Expresión e convinción, o deseño da caixa de ovos de Pazo de Vilane

(Por Pepe Barro) Un viño é moi sensible, decía Álvaro Cunqueiro, mesmo un personaxe funesto que pase a carón dunha viña, pode estragar toda unha colleita. Un viño, decía o escritor, recolle até o son dunhas campás na lonxanía, e desde logo a fala e as cancións da xente na vendima. Lembro tamén agora que o meu colega Carlos Rolando explicaba que para un norteamericano, o viño é un produto máis, hai champú, zume de froitas, coca-cola, viño…, pero para un europeo, o viño forma parte da cultura. Teño para min que o que están a dicir Cunqueiro e Rolando pódese extender a todo o que son os alimentos e as comidas, todo é parte da cultura, dunha cultura determinada. Porque para un europeo o país, o territorio, cambia a cada pouco que se percorre o continente e hai diferencias na alimentación e na culinaria, pero tamén na lingua que expresa esa cultura, porque a un francés non lle cabe na cabeza que un galo cante quiquiriquí, porque todos os galos da Francia francófona cantan cocoricó. Tamén é certo que por culpa dunha galiña que tiña amores cun galo, miña nai e máis a vosa quedaron no río berrando e, por tanto, se hai cantares, lingua, formas de cría ou receitas culinarias diferentes, poño por caso, hai cultura diferente. O que estou a dicir é que os europeos somos ricos, ricos en culturas distintas que son a expresión de como un pobo está no mundo, velái tamén a cultura como orixe, que en concreto é a garantía dos productos alimentarios con personalidade. Quen perde as orixes perde identidade Debo dicir que unha das decisións tomadas no proceso de deseño da caixa de ovos do Pazo de Vilane foi a de incorporar á embalaxe, de xeito visible, a palabra Galicia, é dicir explicitar a orixe. Se algún creto temos acadado nos países da Península Ibérica é o de cultivar, criar, pescar e elaborar uns bos produtos alimentarios. Pero quizais nesta cidade da Coruña, o metrosidero non deixe ver o bosque, a fraga, o souto, a carballeira, o piñeiral. Se non é por esta falta de visión non se explica que un proxecto tan interesante, concebido para dar visibilidade a emprendementos innovadores do campo galego, promovido neste local por Hijos de Rivera, R e Gadis, acabe encarnado en nomes tan fóra de lugar como o metrosidero das antípodas: Pop-up store, máis propio do corozón de Manhattan ou Mercado de la Cosecha, arrancado quizais de Motilla del Palancar. Máis ilustrativo é o cartaz elaborado para a ocasión, unha parodia do cadro American Gothic de Grant Wood, que pasa por ser a representación emblemática dos granxeiros norteamericanos de principios do século XX. En todo caso, o que parece que queren indicar é que para ser modernos, para promover iniciativas innovadoras, cómpre erradicar todo vestixio da orixe, parece que neste lugar de Rego de Auga, 38, quérese construir un non lugar. Entenderán mellor vostedes o meu abraio se lles lembro que en 1906, cando bota a andar noutro lugar da Coruña a Estrella de Galicia, aquí mesmo, no primeiro andar desta casa, abre as súas portas a Real Academia Galega, que manten aquí por moitos anos a súa sede social, tantos que en 1916, un grupo de coruñeses pide prestado este local para celebrar a fundación das Irmandades da Fala, unha agrupación que en primeiro lugar procura pasar da teoría da lingua á práctica da fala. Aquelas persoas formaban parte dos que desde finais do século XIX e durante os principios do XX, na cidade da Coruña construíron unha cultura galega urbana, poboada de cantares e de lieder, de poemas e de lendas, de historia, de paisaxes pintadas, de teatros, xornais e orfeóns. E todo isto que lles estou a contar non forma parte do marketing, ou quizais si, pero desde logo ten moito que ver coa orixe, coa identidade. É unha bagaxe que ao seu