Huellas Conscientes: calculando a pegada de carbono de Pazo para loitar contra o cambio climático

En Pazo de Vilane estamos máis que comprometidos co medio ambiente. Son varias as accións que realizamos ao longo do ano pensando no seu coidado e en favorecer á contorna que nos rodea. Desde o ano 1996 levamos tentando que o pazo se converta nunha unidade de produción agrícola ao mesmo tempo que o fai tamén nun centro social e cultural da comarca da Ulloa.

Dentro da nosa estratexia ambiental quixemos dar un paso máis e achegar o noso graniño de area na loita contra o cambio climático. Este fenómeno global está directamente vinculado coa cantidade de gases emitidos á atmosfera e co efecto invernadoiro. É vital que todo o mundo se implique: cidadáns, administración pública, organizacións e tamén as empresas como Pazo de Vilane. Por isto, estamos a desenvolver o programa “Huellas Conscientes” en colaboración con Cuatrotercios e ISENER,o Instituto de Sustentabilidade Enerxética.

Huellas Conscientes

Co inicio deste programa en Pazo de Vilane imos calcular a pegada de carbono da nosa empresa, é dicir, a cantidade de gases de efecto invernadoiro que emitimos ao ano. Este será o primeiro paso dunha acción que se completará con varios obradoiros dirixidos aos directivos e traballadores para que eles tamén se conciencien. A solución está tamén nas súas mans.

Para o cálculo da pegada é necesario comezar por identificar as fontes emisoras dos gases, instalacións, vehículos, sistemas de refrixeración e electricidade fornecidas por terceiros. Unha vez que se calculen as cantidades, haberá que establecer como obxectivo primordial reducir a cantidade de emisións. A primeira parte deste programa está formado polos seguintes pasos:

1) Determinación dos límites da organización. Inventario de instalacións, vehículos, maquinaria, etc. Análise de incorporación das granxas integradas. 

2) Recompilación de documentación. Desde custos de mantemento ata facturas de combustibles fósiles e eléctricas.

3) Recompilación de datos de mobilidade do persoal mediante enquisas.

4) Realización de cálculo seguindo a metodoloxía “GHG Protocol” (Standard Corporate para contabilidade e informes do Protocolo de gases de efecto invernadoiro), que é o sistema que constitúe a metodoloxía internacional con maior implementación na actualidade e que segue as directrices IPCC.

5) Elaboración de informe.

Análise de resultados

O diagnóstico da situación de Pazo de  Vilane en relación coas súas emisións de CO2, indicador de  ecoeficiencia por excelencia, utilizarase para mellorar a nosa eficiencia como empresa en tódolos ámbitos. Tamén nos servirá para ser partícipes de Acción polo clima e daranos a oportunidade de rexistrar a nosa pegada de carbono a nivel oficial e optar ao Selo ‘Calculo+Compenso+Reduzo’ outorgado pola Oficina Española do Cambio Climático.

Ademais, identificaremos o consumo de cada unha das nosas instalacións e a distribución de actividades emisoras de CO2 polo que poderemos plantexarnos a eficiencia enerxética de Pazo de Vilane. O seguinte paso será o de identificar as posibles medidas a tomar e analizar as posibles melloras a realizar. Unha vez que esta primeira parte de Huellas Conscientes estea finalizada e coas súas conclusións logradas, pasaremos á segunda acción de talleres que vos contaremos proximamente.

Lembrade, hoxe tamén é o momento de comezar a actuar fronte ao cambio climático. Se non, en 20 anos arrepentirémonos.