Como fritir un ovo

Friendo ovos en sartén

Seguro que algunha vez oíches a expresión “non sabes nin fritir un ovo”, e pensarías que non é moi xusta, porque non é tan sinxelo dominar esa técnica.

E é que, confirmámolo, non todo o mundo sabe como fritir un ovo perfecto nin darlle o toque ideal.

Á hora de fritir un ovo, cométense moitos erros: ou rompen as xemas, ou quedan demasiado feitas… Tamén hai quen os queima por baixo ou xusto ao contrario, deixa a clara sen callar, dándolle un aspecto cru e xelatinoso moi pouco apetecible.

Cando de ovos fritos se trata, non é difícil cometer estes tropezóns culinarios (e outros moitos) e encima poñer a cociña perdida porque o aceite saltou.

Pero descoida, indagamos e achamos luz sobre as mellores técnicas para fritir un ovo (con todos os seus pasos e trucos) que che describimos a continuación, para que poidas elixir segundo os teus gustos: con puntilla, sen puntilla, con pouco ou moito aceite, coa xema centrada ou ao carón…

Como evitar que o aceite salte cando frites ovos

Un inciso: respecto a como evitar que o aceite salte mentres frites un ovo, o único que debes facer é evitar que o aceite quente entre en contacto con auga. Así pois, elixe ovos campeiros moi frescos, porque a medida que transcorren os días e envellecen acumulan máis auga no seu interior.

Doutra banda, e polo mesmo motivo, saca os ovos da neveira unha media hora antes de fritilos: isto fará que o contraste de temperatura entre o aceite e a auga do ovo non sexa tan acusado.

Ademais, elixe unha boa tixola antiadherente e, se podes, resérvaa só para fritir ovos. Usa só utensilios de madeira ou silicona para non relala e lávaa a man, só despois de deixala arrefriar aos poucos (non uses o chorro frío da billa).

Cando a vaias a usar, comproba que estea ben seca. Ás veces as tixolas que non son de boa calidade conservan humidade nas xuntas, entre o mango e a propia tixola.

Agora ben, unha vez que te asegures de todo o anterior, o truco definitivo para que non salten os ovos ao fritilos, o que moitos cociñeiros  top empregan, é engadir un chisco de fariña no aceite, xusto antes de botar o ovo. Tamén hai quen substitúe a fariña por sal. Próbao, e xa nos dirás.

A partir de agora poderás facer gala de saber facer o ovo frito perfecto. Quenta a túa tixola, que che contamos todas as técnicas punto por punto.

Ovo frito con puntilla

Ovo frito con puntilla

Un dos preferidos dos españois e un dos máis fáciles de facer, por certo.

Quenta abundante aceite de oliva virxe extra na túa tixola, con xenerosidade. Unha vez fumee, vai cascando tantos ovos como che apeteza comer (Que menos que dous?).

Agora vén o truco principal: non movas o ovo nin lle botes aceite por encima, tan simple como iso.

Espera uns 30 segundos e sácao. Máis sinxelo, imposible, verdade?

Ovo frito sen puntilla con xema ao carón

Ovo frito sen puntilla

Para elaborar un ovo frito sen puntilla e coa xema ao carón quenta un chorrito de aceite de oliva virxe extra na tixola. Non botes demasiado, só o suficiente como para “manchar” o fondo.

Quéntao amodo, a lume medio, e non esperes a que humee. Unha vez que teña temperatura, coloca no centro un aro duns 10 cm de diámetro e verte con coidado o ovo no centro.

Non deixes que a tixola colla temperatura, ou se che queimará; mantén sempre unha calor constante, medio tirando a baixo. Tampouco movas o ovo ata que estea callado.

Cando vexas que está listo, retira o aro cunhas pinzas (porque queimará) e serve.

Ovo frito sen puntilla coa xema centrada

ovo frito con café

Deberás proceder como no caso anterior, pero á hora de verter o ovo, separa primeiro a clara da xema e reserva esta última.

Verte dentro do aro primeiro a clara (bátea primeiro se che gusta que quede completamente lisa) e unha vez estea case callada, engade a xema xusto no centro. Deixa uns poucos segundos e saca o ovo completo a un prato.

Lembra que a clave desta fritura é controlar moi ben a temperatura, pois en canto suba un pouco máis da conta queimaranse os bordos ou incluso toda a base do ovo.

Podes facer leste mesmo tipo de ovo con dúas unidades, é dicir, incorporando as dúas claras batidas ao principio e as dúas xemas cando estas estean calladas; todo iso, dentro dun aro máis grande ou dunha tixola pequena.

Ovo frito con puntilla e xema velada

Ovo frito con touciño e torrada de tomate.

Se che gustan os ovos coa xema cuberta, deberás realizar a operación anterior, pero botando aceite sobre o ovo.

Ten coidado de facelo só cando a clara xa estea callada e esteas a piques de sacalo; en caso contrario quedarache a xema demasiado feita.

Ovo frito “ao seu aire” e con pouco aceite

Ovo frito en verduras

Outro dos máis doados. .

Mancha a tixola cun chorriño de aceite, quenta (non demasiado, que non alcance unha temperatura alta) e envorca o ovo

Move o mango para que a clara se reparta ben e calle deseguido. Xa o tes!

Como ves, fritir o ovo frito perfecto ten “o seu aquel”, pero unha vez coñeces todas as técnicas e os seus  truquiños, converteraste sen esforzo no mellor especialista.

Só debes ter en conta que canto máis frescos e ben producidos sexan os teus ovos campeiros (a partir de galiñas en liberdade, que pasten todos os días do ano en pastos frescos e verdes) mellores serán os teus resultados na cociña. Que aproveite!

Gustouche este artigo? Pois ofrecémosche moito máis! Subscríbete ao noso boletín e recibirás un libro dixital gratuíto!