xeito estaba no maxín dunha persoa que en 1966 fundou en Lugo o máis grande equipo de baloncesto do noso país, ao que non por casualidade nomeou Breogán. Estou a falar de Juan Varela- Portas y Prado (1930-2010), o iniciador deste proxecto do Pazo de Vilane e pai de Nuria, Piedad e Juan, que hoxe continúan e desenvolven con éxito a súa empresa. Un novo concepto, un novo reto E lembro a Juan Varela-Portas e á súa filla Nuria no meu atelier, en 1997. “Claro que temos que facer produtos de calidade, todo o que se pon á venda debe ter calidade, pero en realidade o dificil, o verdadeiro reto, é facer un produto con personalidade”. Juan falaba de ovos, da Ulloa, de liberdade, das galiñas que coidaba a súa filla Nuria nos terreos do Pazo, pero o seu entusiasmo parecía a anunciación duha causa. E os deseñadores necesitamos facernos un pouco cómplices dos nosos clientes e non hai nada que nos seduza máis que un novo reto. Porque a convicción forma parte da expresión, aquel mesmo día comecei a traballar, daquela reunión no atelier de Grupo Revisión Deseño xurdiron a caixa de ovos e a identidade corporotiva do proxecto que se xestaba naquel pazo da Ulloa (lembren de novo a cultura, Los Pazos de Ulloa, a novela de Emilia Pardo Bazán, que por certo naceu nesta mesma rúa do Rego de Auga). Como deseñador teño o privilexio de vivir, nos dezasete anos transcorridos desde aquela primeira conversa, como xurde e se desenvolve un novo estandar. Desde que deseñamos a caixa de ovos, estamos a ver sucesivas imitacións. Pouco a pouco, polo clásico proceso de imitar ao líder, a partir de Pazo de Vilane configúrase un novo tipo de produto que probablemente acade un espazo propio nos liñais do supermercado. En 1997, Pazo de Vilane puxo no mercado un novo concepto e desencadeou unha tendencia, aqueles “ovos de galiñas en liberdade”, como aínda seguen a nomearse na caixa, acadaron anos despois a tipificación e foron homologados pola autoridade competente como “huevos camperos”. Todos os champús deben parecer un champú, os aceites, un aceite, a marxe para a diferenza entre marcas é escasa. Compre deseñar dentro das convencións do xénero ou subxénero que identifica cada familia de produtos. Arredarse e romper coas pautas pode resultar fatal para unha nova marca que se aventura ao mercado. As decisións de compra no super son rápidas e se o deseño se afasta moito, pode que non nos identifiquen, se onfunde excesivamente non destacas. Velaí un dilema que os deseñadores de embalaxes deben afrontar. Hai unha estreita marxe para a orixinalidade, todo aconsella unha actitude conservadora á hora de dseñar unha nova embalaxe. Só en poucos casos a ruptura, a creación ex novo, é posible por ser absolutamente necesaria. Innovación na granxa = innovación na caixa, éste foi o caso de Pazo de Vilane, debíamos romper o estandar de ovos e crear unha diferenza, se queríamos expresar a verdadeira personalidade do produto do noso cliente. Podería sair mal pero todo estaba medido, iso forma parte tamén do proceso de deseño. Dificil alonxarse dunha forma de embalaxe tan refinada, como as oveiras de cartón moldeado. Protexen e caracterizan inequívocamente a familia ovos, pero ademais, deseñar para o ovo é tratar coa fraxilidade por antonomaxia. Tivemos que aceptar incluir na caixa unha base de niños de ovo. Pero había que ir máis alá. “En Vilane, din eles, non producimos ovos, coidamos galiñas”. Procuramos que a caixa fose compacta, feita de cartón ondulado, troquelado e pregado, sen cola nin plástico. Arroupa e protexe de abondo o produto, pero a protección é só unha das funcións da embalaxe, a comunicación se cadra é máis importante. O cartón ondulado, impreso en tampografía era tamén perfecto, encaixaba, integrouse no propio vocabulario elixido para o discurso a transmitir: