Coñecendo ás galiñas en liberdade

Co sol brillando máis que nunca, Pazo de Vilane recibiu o pasado sábado aos máis de cen visitantes que se achegaron á Xornada de Portas Abertas. Chegaron persoas de todos os puntos de Galicia, tamén de Segovia e de Valladolid. O interese en coñecer todo o que rodea ao universo dos ovos campeiros notábase no ambiente.

Os primeiros asistentes chegaron ao pazo, situado no municipio de Antas de Ulla, minutos antes das 11 da mañá. Familias ao completo, parellas, xente nova e moitos nenos chegaban coa ilusión marcada nas súas caras. O obxectivo era coñecer todo o que rodea a Pazo de Vilane, desde o propio pazo pasando pola granxa, poder ver ás galiñas en liberdade e ver como pasan a súa día a día.

A benvida, prevista para as 11:30 horas, tivo lugar no xardín do pazo. Os visitantes esperaron a chegada de todo o grupo paseando entre as históricas árbores e o hórreo. Piedade Varela-Portas foi a encargada de dar a benvida a todos os asistentes a este día tan especial. A continuación explicou, coa axuda da súa irmá Nuria, a historia que rodea ao pazo familiar. Fíxose un repaso polos máis de 300 anos de historia da edificación, pola volta á vida tras un período de abandono ou as máis recentes obras de rehabilitación, para darlle uso á cuadra ou á  palleira.

Foi neste momento no que se aproveitou tamén para presentar ao equipo de traballadores presentes, as persoas que fan posible co seu quefacer diario que os ovos campeiros de Pazo de Vilane cheguen aos fogares. Tras coñecer os detalles, os visitantes puideron coñecer o patio do Pazo e a capela familiar. 

Coñecendo ás galiñas

Tras a visita histórica, chegou o momento máis esperado da Xornada de Portas Abertas: ver ás galiñas de preto. Juanpi, responsable de produción de Pazo de Vilane, pediu aos máis pequenos que o acompañasen ao interior do recinto e tras explicarlles brevemente a vida das galiniñas, chegou o momento de velas saír ao exterior e gozar delas no seu hábitat natural. As galiñas campeiras achegáronse aos pequenos visitantes con gran curiosidade.

Envasado do ovo campeiro

Despois de que maiores e pequenos visen ás galiñas que poñen os ovos campeiros de Pazo de Vilane, chegou o momento de achegarse á nave de envasado. O equipo explicoulles o proceso de clasificación dos ovos, desde que entraban no almacén ata que saían listas nas caixas da galiña. E o mellor, puideron ver todo o proceso en vivo e en directo. Os traballadores de Pazo de Vilane ofrecéronlles o seu mellor sorriso mentres realizaban o seu traballo. 

O que máis gustou a todos os visitantes foi o momento de preparación da caixa, xa que cada unha delas móntase de forma artesanal e con gran velocidade, dada a experiencia dos nosos empregados neste mester. Despois de coñecer o traballo que se realiza no almacén, chegou o punto e final da bonita xornada. 

Todos os visitantes puideron comprar os produtos de Pazo de Vilane, desde os famosos ovos campeiros pasando pola variedade de marmeladas e, como non, por elementos de merchandising como cuncas ou mandís. Para finalizar a Xornada de Portas Abertas fíxoselle entrega a cada un dos visitantes dunha camiseta de agasallo de Pazo de Vilane para que se puidesen levar de recordo deste día inesquecible para todos.