Descubrindo as galiñas: galiña Wyandotte o American Sebright

Galiña Wyandotte

Dentro da nosa serie Descubrindo as galiñas, presentámosche a galiña Wyandotte, tamén coñecida como American Sebright.

Trátase dunha ave de bo tamaño, tranquila e cunha plumaxe adornada por un patrón de cores extraordinario. É unha excelente galiña de dobre propósito (aprovéitase tanto a súa carne coma os seus ovos) perfecta para iniciarte con facilidade na arte da avicultura.

Historia da galiña Wyandotte

A galiña Wyandotte é orixinaria de EEUU, do estado de Nova York, e foi o resultado dos esforzos duns visionarios que buscaban unha galiña robusta e de fácil manexo, que se adaptara ben ao duro inverno norteamericano.

En 1970 catro criadores avícolas, H.M. Doubleday, John Ray, L. Whittaker e Fred Houdlette, conseguiron a partires de cruces que prevaleceran unha serie determinada de trazos: considerable postura de ovos, plumaxe esponxosa (para facer fronte ao frío) e bo tamaño, a fin de que un so exemplar puidera proporcionar un bo aporte de carne nunha comida para unha familia de 5-6 membros.

Galiña Wyandotte

Parece claro que os primeiros cruces se fixeron a partir de galiñas e galos Sebright prateados e galiñas Cochinchinas brancas, por iso as actuais Wyandotte conservan trazos das dúas. Esta teoría apóiase en que a primeira Wyandotte oficialmente coñecida foi a prateada, na cidade de Nova York.

Sen embargo, outras fontes sinalan que estes criadores seguiron investigando para mellorar a estirpe e introduciron holandesas prateadas, Hamburgo e algunhas cochinchinas leonadas, ademais da galiña Brahma.

Fora como fora, o certo é que esta fermosa raza foi admitida na APA (American Poultry Association) norteamericana en 1883 e tomou a denominación Wyandotte, o nome dunha das tribos que habitaba o territorio de Nova York e de Ontario (Canadá) antes da chegada dos colonizadores.

En seguida se exportaron a Europa, e fixéronse populares en países como Inglaterra ou Rusia. En 1925 xa recorreran boa parte do vello continente, onde se crearon outras variantes, como a Wyandotte anana.

A mediados do XX, e coincidindo coa avicultura industrial, esta raza estivo en serio perigo de extinción, pero por fortuna iniciou a súa recuperación nos 90 e dende 2016 deixouse de considerar ameazada.

Características das galiñas Wyandotte

As Wyandotte chaman a atención polos seus graciosos corpos redondeados e os espectaculares patróns de cores que locen as súas plumaxes. Aínda que a variedade Silver Laced é hoxe en día a máis común, xa comentamos que foron as prateadas as orixinais.

Galiña Wyandotte pastando

Ao longo da historia, a APA recoñeceu 9 cores no seu estándar de perfección: negro (1893), azul (1977), pel de ante (1893), colombino (1905), cordón dourado (1888), perdiz (1893), prateado (1883) e prata a lapis (1902). Non obstante, hoxe en día outras asociacións avícolas admiten bastantes máis.

É unha galiña de dobre propósito, de tamaño grande, que se desenvolve con facilidade e que ademais proporciona unha carne tenra e de agradable sabor.

Aínda que os libros soen situar o peso dos galos nos 4 qg e o das galiñas en 3.2 qg, non é difícil, se están ben coidados e alimentados, que superen con facilidade os 5 qg e os 4 qg respectivamente.

A súa postura é bastante aceptable para ser unha galiña de dobre propósito, uns 200 ovos ao ano (se reciben bastante luz e alimento suficiente), de bo tamaño e cor marrón.

É unha ave ancha, de dorso cóncavo e característica forma de lira. Ten a crista rizada e en forma de chícharo, os tarsos amarelos e as orellas moi vermellas. As plumas son anchas e bastante esponxosas.

A pesares de que acadan un peso considerable, debido á forma do seu corpo e a súa plumaxe liviá, representan incluso maior volume.

Non se recomendan os galos Wyandotte como mascotas, si as galiñas, porque son máis dóciles. Precisamente o macho caracterízase porque é un garda incansable da súa manada. Mesmo é capaz de defendelas de pequenos animais, pois ataca até a morte.

Se aínda así queres un galo Wyandotte como mascota, non o deixes ao coidado dos nenos, e dedícalle bastante tempo diario para acostumalo aos aloumiños e deste modo que amanse.

Como criar unha galiña Wyandotte?

A Wyandotte é unha galiña escasa, non moi común en Europa, especialmente se falamos de exemplares moi puros, de calidade. Así que, se queres dedicarte á súa crianza, é boa idea investir nun macho san e forte e nalgunhas pitiñas, e escoller ben a maneira de cruzalos, posto que obterás uns poliños moi cotizados.

Aprecian moito o pastoreo libre: son ávidas cazadoras de sementes, herbas, forraxe, insectos e vermes. Encántalles pasear polo campo en manda, a un ritmo sosegado. Como che diciamos antes, os galos son moi bos protectores, polo que asustarán sen problema a gatos ou cans se se achegan demasiado.

Aguantan ben os climas fríos, e son moi boas nais, tanto á hora de chocar como no coidado dos pitiños. Estes soen ser bastante fortes e desenvólvense moi rápido.

En definitiva, a Wyandotte é unha ave ideal para iniciarse na cría de galiñas campeiras e desfrutar coa súa evolución tódolos días.

FONTES:

Galiña ponedora

Hablemos de aves

Gustouche este artigo? Pois ofrecémosche moito máis! Subscríbete ao noso boletín e recibirás un libro dixital gratuíto!