Probablemente terás visto algunha vez aves de plumas cor acibeche, pero… sabías que existen galiñas totalmente escuras, dos pés á crista, incluíndo o interior do seu corpo? A galiña Ayam Cemani, orixinaria de Indonesia, é a máis negra entre as negras; orixinal onde as haxa, estamos seguros de que te vai deixar sen palabras.
De tódalas galiñas coñecidas, a Ayam Cemani é, sen lugar a dúbidas, unha das máis rechamantes e singulares, e non só polo seu aspecto exterior (absolutamente negro) senón sobre todo polo seu interior, onde, así mesmo, se expresa a escuridade máis absoluta.
Todo na galiña Ayam Cemani é negro: dende a pel e a carne, aos ósos, o pico, a crista, as unllas, as patas, os órganos internos (corazón, fígado, aparello dixestivo ou reprodutivo) ou, por suposto, as plumas. Até os ollos e a lingua son negros!
Só o sangue, en todo o corpo da Ayam Cemani, sae da norma, se ben é dun vermello tan escuro que é fácil confundilo co negro.
Por que á galiña Ayam Cemani é tan negra?
A característica cor desta galiña é debido a un trazo xenético, unha mutación que, segundo se cre, se produciu nesta ave asiática oito séculos atrás.
O xene EDN3 ou Endotelina-3, encargado de regular os melanocitos ou células da pigmentación, expresouse ou sobre-manifestouse na Ayam Cemani, provocando unha hiper-pigmentación de todo o seu organismo denominada fibromelanose e causando o tinguido de todos os seus tecidos, até o punto de que incluso a súa medula ósea sexa negra.
Non obstante, non aconteceu o mesmo coas plumas, que teñen unha negrura que é produto da expresión doutros xenes.
Outras galiñas negras
Agora ben, a Ayam Cemani non é a única galiña negra do reino animal. Esta mesma mutación produciuse na galiña sueca negra, ou Svart Hona, que expresa os mesmos trazos de fibromelanose, e que descendería da primeira.
A teoría máis aceptada é que a galiña sueca é descendente de polos Ayam Cemani que mariñeiros escandinavos introduciron no século XVII en Noruega, exportándoos a través dunha ruta que nacía en Indonesia, pasaba por Mozambique e finalmente desembocaba nos países nórdicos.
De feito, a análise do ADN parece corroborar esta hipótese. Segundo un especialista en xenética da Universidade de Uppsala (Suecia), a cor negra procede dunha reorganización complexa do xenoma. E todas as razas de galiñas con este fenotipo descenderían dunha única mutación inicial que se remonta a unha soa galiña de fai centos ou mesmo miles de anos.
Por iso parece moi probable que algúns europeos observaran nas súas viaxes a Asia estas aves negras e, marabillados pola súa orixinalidade, as conservaran a través de cruces, para transportalas e adaptalas aos diferentes climas dos seus países de orixe.
En consecuencia, esta escaseza e singularidade provocou que durante anos a galiña Ayam Cemani fora unha ave extremadamente cotizada. De feito, en EEUU, onde existen fortes restricións á importación de aves por temor á gripe aviar, chegáronse a acadar os 2.500 dólares por un exemplar adulto.
Ademais, os pitiños son moi difíciles de conseguir, porque as Ayam Cemani non son boas nais e non incuban os seus ovos de forma natural, así que a escaseza eleva aínda máis o seu prezo.
Sen embargo, en Europa as galiñas Ayam Cemani, onde foron descritas por primeira vez en 1920 por parte de colonos holandeses ao seu retorno a Europa tras unha viaxe comercial, xa comezan a atoparse na actualidade con relativa normalidade.
A súa introdución foi relativamente recente, en 1998, cando o holandés Jan Steverink a importou ao seu país e comezou a criala con éxito. Hoxe en día pódense atopar grupos da raza en Eslovaquia, Alemaña, República Checa e cotízanse a alto prezo -aínda que non prohibitivo- entre criadores especializados.
Tampouco no seu lugar de orixe é unha ave ao alcance de calquera. A galiña indonesia Ayam Cemani (ayam en indonesio significa galiña ou polo, mentres que Cemani fai referencia á localidade onde se cre que é orixinaria) é dende tempos ancestrais unha ave que só se poden permitir as elites asiáticas.
E é que, en Indonesia, coma no resto do mundo, é tamén escasa. Rara vez se atopa nos mercados e a súa carne non é de uso común. Ou ben é consumida como unha exquisitez ou capricho en restaurantes de luxo, ou ben se vincula ritos que en moitos casos datan da era pre-islámica, antes do século XII.
En efecto, a carne da Ayam Cemani emprégase en multitude de cerimonias relixiosas; por exemplo, as persoas de clase adiñeirada, previamente a embarcarse nun negocio ou construír un edificio, acostuman acudir a un xamán para que sacrifique un polo negro como ofrenda aos espíritos.
Tamén as persoas máis ricas procuran crialas para escoitar o seu canto e comer a súa carne, posto que existe a crenza de que con estes actos prolongarán a prosperidade económica de toda a familia.
Características e outros datos curiosos da Ayam Cemani
A Ayam Cemani é lixeira, resistente e de porte elegante. É frecuente que os machos se acheguen aos dous quilos ou os dous quilos e medio, mentres que as femias oscilan entre o quilo e medio e os dous quilos.
Non é unha ave dada ás enfermidades, polo que a cría de exemplares adultos non ofrece dificultades especiais. As súas plumas son dun negro tan intenso que arrancan reflexos irisados verdosos cando as ilumina o sol directamente, o que as fai moito máis rechamantes.
Non lles gusta incubar, polo que resultan malas nais; só se poden criar estes polos en incubadoras artificiais. Ademais, poñen poucos ovos, un centenar ao ano, como moito. Por iso mesmo os pitiños poden acadar cifras moi elevadas, ao igual cós ovos fecundados.
Pensabas que os ovos eran tamén negros? Pois, non. Curiosamente, supoñen a excepción á regra de que as galiñas de plumas escuras poñen ovos morenos, xa que son dunha cor branca que tira lixeiramente ao rosado.
Ademais, a carne das Ayam Cemani é moi rica en ferro, polo que en moitas partes de Asia se recomenda a súa carne para paliar estados de carencia deste mineral en mulleres embarazadas ou en persoas con anemia.
Por todo o que mencionamos máis arriba terás comprobado que a galiña Ayam Cemani é unha das máis singulares. A súa completa negrura, a curiosa mutación dos seus xenes e a crenza ancestral nos seus supostos poderes máxicos convértena nun caso único dentro da gran familia das razas de galiñas.
Pero existen outras moitas que che van encantar. Invitámoste a coñecelas a todas elas, dende as máis exóticas, como a Silkie ou Sedosa do Xapón, até a grande e tranquila Cochinchina, pasando por algunhas das autóctonas españolas, como a utrerana, a galiña de Mos galega ou a castelá negra.
De todas elas podes seguir aprendendo características e comportamentos insólitos e moi curiosos.
Fontes:
Gustouche este artigo? Pois ofrecémosche moito máis! Subscríbete ao noso boletín e recibirás un libro dixital gratuíto!