ouro, outra de prata, e unha terceira de alcatrán. Se algún día alguén as descubría e as quería extraer, podería ocorrer unha gran desgracia, pois mentres que estivese a de ouro e debaixo a de prata ben, pero no caso de que a de alcatrán quedase arriba ou no medio ao extraer algunha das outras dúas, prendería un lume que calcinaría a igrexa e os seus arredores, incluído o pobo. Ademais, tamén se conta que neste lugar habitaban unhas meigas protectoras do amor sincero, que castigaban de xeitos moi diversos a aqueles mozos que querían enganar a algunha moza.   Moi preto tamén se atopa o Balneario de Frádegas, outro lugar cunha gran historia. Dúas paradas obrigatorias na vosa ruta se algún día vos achegades a visitarnos.