artesanía, coidado, valores tradicionais, empresa de ámbito rural… O cartón non só é un material idoneo por prezo e adaptación, o cartón é tamén parte da mensaxe. Houbo que superar o medo a que o produto non se vira sen abrir a caixa, necesitábamos desbotar o plástico e en Vilane apoiaron a aposta. Deseñouse unha caixa fácil de armar sen medios mecánicos, a primeira produción da empresa non podía permitirse un investimento en maquinaria só para a embalaxe. Hoxe, coa produción actual, pódese dicir que un posto de traballo ocúpase só en armar caixas, cousas da vida. E aquela caixa resultou case un estoxo que os clientes valoran positivamente e mesmo algúns namóranse dela. Recentemente, unha iniciativa de Pazo de Vilane na rede, levou a unha especie de concurso no que diferentes compradores explicaron os usos que lle dan á caixa: para gardar fíos, programas de ordenador, tés, mostras científicas de sedimentos, para diferentes envíos postais… Dentro das tres “r” que prescribe a norma ecolóxica, o “r” de reutilizar cumpriuse por sedución e empatía xerada cos clientes. Ademáis, dixeridos os ovos, a caixa continúa a comunicar a marca. Claro que tamén hai quen a forra con fermosos papeis pintados. O segundo “r” estaba implícito na elección da materia, o cartón ondulado vai e ven de reciclar. Só nos pasamos en tamaño, non conseguimos reducir, o terceiro “r”, pero é só unha pequena diferenza, amplamente compensada. Postos a aforrar materia e enerxía decidimos estampar a caixa só cunha tinta e, unha vez máis, a alección do verde fíxose con intención, o verde tamén é parte do discurso. Unha pequena etiqueta autocolante contén o texto informativo que prescribe a normativa, pero ademais, a etiqueta actúa como sinal de garantía, de autenticidade, de frescura… A representación de imaxes mediante fotografía é moi dificil nos métodos de impresión utilizados, pero ademais, a fotografía está ligada a produtos industriais e nós necesitábamos dicir todo o contrario. Recrear unha representación tradicional de orixe artesanal, imperfecta —creo lembrar que copiamos fielmente todas as imperfeccións do modelo elixido— , utilizar unha estampa inxenua pero encantadora, foi a nosa estratexia. Buscamos o motivo no repertorio popular, porque o popular prima o simbólico sobre o naturalista, de aí esa galiña de grande forza expresiva, achada nunha vaixela de cerámica popular de Barçelos. O xeito de definir as imaxes con puntos non ten que ver coa cultura aborixe australiana, é consecuencia da estampación dos pratos a través dunha lámina de múltiples furados que deixan pasar o baño de cor, aplicado a man sobre cada peza. De aí esa imperfección que fai de cada prato un exemplar único. Velaí o proceso de deseño. Oxalá que neste relatorio escoitárades tamén ao lonxe as campás de Vilane e a fala e as cancións dos deseñadores no desenvolvemento do proxecto. Velaí tamén o esforzo dunha xente de Lugo, da Ulloa que coidan galiñas que se crían en liberdade, na Galicia máis verde e máis fiel á súa esencia natural. Desde a súa creación, a caixa de ovos Pazo de Vilane foi escollida para participar en sete exposicións de deseño: 1997 : Conformando ideas, proxectos de Barro, Salgado e Santana, 1977-1997. Universidade de Santiago de Compostela. 2000 : Signos del siglo. 100 años de diseño en España. Museo Nacional Reina Sofía, Madrid. 2001 : Diseño español. Feira industrial de Delhi, India. Ministerio de Industria de España. 2002-2003 : Pasión, spanish design Salamanca capital europea da cultura. Salamanca, Vieana, Berlín, Chicago. 2004 : A creación do necesario, aproximacións ao deseño en Galicia MARCO, Museo de Arte Contemporánea, Vigo. 2009 : Produce, consume,recicla. Diseño de envase y embalaje. Círculo de Bellas Artes, Madrid. 2014 : Best Brandign: Packaging. Alimentaria, Fira de Barcelona.