Como se reproducen as galiñas

Como se reproducen as galiñas? Se agora mesmo che fixesen esa pregunta, saberías responder? Seguramente que a maioría de persoas non o teñen moi claro. Sabemos que hai ovos polo medio pero non dos que temos en Pazo de Vilane. Nós soamente contamos con galiñas nas nosas granxas polo que, ao non haber galo, non se pode producir a fecundación. Polo tanto, é imposible que dos ovos campeiros das nosas galiniñas acaben aparecendo pitiños.

A reprodución da galiña tamén a relacionamos con outra pregunta moi frecuente e que se leva realizando desde tempos inmemoriais: que foi antes, o ovo ou a galiña? En Pazo de  Vilane amamos ás galiñas; dese coidado sae o noso lema  “non fabricamos ovos, coidamos galiñas”. E para coñecer o máximo sobre elas e darlles o máximo benestar, aprendemos todo o posible. Por iso, imos contarvos dunha forma moi didáctica como se reproducen as galiñas.

A reprodución das galiñas

Evidentemente, a forma de reprodución das galiñas é ovípara. A fertilización realízaa o galo de forma interna e despois ten de producirse a incubación dos ovos. É dicir, para que as galiñas se reproduzan debe haber un galo. Tedes que saber que son aves polígamas, polo que non supón un problema que haxa un só exemplar masculino para un grupo de ata dez galiñas. Os galos coidan que as galiñas non se vaian con outros machos e protéxenas destes en todo momento.

Aínda que é certo que non é un comportamento único, podemos dicir que o habitual é que a reprodución das galiñas se realice nos meses menos fríos. A primavera e o verán son as estacións nas que máis procrean. Isto é debido a que a temperatura é máis agradable e tamén a que dispoñen de máis horas de luz ao longo do día.

O ritual de apareamento e a fecundación

Do mesmo xeito que ocorre con outras aves, o galo e a galiña realizan un curioso ritual de  apareamento. Cando o galo capta que ela está receptiva empeza a facer unha especie de baile ao seu ao redor. Baixa unha das súas ás e empeza a moverse en círculos. A galiña pode agachar a cabeza para mostrar que está lista ou escaparse inicialmente. Sexa como sexa, o galo acabará por collela e subirse encima, agarrándoa da crista ou das plumas da zona do pescozo.

No seguinte paso, o galo subirase ao dorso da galiña e abrirá as plumas da cola para conectar as cloacas dos dous e depositar na da femia o seu saco de esperma. Unha vez que este último paso se realiza, os dous animais sepáranse e o galo comeza a procura do seguinte exemplar a  fecundar. Se o atopa, repetirá o proceso de apareamento de novo.

O saco de seme dura varios días dentro do aparello reprodutor da galiña para facer que coincida co proceso de ovulación e sempre se produza a fertilización do ovo. Cando falamos da formación dos ovos realízase na xema, nunha parte do oviducto da galiña chamada  infundíbulo. 

A incubación

Unha vez que a galiña pon o ovo fertilizado, comeza coa fase de incubación. A galiña encargarase con moita atención de coidar dos seus ovos e non se separará para nada deles. Incubaraos co seu corpo para proporcionarlles toda a calor que necesitan para formarse. É durante este período durante o que se di que a galiña está choca 

Galiña con seus pitiños

A choca finaliza tras un período duns 21 días nos que a galiña coida dos seus ovos e protéxeos de posibles ataques do galo ou doutros bichos. Poderá ter como máximo, 10 ovos para incubar. Ao cabo deste tempo, nacerán os pitiños. Incrible, verdade?

Chegados a este punto, a eterna pregunta non parece tan fácil de resolver. Durante moitos séculos tentouse dar resposta á pregunta de se foi antes o ovo ou a galiña, converténdoo nun dilema para aplicar á vida. O certo é que, algúns estudos científicos afirman que o ovo foi antes que a galiña mentres que outros traballos din xusto o contrario. E ti, que opinas?