A lenda do río Furelos

Aquí, en Antas de Ulla, son moi populares o mito do Castro Amarante, do que xa vos falamos no noso blog e, tamén, a lenda sobre a Ponte de San Xoán do río Furelos, situada na parroquia de Furelos, en Melide, a 25 minutos de Vilane. Trátase dunha ponte medieval de catro arcos construída no século XII sobre o curso do río Furelos, moi coñecido hoxe en día posto que sobre el discorre o itinerario do Camiño Francés a Santiago. A esta ponte medieval, documentada tanto na Tombo de Sobrado como no Códice Calixtino, tamén se lle chama inapropiadamente ponte romana ou románica. A pesares de que se trata dunha ponte de inequívoca fábrica medieval, barallouse que fora construída en tempos de romanos, aínda que no imaxinario popular tamén o asocia aos mouros. Así, conta a lenda que os veciños querían facer unha ponte pero os seus medios no eran suficientes para tal obra. Por iso decidiron acudir a un mouro que se ofreceu a facelo a cambio de ouro. Este construíno pero deixou unha pedra mal colocada para que a ponte, ao pasar un tempo, sufrira desperfectos e os veciños se viran obrigados a recorrer de novo a él, e outra vez a cambio de ouro. Non foi un, senón varios os enganos daquel mouro. Ao enterarse, os veciños quentaron unha pedra antes de que este viñera a recolocala, e así queimou a man deixando a pedra coa súa marca. A ponte, a presa, o Camiño e a aldea de San Xoán forman un conxunto de incalculable valor patrimonial, cultural e etnográfico que debería ser conservado. Unha parada obrigatoria se algún día vos animades a visitar a contorna de Pazo de Vilane.