As caixas de cartón que se converten nun fogar

Non deixa de sorprendernos a imaxinación dos máis pequenos para darlle unha segunda vida ás nosas clásicas caixas de cartón. Co obxectivo de fomentar a reutilización e avanzar nunha maior concienciación social sobre a necesidade da reciclaxe, algúns dos nosos participantes decidiron empregar a nosa particular embalaxe como unha orixinal casiña de xoguete.

Cun pouco de maña e moitas ganas de buscar unha segunda vida para as nosas caixas, os nosos pequenos seguidores fabricaron estes orixinais xoguetes. É o caso de María Rosa, que nos sorprendeu por convertela en todo un parque acuático para as súas baleas. Non só empregou o envoltorio, senón tamén a caixa de ovos interior para simular unha piscina na que puxo en remollo á súa baleniña. Coa caixa, preparou unha estancia perfecta para os seus bonecos, que descansan nela antes de empezar a diversión. 

Sorprendidos deixounos tamén o traballo de Antar, que puxo todo o seu empeño en simular unha casa á que mesmo engadiu unha terraza. Encantounos recibir esta imaxe e observar como coidou ata o mínimo detalle utilizando a caixa de ovos para simular unha fachada á que mesmo pintou todas as plantiñas decorativas en cada un dos balcóns. O da terraza xa é de 10. Antar non se esqueceu de ningún dos mobles e accesorios necesarios para pasar unha tarde perfecta ao aire libre. Un cómodo sofá e unha mesa para gozar dunha comida moi especial sen esquecer libros e revistas para pasar o tempo da mellor forma. Unha idea incrible para dar unha segunda vida ás nosas caixas.

A proposta máis moderna chéganos desde o usuario Treintamiluno, que preparou un loft do máis confortable e distribuído dunha forma ideal para convertelo nun auténtico fogar. No piso de abaixo, dispuxo un salón coa súa televisión, o seu sofá e a súa mesiña de centro. Arriba, preparou unha ampla e cálida habitación na que non escatimou en detalles. Nin sequera se esqueceu de engadir uns coxíns para que os seus bonecos descansen  placidamente. Treintamiluno demóstranos os seus dotes de arquitecto e decorador de interiores decorando as paredes para darlle un toque aínda máis de fogar á súa orixinal creación. 

A iniciativa 1 idea, 1 árbore volveu a ser un éxito de participación un ano máis. Recibimos máis de 400 propostas para a reutilización da caixa de ovos campeiros e ese será tamén o número de árbores autóctonas que plantemos nas nosas leiras. Deste xeito avanzaremos na nosa misión de  reforestar a comarca da Ulloa. 

Volvéstesnos a sorprender con todas as posibilidades das nosas caixas de cartón para darlle unha nova vida a un material totalmente biodegradable. Usos agrícolas, casiñas de xoguete… A vosa imaxinación non ten límites cando se trata de coidar o medio ambiente. Estade atentos ao noso blogue porque seguiremos mostrándovos todos os usos que ten unha embalaxe tan respectable co medio ambiente como bonito. 

Lembrade que podedes consultar as ideas de reutilización da caixa de ovos  camperos recibidas en 2014, 2015 , 2016 , 2017 y 2018.